InicioCULTURAO Compostela Street regresa ao Campus Sur con tres días de deporte,...

O Compostela Street regresa ao Campus Sur con tres días de deporte, arte urbana e concertos

A segunda edición celebrarase do 18 ao 20 de setembro cun Campionato de España de breaking, a primeira proba internacional puntuable de chase tag en Santiago, freestyle, skate, calistenia, graffiti, obradoiros e música urbana

Publicado o

Xornal de Compostela

O Compostela Street celebrará a súa segunda edición os días 18, 19 e 20 de setembro nas pistas deportivas do Campus Sur da Universidade de Santiago, cun programa que amplía o formato estreado o pasado ano e que combina competicións, exhibicións, obradoiros, arte urbana, concertos, mercado e gastronomía. Todas as actividades serán de acceso gratuíto, tanto para o público como para quen participe nas propostas abertas.

A concelleira de Mocidade, María Rozas, presentou o programa xunto cos representantes da organización Pablo Castiñeira e Alberto Muíño. Na presentación participou tamén Hugo Salgado, responsable dunha das actividades incorporadas ao festival a través dos Orzamentos Participativos de Mocidade.

Rozas explicou que o Concello decidiu manter o apoio ao proxecto despois da primeira edición e relacionou a iniciativa coa recuperación en 2024 do antigo Compostela Skate, que levaba case unha década sen celebrarse. Segundo indicou, a resposta aos Orzamentos Participativos amosa o interese existente entre a mocidade compostelá por propostas relacionadas coa música, o graffiti e outras expresións da cultura urbana.

A segunda edición incorpora novas disciplinas e competicións de ámbito estatal e internacional. Entre elas figura novamente o Campionato de España de breaking, ao que se engadirá a final da liga galega desta disciplina, así como competicións de calistenia, skate, baloncesto 3×3 e freestyle fútbol.

Unha das principais novidades será o chase tag, unha modalidade baseada no xogo de persecución e vinculada ao parkour e ás carreiras de obstáculos. Santiago acollerá unha competición internacional puntuable para o ranking mundial, segundo explicou Castiñeira, con equipos procedentes de Portugal, Francia e distintos puntos de España, ademais dunha formación compostelá creada este ano.

O formato enfronta dous deportistas nunha estrutura con barras e obstáculos: un deles dispón de 20 segundos para escapar mentres o rival intenta alcanzalo. A organización pretende introducir desta forma en Compostela unha disciplina que xa reúne comunidades amplas de seguidores noutros países pero que aínda está nunha fase inicial de implantación en España.

A arte urbana ocupará tamén unha parte importante do recinto. O festival contará cunha exhibición de graffiti e cunha proposta vinculada aos Orzamentos Participativos que reunirá artistas galegos con actividade dentro e fóra da comunidade.

A programación anunciada pola organización inclúe os nomes de Poguán, Asten, Horrás, Yoe33 e Doctoy, que traballarán ante o público durante o festival.

A eles sumarase ‘Sabotaxe – Batalla de Muralistas’, un novo formato competitivo no que seis participantes seleccionados entre as candidaturas presentadas terán que intervir un espazo tridimensional durante unha conta atrás de 90 minutos.

O escenario contará con paredes, mobiliario e chan inicialmente brancos e os participantes traballarán en negro. Durante a proba, un xurado introducirá novos retos que obrigarán os muralistas a modificar e adaptar as súas propostas mentres avanza o tempo.

A intención da organización é afastarse dunha exhibición convencional na que cada artista desenvolve unha peza previamente deseñada. Neste caso, a improvisación e a interacción entre os participantes formarán parte da propia competición.

O programa está deseñado para que o público poida tamén probar as distintas disciplinas, e non unicamente asistir ás exhibicións. O sábado e o domingo haberá obradoiros entre as 11:00 e as 14:00, con actividades relacionadas, entre outras materias, co breaking, beatbox, tatuaxe e estampación téxtil.

Tamén se habilitarán instalacións de libre utilización durante determinadas franxas horarias. O espazo contará con dúas estruturas de street football, ás que se poderá acceder sen participar nunha competición ou obradoiro, e a zona de skate abrirase tamén a outras modalidades sobre patíns coa colaboración de Compostela Patina.

O público infantil disporá igualmente de propostas específicas. Entre elas estará unha experiencia de Hot Wheels, pensada como zona de xogo para crianzas e familias.

A oferta completarase cun street market, con artesanía, roupa e outros proxectos vinculados á cultura urbana, e cunha zona gastronómica con foodtrucks.

Castiñeira enmarcou esta combinación de actividades na intención de achegar estas disciplinas especialmente ao público adolescente, unha etapa na que, segundo expuxo, parte da mocidade deixa outras actividades deportivas ou culturais. A proposta busca combinar a dimensión social do encontro coa práctica da danza, o deporte, a pintura ou a creación musical.

FREESTYLE E CONCERTOS ATA AS 02:00

A música volverá ocupar as últimas horas das xornadas. O festival combina artistas galegos con nomes procedentes doutros puntos do Estado e reserva tamén espazo para as batallas de freestyle.

