InicioDEPORTESO PP de Santiago e a Fundación Andrea impulsan o primeiro Torneo...

O PP de Santiago e a Fundación Andrea impulsan o primeiro Torneo Solidario Jesús Pampín

O encontro de fútbol 8 celebrarase o 27 de xuño en Santa Isabel e destinará toda a recadación ao apoio de menores con enfermidades crónicas ou de longa duración e ás súas familias

Publicado o

Xornal de Compostela

O PP de Santiago e a Fundación Andrea presentaron este mércores o I Torneo Solidario Jesús Pampín de fútbol 8, unha iniciativa que se celebrará o vindeiro 27 de xuño nas instalacións deportivas de Santa Isabel. A cita nace co obxectivo de reunir a veciñanza compostelá arredor dunha causa solidaria e de canalizar a participación de clubs, centros educativos, asociacións e cidadanía a favor da entidade social.

O acto de presentación contou coa participación do líder do PP compostelán, Borja Verea, e da presidenta da Fundación Andrea, Charo Barca, que explicaron os detalles dunha convocatoria que destinará a totalidade dos fondos recadados ao labor que desenvolve a fundación coas familias de nenos e nenas con enfermidades crónicas ou de longa duración.

Verea destacou o papel do deporte como espazo de aprendizaxe e convivencia, tanto pola transmisión de valores como o esforzo, o compañeirismo ou a superación, como pola súa capacidade para mobilizar apoios arredor de causas sociais. Nesa liña, sinalou que o torneo pretende converterse nun punto de encontro para a cidade e nunha mostra de colaboración entre a sociedade compostelá e os seus representantes públicos.

A competición levará o nome de Jesús Pampín, unha persoa vencellada ao deporte e á vida pública de Santiago. Segundo explicou Verea, a elección do seu nome responde á vontade de recoñecer a súa traxectoria e a súa contribución á cidade. “O seu nome quedará unido a un evento que representa os valores polos que sempre apostou: solidariedade, participación, xenerosidade e deporte”, afirmou.

Con todo, o representante popular subliñou que o eixo central da iniciativa é a Fundación Andrea, beneficiaria íntegra da recadación. Verea animou a participar tanto a equipos como a patrocinadores, colaboradores e cidadáns a título individual, ao considerar que cada achega contribuirá a apoiar o traballo da entidade. “Cada equipo inscrito, cada patrocinador, cada colaborador e cada persoa que participe estará contribuíndo a facer un pouco máis doada a vida de moitas familias”, indicou.

A proposta está concibida como unha xornada de competición, convivencia e solidariedade, coa intención de sumar persoas e entidades arredor dunha causa común. O obxectivo dos organizadores é que esta primeira edición poida consolidarse no calendario deportivo e social compostelán.

Pola súa banda, Charo Barca agradeceu a posta en marcha do torneo e expresou a satisfacción da Fundación Andrea por participar nunha iniciativa que une deporte, saúde e infancia. A presidenta da entidade incidiu en que a práctica deportiva contribúe á educación en valores e á promoción de hábitos saudables, especialmente entre a mocidade, polo que animou a sumarse aos centros educativos, aos mozos e mozas maiores de 16 anos, ás asociacións deportivas e á Universidade de Santiago de Compostela.

Barca tamén recoñeceu a complexidade organizativa dun torneo destas características, pola necesidade de configurar os partidos e os cadros de competición, pero asegurou que a fundación colaborará na súa preparación para contribuír ao desenvolvemento da primeira edición.

As persoas interesadas en participar deberán realizar un donativo de cinco euros por participante, que irá destinado integramente á Fundación Andrea. As inscricións poden formalizarse a través do número de Whatsapp 614 87 14 54. Ademais, os donativos e a fila cero poderán realizarse mediante o código de Bizum 00908. O prazo de inscrición rematará o mércores 24 de xuño.

Segundo explicou Barca, os recursos obtidos servirán para apoiar directamente as familias atendidas pola entidade a través das súas principais liñas de actuación. Unha delas é a dulcificación de espazos pediátricos, tanto no ámbito sanitario como, máis recentemente, en colaboración cos xulgados.

A Fundación Andrea tamén conta con tres casas de acollida en Santiago, nas que atende arredor de 250 familias ao ano. Estes espazos permiten dar apoio a familias que precisan permanecer na cidade durante procesos médicos ou situacións vinculadas á atención dos seus fillos e fillas.

A terceira área de traballo da entidade céntrase nas terapias directas, mediante axudas económicas para sufragar tratamentos e servizos necesarios para o benestar dos menores, como fisioterapia, logopedia ou atención psicolóxica. “Todo iso, que supón un orzamento moi importante para nós, vai verse apoiado por este primeiro torneo”, sinalou Barca.

A presidenta da Fundación Andrea asegurou que a entidade recibiu a proposta “con todo o corazón” e convidou a cidadanía compostelá a participar nunha xornada que definiu como “moi especial”. O I Torneo Solidario Jesús Pampín aspira así a combinar deporte e compromiso social en Santa Isabel, cunha recadación destinada a mellorar o día a día de menores e familias acompañadas pola fundación.

ÚLTIMAS

O Concello destina 3 millóns á compra de edificios baleiros na cidade histórica para crear vivenda pública en alugueiro

O Concello de Santiago destinará 3 millóns de euros á adquisición de edificios baleiros...

O PSOE leva ao pleno o estado da Alameda e reclama un mantemento “activo, continuado e rigoroso”

O Grupo Municipal Socialista levará ao pleno ordinario de xuño a situación da Alameda...

As traballadoras do téxtil avalían novas mobilizacións tras levantar a acampada trasladada a Santiago

As representantes dos traballadores do sector téxtil estudan cos persoais a definición dunha nova...

Santiago licita por 1,3 millóns a xestión e a vixilancia do centro para persoas sen fogar de Belvís

O Concello de Santiago vén de aprobar o inicio da licitación de dous contratos...

Compostela reabre Santa Isabel tras unha reforma integral de 2,6 millóns de euros

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, encabezou este martes pola tarde a visita...

O Obradoiro abre a súa campaña de abonados tras recibir 3.822 achegas no préstamo participativo

O Monbus Obradoiro pon en marcha a súa campaña de abonados para a tempada...

A USC suma un novo título galego co triunfo de Diego Cacheiro en xadrez rápido

A USC incorporou un novo resultado destacado ao seu ámbito deportivo coa vitoria de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here