InicioSOCIEDADEWizz Air abrirá unha base en Santiago e conectará Lavacolla con 10...

Wizz Air abrirá unha base en Santiago e conectará Lavacolla con 10 novos destinos, entre eles Varsovia e Roma

A aeroliña comezará a voar a Roma e Varsovia en decembro e estreará en febreiro oito rutas nacionais con Madrid, Valencia, Bilbao, Canarias, Málaga e Zaragoza.

Publicado o

Xornal de Compostela

A compañía aérea Wizz Air anunciou este xoves que abrirá unha base no aeroporto de Santiago de Compostela en febreiro de 2027, desde onde conectará a capital galega con oito cidades españolas. Antes, xa no mes de decembro, comezará a operar dúas novas rutas internacionais con Roma e Varsovia. As novidades foron presentadas nunha rolda de prensa celebrada no Concello de Santiago, na que participaron representantes da compañía, a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. Os billetes para todas as conexións estarán dispoñibles desde este 30 de xullo.

ROMA E VARSOVIA, AS PRIMEIRAS RUTAS

As primeiras operacións comezarán o 1 de decembro coa conexión entre o aeroporto de Varsovia-Modlin e Santiago, que contará con voos os xoves e os sábados. A segunda ruta internacional unirase co aeroporto de Roma-Fiumicino desde o 14 de decembro, con frecuencias os luns e os venres. A estas dúas conexións internacionais sumaranse as tres rutas nacionais anunciadas a principios deste mes —Madrid, Valencia e Bilbao— e outras cinco presentadas este xoves: Gran Canaria, Tenerife, Fuerteventura, Málaga e Zaragoza. As oito rutas nacionais comezarán a operar entre o 1 e o 2 de febreiro de 2027, coincidindo coa posta en marcha da nova base de Wizz Air en Lavacolla. A compañía anunciou tamén este mes a apertura doutras dúas bases en España, situadas en Madrid e Valencia.

UN AVIÓN CON BASE PERMANENTE EN LAVACOLLA

Os participantes na presentación destacaron a importancia de que Wizz Air estableza unha aeronave con base permanente no aeroporto compostelán. Esta decisión permitirá incrementar a flexibilidade da rede, mellorar os horarios e crear a infraestrutura necesaria para que a aeroliña poida continuar medrando e incorporar novas rutas desde Galicia. “A apertura da nosa nova base en Santiago marca outro importante fito na expansión de Wizz Air en España, tras a posta en marcha das nosas dúas primeiras bases españolas en Madrid e Valencia a principios deste mes”, explicou o responsable de Rede da compañía, Samuel Ferrera. Segundo engadiu, o anuncio forma parte do plan de crecemento de Wizz Air para os próximos cinco anos, co que a compañía pretende ampliar significativamente a súa presenza e conectividade en España.

UNHA FROTE DE 270 AVIÓNS E MÁIS DE 1.000 VOOS DIARIOS

Durante a rolda de prensa, a aeroliña achegou tamén algúns datos sobre a súa actividade. Wizz Air conta cunha frota de 270 avións, maioritariamente modelos Airbus Neo, que a compañía define como unha das máis modernas e eficientes do mercado. Durante o último ano transportou arredor de 89 millóns de pasaxeiros a través de máis de 1.000 rutas, que conectan máis de 200 destinos. En total, opera diariamente máis de 1.000 voos.

A XUNTA COMPROMETE APOIO PARA CONSOLIDAR AS RUTAS

Diego Calvo agradeceu á compañía a súa aposta por Santiago, que cualificou de “importante” non só para a capital galega, senón para o conxunto de Galicia. O conselleiro destacou tamén a colaboración entre as distintas administracións e comprometeu o apoio do Goberno autonómico para “consolidar” esta tendencia e favorecer o crecemento da conectividade aérea galega.

SANMARTÍN CELEBRA UN DÍA “MOI FELIZ” PARA SANTIAGO

Pola súa banda, Goretti Sanmartín cualificou a presentación como un día “moi feliz”, resultado dun traballo “intenso” para atraer novas conexións ao aeroporto de Lavacolla. A alcaldesa destacou especialmente a ruta con Roma, xa que Italia é o segundo mercado turístico internacional máis importante para Santiago, só por detrás dos Estados Unidos. Neste sentido, lembrou que en maio se inaugurou a conexión aérea directa con Nova York. Sanmartín sinalou que Santiago conta este verán con 17 rutas internacionais que conectan a cidade con tres continentes distintos. “Seguiremos traballando para que se manteñan no inverno e para que continúen crecendo”, concluíu.

ÚLTIMAS

O Sindicato de Vivenda de Compostela denuncia que unha manifestante ingresou no hospital tras unha agresión policial

O Sindicato de Vivenda de Compostela denunciou que varias participantes nas mobilizacións da folga...

O PSdeG abre a campaña en Santiago cun chamamento á mobilización para o 29-N

O PSdeG iniciou en Santiago a campaña para as eleccións xerais do 29 de...

Pedro Sánchez participará nun acto electoral en Santiago o mércores 18 de novembro

O presidente do Goberno e candidato do PSOE ás eleccións xerais, Pedro Sánchez, visitará...

Fronte Ampla propón crear unha empresa farmacéutica pública en Santiago en colaboración coa USC

A coalición Fronte Ampla presentou este xoves en Santiago de Compostela o seu programa...

A mocidade de Santiago propón novos espazos de lecer e melloras na mobilidade e na comunicación

O Consello Municipal de Mocidade de Santiago de Compostela reuniuse este xoves para estudar...

Condenados a máis de 4 anos de prisión por prender lume a unha discoteca de Santiago con 200 persoas dentro por non deixalos entrar

O que comezou como unha negativa a permitir a entrada nun local de ocio...

O helicóptero do 061 con base en Santiago permanece inoperativo dende o venres por un problema de documentación

O helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago leva sen operar dende o...