A Universidade de Santiago de Compostela inaugurou este martes na Facultade de Psicoloxía as xornadas ‘Menores e redes sociais. Non hai benestar sen benestar dixital’, un encontro centrado nos efectos das contornas virtuais sobre a infancia e a adolescencia. A cita reúne durante a súa programación a expertos e representantes institucionais para analizar como a tecnoloxía condiciona hoxe o desenvolvemento emocional, social e educativo dos menores.
Na apertura das xornadas, as intervencións coincidiron nunha idea común: o benestar das novas xeracións non pode separarse xa da súa vida dixital. As redes sociais, os videoxogos e outros espazos virtuais forman parte do día a día de nenos, nenas e adolescentes, polo que as políticas públicas, a educación e o acompañamento familiar deben ter en conta esta realidade.
A reitora da USC, Rosa Crujeiras, sinalou que a vida dixital é xa unha “parte esencial” das relacións, da aprendizaxe e mesmo da construción da identidade das novas xeracións. Crujeiras lembrou que as redes sociais poden ofrecer oportunidades, mais tamén presentan riscos que deben ser atendidos, entre eles o ciberacoso, os problemas de privacidade, a exposición excesiva ás pantallas e o posible impacto sobre a saúde mental.
A responsable da institución académica compostelá tamén puxo o foco no papel das familias. Segundo explicou, a educación dixital “empeza en casa”, polo que defendeu a necesidade de formar tamén ás persoas adultas. Nese sentido, advertiu de que non se pode pedir un uso responsable da tecnoloxía aos adolescentes se os adultos que os acompañan non contan co coñecemento necesario para comprender os espazos dixitais nos que se moven.
A delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, Francisca Sureda, abordou pola súa parte os riscos vinculados á exposición temperá a determinados contidos e aos posibles trastornos asociados ao uso de videoxogos. Sureda incidiu en que a resposta non debe pasar por “demonizar” a tecnoloxía, senón por construír contornas dixitais saudables a través da regulación, da supervisión pública e da educación emocional.
Desde a Xunta, a directora xeral de Innovación, Judith Fernández, destacou o Plan de Benestar Dixital de Galicia e a futura Lei de Educación Dixital como ferramentas para avanzar na protección dos menores. Fernández definiu estes marcos como “pioneiros” e defendeu a necesidade de coherencia institucional ante un fenómeno que afecta a múltiples ámbitos. “Non é un desafío que corresponda a unha soa administración, senón que é un desafío compartido”, afirmou.
Tamén participou na apertura o secretario de Estado de Mocidade e Infancia, Rubén Pérez Correa, quen valorou positivamente a normativa galega e apuntou que o modelo de autorregulación formulado polo sector tecnolóxico “fracasou”. Pérez Correa salientou ademais o “amplo consenso político” e a “corresponsabilidade administrativa” que, ao seu xuízo, existen actualmente para afrontar os retos derivados do uso dixital por parte dos menores.
As xornadas continuaron coa conferencia de Joel Billieux, investigador da Universidade de Lausana, en Suíza. O encontro nace coa vontade de servir como espazo de reflexión e diálogo sobre o impacto da tecnoloxía na infancia e na adolescencia, así como sobre as medidas necesarias para garantir que a participación dos menores nas contornas dixitais se desenvolva con seguridade, acompañamento e benestar.

