InicioMOV. SOCIAISMáis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte...

Máis dun milleiro de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar medidas fronte á crise da vivenda

A mobilización, convocada por Xuntanza Pola Vivenda, percorreu Compostela baixo o lema "Nin alugueiros polas nubes, nin salarios polo chan"

Publicado o

Xornal de Compostela

Máis dun milleiro de persoas mobilizáronse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar o dereito á vivenda e denunciar os efectos da crise habitacional na cidade. A protesta, convocada polo colectivo compostelán ‘Xuntanza Pola Vivenda’, desenvolveuse baixo o lema ‘Nin alugueiros polas nubes, nin salarios polo chan’ e formou parte dunha xornada de mobilizacións coordinadas con organizacións doutras cidades galegas.

Durante a marcha escoitáronse consignas como “Barrios para vivir, non para especular” e “A nosa casa non é un negocio”, coas que as persoas participantes puxeron o foco no encarecemento dos alugueiros, na perda de calidade de vida e na dificultade crecente para acceder a unha vivenda. Na Coruña celebrouse outra manifestación á mesma hora, mentres que en Ourense a mobilización estaba prevista para as 20:00. Vigo, pola súa banda, xa saíra á rúa na tarde do venres.

Antes do inicio da protesta, o portavoz da plataforma convocante, Daniel González, advertiu de que a crise da vivenda afecta de maneira especial a determinados sectores sociais. “Non só os alugueiros están subindo estratosfericamente, senón que a calidade de vida redúcese moito, sobre todo para determinados colectivos, como as persoas migrantes ou a xente nova”, afirmou en declaracións aos medios.

A mobilización partiu da Alameda compostelá e seguiu un itinerario diferente ao habitual noutras protestas celebradas en Santiago, que adoitan concluír no casco histórico. A organización explicou que optou por modificar o percorrido ao entender que ese espazo xa está “colonizado” e decidiu levar a marcha por diante da Estación Intermodal ata rematar na Avenida Romero Donallo, diante do que cualificou como “dous monumentos da especulación”.

Con esa expresión, o colectivo referiuse á inmobiliaria Julio Gerpe e ao solar situado nesa mesma rúa no que se está construíndo un bloque de pisos con prezos elevados. Nese punto, unha das organizadoras leu o manifesto final da protesta, no que denunciou as “promesas baleiras e as falsas ilusións” do Goberno central, da Xunta e das corporacións municipais en materia de vivenda.

No manifesto tamén se puxo o acento nas “barreiras legais e sociais” que, segundo a organización, dificultan “un acceso igualitario a un fogar digno”. “Lonxe de recoñecer esas barreiras, somos atacadas e culpabilizadas como as causantes da crise nun intento de eximir de responsabilidade aos verdadeiros culpables: especuladores, bancos e institucións”, sinalou a portavoz que leu o texto ao remate da marcha.

O turismo tamén estivo presente ao longo da mobilización, pola súa influencia no mercado residencial compostelán e, en particular, pola implantación de vivendas de uso turístico. As persoas participantes corearon lemas como “Queremos veciñas, non turistas” e “Tourists go home, sodes un mojón”, cos que expresaron a súa crítica ao impacto deste fenómeno nos barrios da cidade.

Desde ‘Xuntanza Pola Vivenda’ defenderon que a resposta á crise habitacional debe pasar pola organización veciñal. O colectivo propón que sexan as propias veciñas “as que se organicen” a través de sindicatos de barrio e asembleas veciñais, co obxectivo último de “desmercantilizar o mercado da vivenda”. “Cremos que iso só se consegue coa constitución do poder popular”, asegurou González.

Ao remate da mobilización, a organización puxose á disposición das persoas asistentes para informalas sobre a actividade do colectivo e ofreceu a posibilidade de anotarse na súa próxima asemblea aberta, que celebran de forma mensual. Ademais, durante o percorrido, unha persoa da plataforma repartiu entre os viandantes un folleto con información básica sobre os dereitos de quen vive de alugueiro.

Ese material recollía, entre outras cuestións, a duración mínima de cinco anos dos contratos de arrendamento e a existencia de posteriores prórrogas anuais. Con esta acción, o colectivo buscou achegar información práctica ás persoas que se atopaban ao paso da manifestación e reforzar a mensaxe central da convocatoria: a necesidade de garantir o acceso a unha vivenda digna e frear os procesos de especulación nos barrios de Santiago.

ÚLTIMAS

Santiago deberá acudir ao fondo estatal de pago a provedores con 7,79 millóns de euros financiables

O Concello de Santiago de Compostela terá que participar de maneira obrigatoria no fondo...

As xornadas ‘Arte e Espolio’ analizan en Santiago a recuperación das estatuas do Mestre Mateo no marco europeo do espolio artístico

As xornadas 'Arte e Espolio', organizadas polo Concello de Santiago, comezaron este sábado coa...

A Maker Faire Galicia abre en Santiago cunha xornada centrada no emprendemento e a innovación social

A Maker Faire Galicia inaugurou este venres en Santiago de Compostela a súa XII...

Un modelo da USC permite prever como reducir a calor nas cidades mediante cambios urbanísticos

O incremento das temperaturas está a aumentar o impacto da meteoroloxía sobre a saúde...

A campaña ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’ dedica xuño á saúde oncolóxica e aos coidados coa colaboración de D’Aldea e Abeiratúa

A campaña '12 Comercios, 12 Sensibilidades' dedicará o mes de xuño a visibilizar o...

Traballadores de escolas infantís e centros de discapacidade colapsan San Caetano contra a precariedade laboral

O conflito laboral nos sectores da discapacidade, da atención a menores e da educación...

Unha caravana reivindicativa percorre Santiago para reclamar melloras laborais nos sectores da discapacidade, menores e educación infantil

Ao redor de 40 vehículos participaron este martes en Santiago de Compostela nunha caravana...