Na primeira xornada, o venres 18, a actividade comezará ás 18:00 en diferentes puntos do recinto. Na pista de baloncesto desenvolverase entre as 18:00 e as 20:30 a batalla de muralistas ‘Sabotaxe’, mentres o espazo de chase tag acollerá no mesmo horario unha masterclass WCT impartida por Esteban, de Fakaw.

No skatepark, Compostela Patina desenvolverá a súa actividade entre as 18:00 e as 20:00, ao mesmo tempo que Yoe33 realizará unha exhibición na zona de graffiti. O ‘Street Studio’ de GLWPWear ocupará tamén o mercado entre as 18:00 e as 20:00.

As batallas de ‘Filtros GN Season’ desenvolveranse na cancha das gradas de 18:00 a 19:30. A partir das 19:45, a actividade trasladarase ao escenario principal para a final de ‘GN Season’, o circuíto galego de freestyle de Gallos del Norte, que se prolongará ata as 22:00.

A continuación comezarán os concertos. DJ Affair abrirá a parte musical entre as 22:00 e as 22:30, antes da actuación de LIL $AM, prevista de 22:30 a 23:15. Tras un DJ set ata as 23:30, subirá ao escenario LG1DO, cun concerto ata as 00:30.

Outro DJ set enlazará esta actuación coa de Santa Salut, que pechará a xornada entre as 00:45 e as 02:00.

A programación musical forma parte dunha aposta pola cultura urbana que, segundo Rozas, foi tamén unha das opcións seleccionadas pola mocidade compostelá mediante os Orzamentos Participativos.

ENTRE 10.000 E 12.000 ASISTENTES NA PRIMEIRA EDICIÓN

A organización calcula que entre 10.000 e 12.000 persoas pasaron polo recinto durante os tres días da edición de 2025. Castiñeira situou ademais o alcance da comunicación do festival arredor dos tres millóns de impactos.

Para esta segunda convocatoria, os responsables aseguran que incrementaron a promoción e sinalaron que a investimento publicitario se multiplicou aproximadamente por catro. Muíño indicou que boa parte dos participantes e equipos que acudiron o pasado ano trasladaron desde entón o seu interese en regresar.

A dimensión do programa implica tamén un dispositivo de produción considerable. Segundo Castiñeira, o festival chega a aloxar en Santiago unhas 80 persoas vinculadas ao persoal técnico e organizativo, ás que se suman competidores e artistas. A organización afirmou que procura que parte das contratacións necesarias para barras e outros servizos se realicen con persoal da cidade.

Os promotores diferenciaron o modelo do Compostela Street doutros festivais urbanos como O Marisquiño, celebrado en Vigo. Muíño explicou que, aínda que existen disciplinas compartidas, o festival compostelán pretende desenvolver unha identidade propia con maior presenza de propostas culturais e de deportes urbanos que aínda non están tan implantados.

Castiñeira incidiu tamén nesta idea e apuntou que o evento santiagués non pretende competir nas grandes infraestruturas relacionadas co skate ou o BMX, senón ampliar o foco cara ao breaking, o freestyle, o beatbox, o muralismo ou o chase tag. “Son eventos complementarios”, resumiu.

CARPAS PREVISTAS SE APARECE A CHUVIA

A maior parte da actividade desenvolverase ao aire libre na contorna das pistas deportivas e do estanque do Campus Sur, polo que a meteoroloxía será outro dos factores que condicionen a montaxe.

A organización confirmou que conta cunha alternativa en caso de precipitacións. O dispositivo contempla unha carpa transparente duns 40 metros de lonxitude capaz de cubrir a pista e as gradas, ademais da posibilidade de instalar outra estrutura diante do escenario para protexer ao público durante os concertos.

Castiñeira explicou que a intención é recorrer a estas instalacións unicamente se resultan necesarias, mantendo mentres sexa posible o carácter aberto do festival.

ÚLTIMAS

A Policía investiga un novo roubo na tenda de Apple da avenida de Barcelona

A Policía Nacional de Santiago de Compostela abriu unha investigación para esclarecer un roubo...

Rozas defende que Santiago xestione directamente os fondos estatais de vivenda

A tenenta de alcaldesa de Santiago, María Rozas, defendeu que o Concello poida xestionar...

O WOS Festival estende a súa novena edición por nove espazos de Santiago con 26 proxectos artísticos

O WOS Festival x SON Estrella Galicia inicia este venres, 11 de setembro, a...

Os CEIP e escolas unitarias de Santiago abren o curso con 4.299 escolares

O curso escolar comezou este mércores en Santiago con 4.299 nenos e nenas matriculados...

O WOS Festival estende a súa novena edición por nove espazos de Santiago con 26 proxectos artísticos

O WOS Festival x SON Estrella Galicia inicia este venres, 11 de setembro, a...

‘El Muelle 1931 Shop’ reúne 15 DJs e coleccionistas en tres xornadas arredor da cultura do disco en Santiago

O barrio de San Pedro converterase durante tres días nun dos puntos de encontro...

Intelixencia artificial, robótica e impresión 3D entran na programación dos centros socioculturais de Santiago

A rede municipal de centros socioculturais de Santiago de Compostela porá en marcha no...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here