InicioPOLÍTICAGoretti Sanmartín repite como candidata á Alcaldía de Compostela: "Estamos no bo...

Goretti Sanmartín repite como candidata á Alcaldía de Compostela: “Estamos no bo camiño”

A actual alcaldesa de Santiago recibe o apoio unánime da asemblea local nacionalista, mentres Ana Pontón reivindica a súa xestión e carga contra a oposición municipal

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O BNG confirmou oficialmente a candidatura de Goretti Sanmartín ás eleccións municipais de 2027 despois de que a asemblea local da formación aprobase por unanimidade a súa designación. O acto, no que participou a portavoz nacional do partido, Ana Pontón, serviu tamén para facer balance dos case tres anos de mandato do actual goberno municipal e para avanzar as liñas políticas que a formación nacionalista pretende consolidar de cara ao seguinte período.

Durante a presentación, Ana Pontón defendeu a continuidade do proxecto liderado por Sanmartín e asegurou que a alcaldesa conta cun perfil capaz de manter a dirección política do Concello nos próximos anos. A líder nacionalista afirmou que Santiago necesita “un proxecto con estabilidade e ambición” e sostivo que a actual rexedora “vai recibir o apoio maioritario dos veciños e veciñas” para continuar á fronte do goberno local.

Pontón empregou boa parte da súa intervención para facer unha valoración do traballo desenvolvido polo executivo municipal nestes anos, destacando cuestións relacionadas coa vivenda, a planificación urbana ou a regulación turística. Tamén criticou o papel da oposición municipal, á que cualificou como “corrosiva” e acusou de actuar “por interese partidista”.

A portavoz nacional do BNG considerou que o goberno local foi quen de impulsar medidas en ámbitos nos que os concellos dispoñen de competencias limitadas, como a regulación do mercado residencial. Entre os aspectos sinalados citou a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado, as limitacións ás vivendas de uso turístico e actuacións urbanísticas destinadas á recuperación de espazos públicos.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín aceptou formalmente a candidatura reivindicando o traballo realizado polo executivo municipal e asegurando que afronta esta nova etapa “con todas as ganas, con toda a vontade e con toda a ilusión”.

A alcaldesa sostivo que as políticas impulsadas polo seu goberno responden a unha estratexia de transformación a medio e longo prazo. “Dende o BNG sempre apostamos polas políticas transformadoras, non pola política cosmética de urxencias”, afirmou.

Ao longo da súa intervención, Sanmartín realizou un percorrido por distintas iniciativas desenvolvidas durante o mandato. Entre elas citou o imposto sobre estadías turísticas, o novo modelo de comedores escolares, o futuro contrato de transporte urbano, as medidas relacionadas coa vivenda ou actuacións urbanísticas como o desbloqueo da parcela de Peleteiro.

A candidata tamén reivindicou a necesidade de executar proxectos cunha planificación prolongada no tempo. “Estamos no bo camiño”, afirmou, antes de defender que algunhas transformacións estruturais precisan desenvolverse “sen présas” e con procesos máis amplos de deseño e execución.

No ámbito urbano, destacou propostas ligadas á reordenación da cidade, con actuacións previstas no Ensanche, a Praza de Vigo, o corredor central ou os proxectos vinculados ao denominado ‘Horizonte Compostela’, que inclúe actuacións na zona norte da cidade.

Sanmartín tamén avanzou algúns dos retos que o BNG sitúa para o seguinte mandato, entre os que mencionou a sustentabilidade, a mobilidade, a mellora dos servizos públicos, o reforzo do comercio local e a redución das desigualdades territoriais entre o ámbito urbano e rural.

A alcaldesa pechou a súa intervención sinalando que a súa candidatura chega avalada “polo traballo feito” e pola vontade de continuar desenvolvendo proxectos para a cidade. “Temos retos que cumprir por diante para mellorar Santiago de Compostela no futuro”, concluíu.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

O PSdeG esixe incorporar a VOLABAN ao Padroado do Refuxio de Bando tras máis dun ano de demora

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno deste mes unha proposta para...

Os non adscritos retiran a demanda contra o PSOE pola súa expulsión

Os catro concelleiros non adscritos de Santiago de Compostela --Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Milagros...

Escarlata Pampín, candidata do BNG en Ames para “recuperar o impulso e o avance”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este mércores na presentación de Escarlata...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here