O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, reclamou ao goberno municipal a posta en marcha dun plan de actuación urxente na contorna do Multiusos Fontes do Sar, ao considerar que os accesos, os aparcadoiros e os espazos exteriores do recinto presentan un estado de deterioro que afecta á imaxe e ao funcionamento dunha das principais infraestruturas deportivas da cidade.
De la Fuente advertiu de que o complexo é utilizado a diario por deportistas, familias e persoas que acoden a competicións ou actividades culturais, polo que considera necesario actuar sobre unha zona que, segundo indicou, leva tempo sen recibir o mantemento axeitado. O edil popular denunciou “o preocupante estado de deterioro que presentan os accesos, os aparcadoiros e os espazos exteriores do Multiusos Fontes do Sar, unha das principais infraestruturas deportivas da cidade e punto de encontro diario para miles de deportistas, familias e asistentes a competicións e eventos culturais”.
Entre as deficiencias sinaladas polo PP figuran fochancas nos viais de acceso, problemas nos pasos de peóns, acumulacións de auga nos días de choiva, zonas embarradas para o tránsito peonil e un aparcadoiro exterior de terra que, segundo a formación, se atopa degradado. Para De la Fuente, esta situación ofrece “unha imaxe impropia dunha cidade como Santiago” e pon de manifesto a falta de intervención na contorna do recinto.
O concelleiro popular responsabilizou ao executivo local, integrado por BNG e Compostela Aberta, de permitir que a situación se manteña no tempo. Segundo afirmou, “a falta de mantemento, non só prexudica a imaxe da cidade, senón que tamén incrementa os riscos para a seguridade de peóns e condutores e dificulta o acceso ás instalacións”.
A formación popular vincula tamén esta demanda co regreso do Obradoiro CAB á Liga ACB, unha circunstancia que, segundo De la Fuente, incrementará a presenza de afeccionados, equipos visitantes, patrocinadores e medios de comunicación no Multiusos Fontes do Sar. O edil preguntouse se esta é a imaxe que Santiago quere trasladar nese contexto e advertiu de que “o primeiro que atoparán será unha contorna abandonada, deteriorada e moi afastada da imaxe que merece unha cidade referente no deporte, no turismo e na organización de grandes eventos”.
O PP propón unha intervención que inclúa a reparación integral dos viais de acceso e dos pasos de peóns, a mellora do sistema de evacuación de augas pluviais, o acondicionamento das zonas destinadas ao tránsito peonil e a renovación do aparcadoiro exterior. Ademais, reclama que se estableza un programa de mantemento periódico para evitar que a situación volva agravarse no futuro.
De la Fuente enmarcou esta denuncia nunha crítica máis ampla á política deportiva do goberno municipal. Segundo o concelleiro, o estado da contorna do Multiusos Fontes do Sar evidencia a falta dunha estratexia para as infraestruturas deportivas da cidade. O edil sostén que neste mandato “non existiu unha verdadeira aposta polas infraestruturas deportivas”, e acusa o executivo de limitarse a finalizar actuacións iniciadas con anterioridade.
Neste sentido, o PP lembrou os problemas que, segundo a formación, se detectaron tras as obras nos pavillóns de Vite e Santa Isabel, así como a falta de avances nas actuacións previstas no campo de fútbol Suso Conde de Villestro. Tamén criticou que no estadio Vero Boquete o goberno local continúe anunciando intervencións puntuais, fronte á reforma integral que os populares consideran necesaria.
“O deporte merece moito máis que anuncios e parches. Os composteláns pagan os seus impostos para contar con instalacións modernas, seguras e ben conservadas. Non podemos permitir que un dos principais complexos deportivos da cidade continúe ofrecendo unha imaxe de abandono pola falta de planificación e mantemento do goberno nacionalista”, concluíu José Ramón de la Fuente.

