O Teatro Principal de Santiago abrirá o vindeiro martes, 15 de setembro, a programación do XV Encontro Artes pola Integración, unha iniciativa que emprega as artes escénicas como ferramenta de inclusión e de visibilización de persoas con diferentes capacidades. O Concello de Santiago participa no certame a través das áreas de Dereitos Sociais e Capital Cultural.
A primeira cita en Compostela será o espectáculo de danza contemporánea ‘Arte a Escena’, no que participarán 15 intérpretes con e sen diversidade. A proposta contará ademais coa música en directo da creadora Su Garrido e servirá para inaugurar unha nova edición dun encontro que desenvolverá actividades tanto en Santiago como na Coruña.
A programación compostelá continuará o sábado 19 de setembro no Centro Xove da Almáciga, que concentrará varias das propostas previstas nesta edición. A primeira delas comezará ás 18:30 cunha mostra e obradoiro de danza contemporánea dirixido por Sol Picó.
A actividade está concibida como unha sesión de investigación arredor do movemento, o traballo físico e emocional e o desenvolvemento da creatividade a través do corpo. Tras o obradoiro, o Centro Xove acollerá unha nova representación de ‘Arte en Escena’.
A xornada completarase no mesmo espazo coa participación de Julio César Iglesias e Carlota Pérez, que presentarán a súa proposta ‘Antes de desaparecer’. Deste xeito, a Almáciga converterase nun dos principais escenarios composteláns desta décimo quinta edición do encontro.
O festival mantén así o seu formato habitual, repartindo as actividades entre espazos escénicos, centros institucionais e a rúa e combinando propostas profesionais con iniciativas nas que participan persoas con diferentes capacidades. O obxectivo do encontro é utilizar a creación artística como punto de encontro e como vía para favorecer a participación de persoas que poden atopar dificultades de acceso aos circuítos culturais e sociais.
PROGRAMACIÓN TAMÉN NA CORUÑA
Fóra de Santiago, o XV Encontro Artes pola Integración desenvolverá boa parte da súa programación na Coruña. Entre as propostas previstas figura a quinta edición das xornadas de pensamento ‘Asamblea Diversa’, xunto coa actuación da Nova Banda do Rural Flumen, ambas na Fundación María José Jove.
Tamén se celebrará unha nova sesión de ‘Experimentadanza’ no Centro Ágora, ademais de actividades coa participación de Su Garrido e Palomica Lloca Producciones.

