InicioCULTURAO Museo do Pobo Galego incorpora o primeiro videoxogo galego coñecido aos...

O Museo do Pobo Galego incorpora o primeiro videoxogo galego coñecido aos seus fondos

A colaboración coa Fundación Museo do Videoxogo de Galicia permitirá integrar o videoxogo galego en proxectos expositivos, de conservación e divulgación patrimonial

Publicado o

Xornal de Compostela

O videoxogo galego pasará a formar parte de maneira estable dos fondos e dos proxectos expositivos do Museo do Pobo Galego tras o acordo formalizado coa Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, MUVI. A colaboración abre unha liña de traballo orientada á conservación, estudo e divulgación deste ámbito como parte do patrimonio cultural contemporáneo de Galicia.

O primeiro resultado deste acordo será a incorporación de ‘The Wall’ aos fondos do museo. A peza, doada polo MUVI, foi creada polo programador ourensán Álex González e comercializada en 1986. Está considerada o primeiro videoxogo galego coñecido, polo que a súa entrada na colección do Museo do Pobo Galego supón un paso inicial nun proxecto máis amplo arredor da memoria dixital galega.

A iniciativa parte da vontade compartida polas dúas entidades de ampliar o estudo da cultura galega cara a expresións contemporáneas que, ata o de agora, tiveron menor presenza nos espazos patrimoniais. Neste contexto, o acordo recoñece o traballo desenvolvido polo MUVI desde a súa posta en marcha para defender que o videoxogo non debe ser interpretado unicamente desde a súa dimensión lúdica, senón tamén como un campo de creación, documentación e preservación cultural.

Os cofundadores da Fundación, Jacobo e Galo Martínez, cualifican o convenio como “un dos momentos máis importantes da historia da entidade. Levamos dende o ano 2019 traballando para que o videoxogo sexa entendido en Galicia como parte da nosa cultura contemporánea e tamén da nosa memoria colectiva. Este acordo representa a demostración de que merece ser preservado, estudado e compartido igual que calquera outra expresión cultural.”

‘The Wall’ será presentada en formato interactivo, de acordo cos criterios de conservación e divulgación desenvolvidos polo MUVI. A peza funcionará tamén como punto de partida dunha futura proposta expositiva dedicada ao videoxogo galego, chamada a integrarse nas novas salas de historia contemporánea nas que traballa actualmente o Museo do Pobo Galego.

O proxecto entronca co labor iniciado a finais de 2018 arredor da creación do MUVI e da posta en valor do videoxogo feito en Galicia e en galego. Entre as iniciativas impulsadas desde entón figuran a apertura do Museo do Videoxogo como primeiro museo sobre videoxogos aberto en España, a creación da primeira base de datos de videoxogos galegos preservados pola entidade e a constitución da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia en 2020.

Nos últimos anos, o MUVI tamén promoveu exposicións e actividades divulgativas en centros como o MARCO de Vigo ou o MIHL de Lugo, ademais de incorporarse ao Sistema Galego de Centros Museísticos en 2024. A entidade estableceu tamén colaboracións con institucións culturais e académicas como Biblioteca de Galicia e DeVuego, dentro dunha liña de traballo orientada a documentar, conservar e difundir a produción videolúdica galega.

ÚLTIMAS

Muíños pide ao Concello que aclare como afecta o novo recurso á adxudicación do transporte urbano

O concelleiro non adscrito de Santiago Gonzalo Muíños reclamou ao goberno municipal información detallada...

A Xunta instala 15 paneis no río Sar para advertir do risco de inundación en Santiago

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático colocou, a través de Augas de...

Un novo recurso volve frear a tramitación do contrato do bus urbano de Santiago

A tramitación do novo contrato do transporte urbano de Santiago de Compostela afronta un...

O Atardecer no Gaiás reúne 15.000 persoas e pecha a súa segunda edición con máis público

O ciclo Atardecer no Gaiás congregou 15.000 persoas na súa edición de 2026, segundo...

O Atardecer no Gaiás reúne 15.000 persoas e pecha a súa segunda edición con máis público

O ciclo Atardecer no Gaiás congregou 15.000 persoas na súa edición de 2026, segundo...

O Maré traerá a Santiago a Aterciopelados, Omar Souleyman e Bia Ferreira na súa sétima edición

O festival Maré volverá a Santiago de Compostela do 23 ao 27 de setembro...

WOS Festival completa a súa novena edición con 26 proxectos repartidos por nove espazos de Santiago

O WOS Festival x SON Estrella Galicia pechou a programación principal da súa novena...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here