InicioECONOMÍAA conexión aérea entre Santiago e Jerez reforza a promoción turística entre...

A conexión aérea entre Santiago e Jerez reforza a promoción turística entre Galicia e Cádiz

A Deputación de Cádiz presentou na capital galega a nova ruta directa operada por Vueling dende o 3 de xuño, nun acto celebrado no restaurante A Horta de Obradoiro con representantes das administracións andaluza, galega e compostelá

Publicado o

Xornal de Compostela

A nova conexión aérea directa entre Santiago de Compostela e Jerez da Frontera centrou este xoves a presentación turística que a Deputación de Cádiz levou a cabo na capital galega, nun acto celebrado no restaurante A Horta de Obradoiro. A cita serviu para promover a provincia gaditana como destino entre o público galego e para poñer en valor as novas posibilidades abertas pola ruta que Vueling opera dende o pasado 3 de xuño, con dúas frecuencias semanais.

O encontro contou coa participación de representantes turísticos de Cádiz, da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago, e incluíu unha proposta gastronómica baseada no maridaxe entre produtos galegos e viños de Jerez, dirixida por Pepe Ferrer. A actividade quixo simbolizar tamén os vínculos entre dous territorios atlánticos que, malia a distancia xeográfica, comparten unha relación turística, cultural e gastronómica consolidada.

A directora técnica do Patronato de Turismo da Deputación de Cádiz, Míriam Carrión, destacou que a nova liña permite salvar un dos principais obstáculos para os desprazamentos entre ambos territorios: os case mil quilómetros que separan Galicia da provincia gaditana. Segundo sinalou, a conexión facilitará tanto que a cidadanía gaditana descubra Galicia como que os galegos se acheguen a Cádiz, ás súas praias, vilas, espazos naturais e oferta gastronómica.

Carrión convidou os visitantes galegos a percorrer lugares como Cádiz, El Puerto de Santa María, Jerez, Grazalema ou Tarifa, e a coñecer o punto no que se atopan o Mediterráneo e o Atlántico. Tamén fixo referencia a produtos representativos da provincia, como o atún de almadraba, os langostinos de Sanlúcar, a carne de retinta, os produtos da horta e os viños de Jerez. “Queremos que nos visitedes”, afirmou durante a súa intervención.

Pola súa banda, o deputado de Turismo de Cádiz, Germán Guerra, incidiu no esforzo do Patronato por mellorar a conectividade da provincia con destinos nacionais e internacionais. Segundo explicou, o obxectivo é reforzar un modelo turístico que funcione durante os 365 días do ano, máis alá da temporada de verán, apoiado na cultura, o patrimonio, os grandes eventos e a gastronomía.

Guerra lembrou que Cádiz xa conta cunha presenza relevante de poboación galega residente e tamén cun número importante de visitantes procedentes de Galicia durante os meses estivais. O deputado subliñou ademais os vínculos entre ambos territorios e asegurou que Cádiz recibirá “con todo tipo de cariño” ás persoas que decidan viaxar dende Galicia aproveitando a nova conexión aérea.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, cualificou a visita como unha oportunidade para ampliar a conectividade do aeroporto Rosalía de Castro e destacou a importancia do mercado andaluz para Galicia. Segundo indicou, as persoas procedentes de Andalucía son actualmente o segundo grupo de visitantes máis relevante para a comunidade, despois das chegadas dende Madrid.

Merelles puxo tamén o foco nas semellanzas entre Galicia e Cádiz pola súa condición atlántica e polos vínculos históricos e turísticos existentes. Na súa intervención, defendeu que a nova ruta directa permite fortalecer unha comunicación xa consolidada entre Galicia e Andalucía e desexou que o voo “chegue para quedar”. O responsable autonómico lembrou ademais a proximidade do Ano Santo de 2027, que previsiblemente volverá situar a Galicia e Santiago nunha posición de especial proxección turística.

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, pechou a quenda de intervencións agradecendo que a Deputación de Cádiz escollese a capital galega para esta presentación. Louzao destacou que Santiago exerce dende hai anos como cidade de acollida e como porta de entrada para moitas persoas que visitan Galicia, tanto a través do aeroporto como polos diferentes itinerarios xacobeos.

A edil compostelá lembrou que as persoas procedentes de Andalucía ocupan o primeiro lugar entre os peregrinos e peregrinas do Estado que chegan a Santiago, o que reforza a relación entre ambos territorios a través dos camiños xacobeos. A isto engadiu a conexión gastronómica e a nova ligazón aérea, que cualificou como un motivo de celebración para a cidade.

Louzao subliñou que a conectividade aérea é unha prioridade para Turismo de Santiago e que o Concello traballa para mellorar as conexións da cidade. Ao mesmo tempo, aproveitou a súa intervención para pedir ás persoas que cheguen dende Cádiz ou dende outros territorios que o fagan “con tempo” e que non limiten a súa visita á Catedral ou ao centro histórico.

A concelleira animou os visitantes a coñecer tamén os barrios, o comercio local, a lingua, as tradicións e o rural compostelán, que definiu como un espazo amplo e cun importante patrimonio. Nesa liña, defendeu un modelo de visita máis pausado, que permita unha aproximación máis profunda á cidade e contribúa a que Santiago non sexa só un punto de chegada e saída.

O acto concluíu cunha degustación na que a gastronomía galega dialogou cos viños de Jerez, nun formato pensado para reforzar a promoción turística dende a experiencia culinaria.

ÚLTIMAS

Verea acusa o goberno de Santiago de manter bloqueada a ampliación do CEIP Quiroga Palacios

O portavoz do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, volveu reclamar ao goberno municipal...

O Concello de Santiago confirma que axudou a impulsar Fly2Galicia e mantén en confidencialidade os contactos coa empresa

O Concello de Santiago confirmou que leva "moitos meses" en contacto con Fly2Galicia e que...

Dous feridos logo de envorcar o seu vehículo e quedar atrapadas no seu interior en Santiago

Dúas persoas resultaron feridas esta mañá nun accidente no coche co que circulaban por...

Vueling manterá a conexión directa entre Santiago e Bilbao durante as festas de Nadal

Vueling manterá operativa a conexión directa entre Santiago de Compostela e Bilbao durante o...

A nova compañía aérea Fly2Galicia abre a venda dos seus voos dende Santiago con oito destinos directos

Fly2Galicia xa abriu ao público a súa páxina web e activou a venda de...

A Xunta prevé licitar este ano a ampliación do Quiroga Palacios se Santiago desbloquea a cesión dos terreos

A Xunta de Galicia prevé sacar a licitación antes de que remate 2026 a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here