A Universidade de Santiago de Compostela inaugurou este venres o curso académico 2026/2027 cun acto no Salón Nobre do Colexio de Fonseca no que a memoria da emigración galega serviu como punto de partida para abordar algúns dos principais desafíos actuais da institución. A defensa da universidade pública, a situación das persoas migrantes e a protección dos dereitos humanos ocuparon boa parte das intervencións.
A cerimonia deixou ademais unha imaxe inédita nos máis de cinco séculos de historia da institución compostelá: por primeira vez, a apertura oficial dun curso académico estivo presidida por unha muller á fronte do Reitorado, Rosa Crujeiras.
A reitora centrou parte do seu discurso no papel que a emigración galega desempeñou historicamente na extensión do acceso á educación. Crujeiras recuperou a figura de Gumersindo Busto, emigrante que impulsou hai un século a Biblioteca América, e lembrou tamén as máis de 300 escolas de americanos construídas en Galicia co financiamento procedente da emigración para facilitar a formación das xeracións posteriores.
Desde esa mirada histórica, Crujeiras reivindicou a educación superior pública como o resultado dun proceso colectivo que, advertiu, require ser protexido e reforzado. Segundo sinalou, trátase dunha conquista social que “non se pode dar por terminada nin por garantida”.
A cuestión dos dereitos humanos apareceu tamén na intervención da presidenta do Consello de Estudantado, Iria Liñares, que chamou a reforzar o papel social da universidade nun escenario internacional condicionado polos conflitos bélicos e polo avance dos discursos de odio.
Liñares advertiu de que o estudantado actual deberá desenvolver a súa vida profesional nun contexto no que continúan producíndose vulneracións de dereitos e reclamou á comunidade universitaria unha posición activa diante destas situacións.
“E se algo debe ensinarnos a universidade é que ningunha fronteira pode ser máis importante que unha vida humana. Non podemos permitir que a distancia converta o sufrimento alleo en cifras ou titulares”, afirmou.
A representante estudantil defendeu que tanto a USC como o conxunto do sistema universitario galego manteñan o seu compromiso coa solidariedade coas persoas migrantes e coa defensa dos dereitos humanos.
Nesa mesma liña, a secretaria xeral da Universidade, Alicia Villalba Sánchez, lembrou durante a exposición da memoria académica que no curso 2025/2026 a USC concedeu 12 axudas a estudantes procedentes de zonas de conflito. Ademais, máis de 4.200 estudantes participaron ao longo do pasado exercicio en actividades vinculadas ao voluntariado.
FINANCIAMENTO E PATRIMONIO ENTRE AS PRIORIDADES DO NOVO CURSO
Crujeiras aproveitou o discurso inaugural para debullar tamén algunhas das liñas de traballo previstas para o novo exercicio académico. Entre elas situou o financiamento das universidades públicas, nun momento no que comezan a perfilarse as negociacións arredor do Plan Galego de Financiamento Universitario 2028-2032.
A reitora trasladou ás administracións que o debate non debería centrarse unicamente nos recursos necesarios para manter o sistema. “A clave non é canto custa manter as universidades públicas, senón canto lle podería custar a Galicia non facelo”, afirmou.
Outro dos asuntos abordados foi o estado das infraestruturas universitarias e, de maneira particular, a cuestión da vivenda para a comunidade universitaria. Crujeiras fixo referencia ao recente desprendemento rexistrado no Colexio Maior Sanclemente e recoñeceu que a Universidade “non chegou a tempo” para evitar a situación.
Como resposta, anunciou que a USC presentará ante o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana un plan de vivenda no que se incluirán actuacións relacionadas co parque residencial universitario e con outros inmobles da institución.
“Preservar o noso patrimonio non é unha opción, non lle podemos dar a espalada por moito que supoña importantes investimentos para a institución. Buscarémolos. Demandarémolos”, sostivo.
O plan da Reitoría pasa tamén por incrementar e reforzar as prazas públicas nas residencias universitarias, así como reservar capacidade para persoas da comunidade universitaria que atravesen circunstancias temporais ou imprevistas. A USC pretende igualmente poñer en marcha proxectos piloto vinculados coa convivencia inclusiva e interxeracional.
Crujeiras dirixiuse directamente ao estudantado para reclamar implicación na súa etapa universitaria. “Estar aquí xa é un privilexio: o privilexio de ter a oportunidade. E esa oportunidade só se converte en mérito cando se aproveita”, indicou.
A renovación do persoal foi outra das cuestións presentes na intervención da reitora. Crujeiras incidiu na necesidade de afrontar a substitución xeracional nalgunhas áreas de coñecemento, así como de avanzar na planificación dos cadros de persoal, actualizar os programas de formación e reforzar as políticas de atención á diversidade.
Dentro das prioridades para o novo curso, a reitora detívose especialmente no impacto da intelixencia artificial na docencia, na investigación e na xestión universitaria.
Crujeiras anunciou que durante o curso 2026/2027 se despregará a Estratexia para unha Intelixencia Artificial Responsable da USC, que estará apoiada en dous instrumentos principais.
Por unha banda, a Universidade elaborará unha regulación destinada a establecer principios sobre transparencia, responsabilidade, supervisión humana, integridade académica e científica e protección da información. Pola outra, porase en marcha un plan específico de formación sobre o uso responsable destas ferramentas.
MÁIS DE 25.700 ESTUDANTES NAS AULAS
O acto de apertura comezou coa lectura da Memoria do curso 2025/2026, presentada pola secretaria xeral, Alicia Villalba Sánchez, e estruturada arredor da docencia, a investigación, a transferencia de coñecemento, a cultura e a xestión.
Durante o pasado curso, a USC impartiu 53 graos, dez programas de simultaneidade, un grao aberto, 79 títulos de máster e 57 programas de doutoramento.
Villalba destacou tamén a obtención polo Grao de Farmacia do Selo de Excelencia, que se suma á distinción coa que xa conta o Grao en Veterinaria impartido no Campus de Lugo.
“Sen menosprezar o labor que demanda a actividade ordinaria encamiñada á acreditación da calidade universitaria, vale a pena congratularnos da obtención polo Grao de Farmacia do Selo de Excelencia”, sinalou.
A Escola de Doutoramento Internacional contou durante o exercicio anterior con 2.812 persoas matriculadas. En conxunto, a oferta académica ordinaria da USC atende a 25.757 estudantes, aos que se engaden outros 2.642 matriculados en estudos propios.

