InicioECONOMÍAO comercio local de Santiago celebra o 'Prima 2026' con actividades familiares,...

O comercio local de Santiago celebra o ‘Prima 2026’ con actividades familiares, música e unha ruleta de agasallos

A festa desenvolverase do 11 ao 13 de xuño en diferentes prazas e rúas da cidade, cunha programación pensada especialmente para familias e mocidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago celebrará do xoves 11 ao sábado 13 de xuño unha nova edición do ‘Prima 2026’, a festa do comercio local coa que se busca incentivar as compras nos establecementos de proximidade e achegar novos públicos ás tendas de barrio. A programación deste ano pon o foco especialmente no público familiar e na mocidade, dous sectores que, segundo explicou a tenenta de alcaldesa María Rozas, se atopan máis afastados das dinámicas tradicionais do pequeno comercio.

Rozas sinalou que o obxectivo desta iniciativa é “animar as vendas do pequeno comercio, mellorar a experiencia de compra e achegar novos perfís de clientela”. Nesa liña, incidiu en que a edición deste ano está deseñada para atraer familias e mozos e mozas, que en moitos casos optan por outros modelos de consumo, especialmente a compra en liña.

A concelleira fixo tamén un chamamento ao tecido comercial compostelán para que participe activamente na celebración. Pediu aos establecementos que saquen os seus produtos á rúa, decoren os escaparates e utilicen as bolsas e folletos da campaña, co obxectivo de contribuír a crear un ambiente festivo nos diferentes espazos comerciais da cidade.

Un dos elementos centrais do ‘Prima 2026’ volverá ser a ruleta de agasallos ‘Merco aquí’, unha das propostas con maior acollida nas edicións anteriores. A ruleta estará instalada o venres 12 pola tarde na Praza Roxa, en horario de 17:00 a 19:30, e o sábado 13 pola mañá na Praza de Abastos, de 11:30 a 14:00.

Poderán participar nela as persoas maiores de seis anos que presenten un tícket de compra no comercio local de Santiago por un importe igual ou superior a 5 euros. Serán válidos os tíckets correspondentes a compras realizadas entre o 8 e o 13 de xuño, ambos incluídos. Cada tícket dará dereito a unha tirada, aínda que non se poderán presentar máis de dous tíckets dun mesmo establecemento e cada persoa poderá obter un máximo de tres premios.

Os agasallos proceden tamén do comercio local compostelán e non poderán ser trocados. Rozas explicou que haberá “un pouco de todo”, con especial presenza de produtos dirixidos ao público infantil e familiar, como libros ou xogos de mesa, aínda que tamén haberá premios doutro tipo. A edil lembrou que a ruleta garante premio seguro, aínda que o agasallo dependerá da tirada que realice cada participante.

A programación comezará o xoves 11 de xuño pola tarde con dous pasarrúas que partirán ás 18:00 desde distintos puntos da cidade. Por unha banda, o pasarrúas teatral de Rocina e Benito sairá da Praza de Vigo, mentres que a proposta musical da familia Boca-Pier iniciará o seu percorrido en Concheiros. Ambos itinerarios confluirán posteriormente na Praza de Abastos, nunha acción pensada para dinamizar as rúas comerciais e atraer público cara aos establecementos.

O venres 12 de xuño, a Praza Roxa será un dos principais escenarios da festa. A partir das 18:00 actuará Caramuxo Teatro e, desde as 19:00, será a quenda de ‘Abandados Insetos’, un proxecto musical de rock en galego orientado a nenos e nenas a partir dos tres anos. Ese mesmo día, tamén ás 19:00, a Praza 8 de Marzo acollerá a actuación de ‘Unha señora orquestra’, unha proposta da actriz Ailén Kendelman que combina música e humor.

Rozas destacou que a programación procura distribuír as actividades por diferentes barrios e espazos de Santiago, co propósito de descentralizar a festa e levar a dinamización comercial máis alá dun único punto da cidade.

A última xornada, o sábado 13 de xuño, contará con actividades de mañá e de tarde. Ás 12:00, na Praza Roxa, a escola compostelá Brincadeira Clan ofrecerá unha sesión de baile para a mocidade, cunha exhibición e un obradoiro aberto para aprender algúns pasos básicos. Máis tarde, ás 13:00, a Praza de Feixóo acollerá o concerto de Moaré, banda compostelá que combina pop, electrónica, funk e música disco.

A programación musical continuará ese mesmo sábado na Praza de Feixóo, onde a partir das 20:00 actuará Lideira. Ademais, a festa completarase co espectáculo teatral ‘A illa sen tesouro’, da compañía Ghazafelhos, dentro dunha oferta pensada para público familiar.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here