A vixésimo terceira edición do festival internacional de cinema Curtocircuíto reforzará a súa aposta pola creación audiovisual galega coa incorporación de tres seccións específicas que permitirán percorrer diferentes xeracións, linguaxes e formas de entender o cinema feito no país. Trátase de Planeta GZ, Supernova e Terra, tres espazos que reunirán tanto autores consolidados como novas voces emerxentes da produción galega.
A sección Planeta GZ volverá converterse nun escaparate da diversidade do audiovisual galego actual. O programa reúne once obras que abranguen desde a ficción ata o documental, pasando pola animación e propostas de carácter híbrido ou experimental. Os traballos seleccionados abordan cuestións relacionadas coa memoria, a paisaxe, os vínculos familiares, a identidade ou os cambios sociais, ao tempo que exploran novas posibilidades expresivas da linguaxe cinematográfica.
Entre os títulos programados figuran O corpo de Cristo, de Bea Lema; A pena, de Iria Silvosa; Cara de cona, de Guillermo de Oliveira; e A voz de todas as cousas, de Dani Pérez. A selección complétase con filmes como Historia dunha bicicleta (sen aire nas rodas e chea de po), de Xoán Fernández Diz; As maos da pulpeira, de Silvia Cachafeiro; As apalpadelas, de Cristina Souto Pita; Broom Broom Follar, de SOHU; La historia todavía no conoce mi nombre, de Diana Toucedo; Rachar en dous, de Area Erina López Pino; e Escala un cincuenta mil, do xornalista Ángel Suanzes.
Pola súa banda, ‘Supernova’ continuará funcionando como un espazo de descubrimento para as novas xeracións de cineastas galegos. A sección reúne dezaseis obras caracterizadas pola experimentación formal e pola mestura de linguaxes que difuminan as fronteiras entre documental, ficción, ensaio audiovisual ou cinema abstracto.
As propostas seleccionadas afondan en temas como a identidade, o xénero, a memoria, a paisaxe ou a relación entre as persoas e o territorio. Entre elas atópanse Afeminadas, de Catuxa Prieto e Carlos Barba; Sardiñas, de André Parra; Saír do Limbo, de Antón Rodríguez; El silencio de Allen Robert Angelo, de Marzo Lozano; Saúco, de Júlia Pérez e Alejandro Granero; Maleza, de Lucía Lago Cascón e Antón Carral López; ou Voaduras, de Manuela Pereira.
A programación inclúe tamén títulos como Casarocos, de Alicia López Méndez; Despois de ti, máis amor, de Gabi Cerqueiro; Disolución dun ollar, de Javi Darriba; Fase agónica, de Claudia Casal Ramos; Fun abalar a pedra que está no medio do mar, de Breogán Xague; Oda á extinción, de Isabella Moreno; Persistencia do baleiro, de José García Estévez e Isabella Moreno; Supercerdos, de Josep Cabo González, e Una y otra vez, de Alba Amoedo.
A terceira das seccións anunciadas é ‘Terra’, dedicada nesta edición ao arquitecto, fotógrafo e cineasta Tono Mejuto. O festival proporá un encontro co creador para repasar unha traxectoria marcada polo diálogo entre arquitectura, paisaxe, territorio e cinema.
Mejuto regresará así a Curtocircuíto tras a súa participación en 2017 coa obra Qviasma. A sesión permitirá revisar diferentes etapas do seu traballo artístico e achegarse aos procesos creativos que desenvolveu ao longo dos anos, tanto a través do cinema en 16 milímetros como da fotografía química.
O percorrido incluirá ademais a primeira proxección completa de Reliefs, unha peza tridimensional realizada durante unha residencia artística en Toronto e presentada posteriormente na Mostra (S8) da Coruña. O festival tamén destacará o papel de Mejuto noutras iniciativas culturais ligadas ao territorio e á creación contemporánea, como a cooperativa Ergosfera, a editora Estraperlo ou o Festival de Fotografía da Coruña FFoco.
A programación galega completarase con dúas actividades xa habituais dentro de Curtocircuíto. Por unha banda, regresará Noite Malandra, organizada xunto ao colectivo Escola Unitaria. Nesta ocasión, a sesión presentará unha nova proposta audiovisual impulsada por Marcos PTT e Unitaria arredor da exposición da intimidade na era dixital, a autoficción e as contradicións das redes sociais.
Por outra banda, o festival renovará a súa colaboración co Cineclube de Compostela, reforzando así os vínculos de Curtocircuíto co tecido cultural compostelán e coas entidades que impulsan a difusión do cinema na cidade ao longo de todo o ano.

