A concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao, deu conta este luns dos principais acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local de Santiago, nunha sesión na que se abordaron cuestións urbanísticas, educativas, de contratación pública e organización interna municipal.
No ámbito urbanístico, o executivo local autorizou a construción dunha vivenda unifamiliar en Aríns, a rehabilitación doutra en Bando de Abaixo e a posta en marcha dun almacén loxístico de 5.873 metros cadrados na Vía Edison, promovido por Uro Vehículos Especiales, S.A. Tamén foi aprobada a reforma integral e ampliación do inmoble da Rúa do Hórreo, 44, destinado a 12 apartamentos turísticos.
Sobre este último expediente, Louzao precisou que se trata dun edificio catalogado dentro do perímetro de protección da cidade histórica, polo que o proxecto foi sometido ao ditame da Comisión Asesora de Patrimonio. A concelleira lembrou que a autorización se concede porque a solicitude fora rexistrada antes da entrada en vigor da suspensión cautelar aprobada en febreiro para novos usos de hospedaxe do grupo 1 en determinadas zonas cando substitúan uso residencial preexistente. Segundo explicou, esta moratoria busca estudar unha modificación do PXOM ante o crecemento do fenómeno turístico na cidade.
No eido educativo, a Xunta de Goberno aprobou tamén a relación definitiva de admisión e listas de agarda das escolas infantís municipais para o curso 2026-27, unha vez resoltas as reclamacións presentadas tras a publicación inicial. Dúas foron rexeitadas por non cumprir o requisito de data de nacemento establecido nas bases e unha terceira foi aceptada tras acreditar o empadroamento.
Entre os asuntos tramitados por urxencia destaca a licitación do novo contrato de comedores escolares, que dará cobertura ao xantar en nove CEIP e tres escolas rurais, así como ao almorzo en dez centros e tamén nas unitarias. Louzao confirmou que o próximo curso seguirá vixente o modelo de contratación externa mentres o Concello avanza no futuro sistema propio, pero sinalou que o novo prego incorpora melloras derivadas da normativa estatal sobre alimentación saudable e sustentable, reforzo da monitoraxe e máis atención especializada para alumnado con necesidades específicas.
O servizo dividirase por primeira vez en dous lotes: un para monitoraxe e outro para alimentación. O contrato do cátering limitarase inicialmente a un ano, coa previsión de adaptarse ao futuro modelo municipal. A pesar do incremento do custo, o goberno local asegura que non se modificarán os prezos públicos para as familias no curso vindeiro, asumindo o Concello unha parte relevante do financiamento.
Outro dos acordos foi a aprobación do expediente para instalar un novo sistema de seguridade e vixilancia no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro, na súa primeira fase, cun investimento superior aos 203.000 euros.
No plano organizativo, a Xunta de Goberno aprobou unha nova modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) para adaptar a estrutura municipal aos cambios producidos desde 2024. O documento incorpora reorganizacións entre áreas, novas prazas derivadas da taxa de reposición —incluíndo persoal técnico, bombeiros e policía local— e a funcionalización de 61 postos que permanecían baixo réxime laboral.
Louzao destacou que esta medida busca unificar a estrutura administrativa, facilitar a mobilidade interna e mellorar a cobertura de vacantes, mantendo carácter voluntario para o persoal afectado. Ademais, confirmou que o Concello segue traballando coa Universidade de Santiago nunha avaliación integral de todos os postos municipais para definir futuros complementos específicos con criterios obxectivos.
Finalmente, tamén se aprobaron as gratificacións por servizos extraordinarios correspondentes ao primeiro trimestre do ano, cun importe global de máis de 708.000 euros, destinados principalmente a Policía Local e Servizo de Bombeiros.
Na quenda de preguntas, sobre o contexto político do último ano de mandato, Louzao asegurou que o goberno local seguirá “centrado en traballar por mellorar a vida da cidadanía”, fronte ao que definiu como unha campaña permanente da oposición popular.

