InicioPOLÍTICAO PSOE reclama diálogo co persoal municipal antes de continuar os traslados...

O PSOE reclama diálogo co persoal municipal antes de continuar os traslados no Pazo de Raxoi

Marta Abal critica que a reorganización das plantas rehabilitadas se estea abordando sen información previa aos representantes dos traballadores e pide garantías en materia de prevención de riscos laborais

Publicado o

Xornal de Compostela

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que implique os representantes do persoal na organización dos traslados previstos ás plantas rehabilitadas do Pazo de Raxoi. A concelleira socialista Marta Abal considera que o proceso se está desenvolvendo con falta de información previa e pediu que calquera cambio que afecte aos postos de traballo se acorde contando co persoal municipal.

Abal precisou que o seu grupo non se opón á reorganización dos servizos municipais nin ao aproveitamento dos espazos rehabilitados, pero considera necesario que as decisións relacionadas coa distribución dos traballadores se aborden previamente cos seus representantes.

“Non cuestionamos que o Concello reorganice os seus servizos”, sinalou a edil, que engadiu que “o que non podemos compartir é que decisións que afectan directamente ao persoal se adopten sen información previa e sen contar desde o principio cos seus representantes”.

Segundo explicou a concelleira, os representantes dos traballadores municipais levan varios meses solicitando información sobre como se ocuparán as plantas rehabilitadas de Raxoi. O PSOE asegura que esas peticións non recibiron ata agora respostas suficientemente concretas sobre a distribución dos servizos ou o desenvolvemento dos traslados.

Para Abal, esta situación forma parte dunha dinámica que o seu grupo xa cuestionou noutros asuntos relacionados coa xestión municipal. “Levamos demasiado tempo vendo como este Goberno confunde informar, cando as decisións xa están tomadas, con dialogar”, afirmou.

Os socialistas piden que a participación dos representantes do persoal se produza antes de pechar as decisións sobre os traslados, especialmente por tratarse dunha reorganización que pode afectar á localización dos postos, á distribución dos espazos e ás condicións nas que se presta o servizo.

A formación tamén puxo o foco na prevención de riscos laborais. Abal reclamou que os delegados de prevención participen no proceso e que, antes de calquera traslado, se comprobe que os novos espazos cumpren coas condicións necesarias para o persoal que vaia ocupalos.

“Calquera traslado debe facerse con todas as garantías, coa participación dos delegados de prevención”, indicou a concelleira socialista, que pediu asegurar previamente “todas as medidas necesarias en materia de prevención de riscos laborais”.

O Grupo Municipal Socialista reclama así ao executivo encabezado pola alcaldesa Goretti Sanmartín que revise a maneira na que está xestionando esta fase da reorganización interna do Concello e facilite información aos representantes dos traballadores antes de avanzar cos movementos de persoal.

Abal resumiu a petición do PSOE en tres cuestións: “diálogo real, transparencia e información”. Ademais, reclamou á alcaldesa “que garanta que ningún traslado se execute sen a participación e as medidas preventivas necesarias”.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Marta Álvarez reclama ao Concello de Santiago medidas ante os incendios nun baixo de Romero Donallo

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Marta Álvarez, reclamou ao Goberno municipal...

Pedro Blanco e o Ateneo de Santiago reclaman recuperar o liderado cultural e institucional de Compostela

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva do...

Borja Verea destaca as máis de 400 vivendas públicas da Xunta en Santiago e aposta por facilitar que os mozos poidan quedar na cidade

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou o papel dos investimentos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here