O festival “Feito a man” 2026 encherá de música e actividades gratuítas as rúas do Casco Histórico de Santiago de Compostela do 4 ao 22 de agosto. Nunha rolda de prensa, a concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao, presentou a nova edición do evento, acompañada pola súa directora, Ánxeles Porto, e polo presidente da Asociación Cultural Cidade Vella, Suso Pais.
“Se un evento coma este alcanza as 23 edicións, nun tempo de inmediatez, nun tempo de gustos efémeros, é porque, sen dúbida, e sen saír do ámbito da música, damos coa tecla axeitada”, subliñou a concelleira. Durante 18 xornadas, espazos do Casco Histórico compostelán como a Praza da Quintana, a Praza de Cervantes, a rúa Fonte de San Miguel ou Santo Agostiño-Ameas serán puntos de encontro de diferentes xéneros musicais.
Entre as propostas incluídas na programación atópanse o blues e soul de The Spoonfuls; o hard rock de Mother Pearl & The Rockin’Rebels; o jazz afrocubano de Josvany Terry Quartet; a electrónica en galego de Seixo; ou o reggae de Cachas & Cousins, entre outros. O festival está organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que, desde 1987, reúne establecementos de hostalaría da cidade vella cun “claro compromiso” coa cultura e coa cidadanía. Ademais, conta co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e diferentes empresas.
Na actualidade, os establecementos organizadores son Camalea, Modus Vivendi, Atlántico, Chocolate, O Pozo, Casa das crechas, Literarios, A Gramola, Borriquita de Belém, Xuntanza, A Reixa, Momo e O Galo D’ouro. Con todo, a programación completa pódese consultar na web do festival: www.festivalfeitoaman.gal.

