O festival ‘O Fechiño’ chega este mes de xullo á súa quinta edición cunha programación que volverá situar a parroquia compostelá de Fecha como espazo de creación cultural, encontro veciñal e divulgación patrimonial. A cita foi presentada este luns no Pazo de Raxoi pola concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, acompañada por Marisa Gil, da Asociación ‘A Pedra que Fala de Fecha’, e por Ramón Almuíña, de aCentral Folque.
O programa desenvolverase os días 2, 4 e 11 de xullo en distintos puntos de San Xoán de Fecha e Santa Cristina de Fecha, con propostas que inclúen roteiros, música, oralidade, baile tradicional, intervencións artísticas e proxectos audiovisuais. A organización define o encontro como un festival rupestre e de proximidade, vinculado directamente á estación da ‘Pedra que Fala’, un enclave con petróglifos e características acústicas singulares.
Durante a presentación, Míriam Louzao enmarcou ‘O Fechiño’ dentro da oferta cultural de Compostela e destacou o seu papel para achegar a programación artística ao conxunto do termo municipal. A concelleira sinalou que Santiago conta cun calendario amplo de festivais ao longo do ano, tanto promovidos directamente polo Concello como impulsados por entidades sociais e culturais coa colaboración municipal.
Neste caso, Louzao subliñou que se trata dunha proposta que encaixa nun modelo cultural baseado na proximidade, no coñecemento da contorna e na posta en valor do territorio. Segundo explicou, a iniciativa permite “coñecer e gozar de todo o territorio do Concello” desde unha perspectiva integradora, local, sostible e respectuosa coa contorna.
A edil tamén destacou a singularidade da ‘Pedra que Fala’, que considerou un dos elementos que contribúen a facer de Compostela un concello cun patrimonio propio e diferenciado. Nese sentido, relacionou este enclave co ‘Xardín das Pedras que Falan’, situado no Xardín de Fonseca, como parte dun mesmo diálogo arredor da memoria, a pedra e a cultura local.
O Concello de Santiago apoiará este ano o festival cunha subvención nominativa directa de 20.000 euros. Louzao explicou que esta achega procede do recadado a través do imposto de estadías turísticas e indicou que responde ao obxectivo municipal de financiar actividades e intervencións que repercutan na mellora da vida da veciñanza compostelá. A concelleira asegurou que o Goberno local está “moi orgulloso” de contar cun evento que pon en valor o rural, a cultura e o patrimonio do municipio.
Pola súa banda, Marisa Gil explicou que a Asociación ‘A Pedra que Fala de Fecha’ traballa na dinamización cultural e ambiental da zona, cunha implicación crecente da veciñanza. A representante da entidade lembrou que o movemento arredor da pedra xurdiu nun contexto de defensa do territorio, tras a ameaza de instalación dun vertedoiro na contorna.
Gil indicou que, desde aquel momento, fóronse tecendo redes con distintos colectivos e entidades, entre elas aCentral Folque, así como agrupacións como ‘A Rula’ ou ‘Maúso’, que colaboran activamente no desenvolvemento do festival. Segundo sinalou, o traballo permitiu descubrir novos lugares, estacións e elementos coñecidos pola veciñanza, pero aínda pouco incorporados aos circuítos culturais ou patrimoniais.
A representante da asociación insistiu en que ‘O Fechiño’ non se limita aos tres días de programación pública, senón que forma parte dun proceso de traballo continuado ao longo do ano. Tamén destacou que o festival serve para que persoas de fóra descubran o territorio, pero tamén para que a propia veciñanza recoñeza e valore os espazos que habita.
Na mesma liña, Ramón Almuíña explicou que o festival non podería trasladarse a outro lugar porque nace dun elemento concreto: a ‘Pedra que Fala’. O representante de aCentral Folque salientou que este enclave ten interese non só polos seus petróglifos, senón tamén polas súas propiedades acústicas, que o converten nun espazo singular.
Almuíña apuntou que este tipo de lugares están a espertar atención en diferentes territorios, desde Estados Unidos ata Cataluña, Noruega ou Francia, onde se están a desenvolver iniciativas para inventariar espazos con características acústicas especiais. No caso de Fecha, advertiu de que non se trata só da pedra, senón tamén da súa contorna, xa que as propiedades sonoras dependen do conxunto do espazo.
Segundo explicou, nos últimos anos déronse pasos para recuperar a voz da ‘Pedra que Fala’, entre eles unha limpeza apoiada pola Deputación da Coruña. Ademais, avanzou que este ano se realizaron medicións acústicas coa participación de físicos da Universidade de Santiago, con primeiros resultados que cualificou de “absolutamente sorprendentes”, aínda que evitou adiantalos ata que a investigación avance.
O responsable de aCentral Folque defendeu que o rural pode actuar como motor de creación contemporánea. Nese sentido, precisou que o festival non consiste en levar actuacións pechadas á parroquia, senón en xerar propostas concibidas especificamente para ese lugar. “Non se trata de organizar un festival no rural, senón facer do propio rural o escenario, o argumento e o protagonista da creación”, afirmou.
A programación deste ano incluirá unha intervención deseñada polo divulgador cultural Manuel Gago xunto aos músicos Branca Villares e Manu Paino, que combinará roteiro e accións artísticas en espazos singulares de Santa Cristina de Fecha. Tamén participará o músico José Miguelez, referente do jazz galego, cunha obra creada especificamente para as condicións acústicas da ‘Pedra que Fala’.
Outra das propostas partirá da cidade de Compostela, cun roteiro arredor do ‘Xardín das Pedras que Falan’ e das singularidades acústicas e poéticas do espazo urbano. Nesa actividade estarán implicados a poeta Alba Cid e o artista sonoro Juan Sil.
O festival manterá tamén a súa liña audiovisual, con pezas realizadas por Irene Pin a partir da memoria local e da comunidade. Estes traballos forman parte do recoñecemento do ‘Fechiño de Honra’, co que cada ano se distingue a veciños e veciñas da zona para contribuír á conservación da memoria oral e á súa reinterpretación artística.
Almuíña destacou ademais o papel das asociacións locais, entre elas as de San Xoán, Santa Cristina, Grisoi e, nesta edición, tamén entidades do outro lado do río Tambre, como a parroquia de Monzo, no concello de Trazo. A colaboración veciñal inclúe a limpeza de camiños e espazos patrimoniais para facer posible o desenvolvemento das actividades.
A xornada do 11 de xullo terá un carácter máis próximo á romaría e, segundo avanzou a organización, contará con grupos coñecidos e actividades no santuario de Belén, que se incorpora por primeira vez como espazo do festival. O día 4 de xullo estará centrado na visita á ‘Pedra que Fala’, con dúas aproximacións diferentes pola mañá e pola tarde da man dos colectivos ‘Maúso’ e ‘A Rula’.

