O novo servizo de transporte urbano de Santiago de Compostela deberá entrar en funcionamento nun prazo máximo de tres meses, despois de que o Concello formalizase xa o contrato coa empresa adxudicataria. O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, confirmou a sinatura e explicou que a Administración municipal e a futura operadora comezaron a preparar a transición entre o modelo actual e a nova rede.
Para coordinar este proceso constituíuse un grupo de traballo integrado por representantes do Concello e da UTE adxudicataria, que deberá abordar durante as próximas semanas os distintos cambios técnicos e operativos necesarios antes da posta en marcha. O contrato foi adxudicado á unión temporal de empresas formada por Alcalabus, Castromil e Autobuses Urbanos de Lugo, cun custo para as arcas municipais de 118,8 millóns de euros.
A transición afectará tanto aos propios vehículos como aos sistemas empregados polas persoas usuarias. Entre as tarefas pendentes están a rotulación dos autobuses, a implantación dunha nova aplicación móbil, a incorporación de novos medios de pagamento e a renovación dos diferentes cartóns de bonobús.
Duro sinalou que “este é un proceso complexo no que hai que atender moitas cuestións, desde a rotulación dos autobuses ata a implantación dunha nova APP, pasando pola posta en marcha de novos sistemas de pago ou a renovación dos diferentes cartóns de bonobús, e todos estes cambios requiren un tempo de adaptación”.
O Concello prevé tamén desenvolver unha campaña informativa durante as próximas semanas para explicar á veciñanza o funcionamento do novo modelo e os cambios que deberán ter en conta as persoas que empregan habitualmente os autobuses urbanos. Segundo o responsable de Mobilidade, o obxectivo será que os usuarios poidan coñecer “o mellor posible” as novidades antes da entrada en funcionamento do servizo.
A implantación do contrato modificará diferentes aspectos da rede actual. Segundo as previsións municipais, o novo modelo permitirá ampliar a cobertura xeográfica do transporte urbano, modificar horarios e frecuencias e aumentar a fiabilidade do servizo, ademais de incorporar ferramentas tecnolóxicas para o seu seguimento.
Entre elas estará un novo Sistema de Axuda á Explotación, destinado á xestión e control da rede, xunto coa nova aplicación para dispositivos móbiles, coa que as persoas usuarias poderán acceder á información do transporte.

