InicioCULTURAUgía Pedreira: "Begoña aínda está aquí, nas cancións, nas amigas e na...

Ugía Pedreira: “Begoña aínda está aquí, nas cancións, nas amigas e na praza”

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Cantora, compositora e unha das voces máis singulares da creación musical galega contemporánea, Ugía Pedreira é ademais unha figura clave na experimentación escénica e na conexión entre música, comunidade e identidade cultural. Este 17 de maio participa en Santiago como unha das impulsoras e protagonistas de Circes e Morganas, o grande espectáculo colectivo que converterá a Praza da Quintana no epicentro da homenaxe a Begoña Caamaño no Día das Letras Galegas. Con motivo desta cita, Xornal de Compostela conversa con ela para afondar na dimensión artística, política e emocional dunha proposta que busca celebrar o legado da escritora dende a música, a palabra e a participación colectiva.

En que consiste esta proposta artística de Circes e Morganas e que tipo de experiencia queredes transmitir?

Nós queriamos dar un pouco a paleta da muller poliédrica que foi Begoña Caamaño e tamén revisar o seu legado. Non só o legado público, senón tamén todo o que fixo por detrás, que foi tecer redes na base e axudar a moitas mulleres. Vimos que había un punto de comunidade de fiandeira interesante e, a partir de aí, quixemos fiar este espectáculo con xente que a coñecía moi ben, como Uxía, amiga de hai moitos anos. Falamos coas amigas, co seu grupo, con xente que a coñecía, con compañeiros de vida, como Vítor Belho, que foi quen tivo a idea deste espectáculo. E a partir de aí dar as diferentes caras de Begoña: a xornalista, a que gustaba dos mitos, a activista coa lingua, co antimilitarismo, co feminismo. A partir de aí fomos unindo persoas, cancións, presenzas e non presenzas tamén. E unir tamén a praza co escenario. Se o escenario está na praza, é a praza o palco maior.

Definides a Begoña como unha figura poliédrica, pero tamén o espectáculo parece selo. Que papel xoga a música dentro desa proposta?

É curioso, porque era unha muller que escoitaba moita música, fixo programas tamén de radio musicais, e ademais era unha tipa cunha memoria de letrística brutal. Entón nós queriamos que aparecese iso: a que cantaba, a que cantaba nos bares, as reunións familiares, a que sabía todas as letras. Para nós, a música é o fío, é o liño que une todo.

Ese pensamento crítico, feminista e comprometido de Begoña, como se leva ao escenario?

Aquí, evidentemente, hai un gran número de mulleres enriba do escenario. Xa é feminino per se. Ademais, as ilustracións de Agustina tamén están arredor da muller atávica, da muller salvaxe, dende o punto de vista de ser alguén expresivo e coidador. Hai moitas cousas: está a Batucada transfeminista, están cancións que lle interesaban a ela… A min ensinoume unha canción que se chama As histéricas somos o máximo, de Liliana Felipe, e eu recollina para que De Vacas a fixese en galego. Hai tamén toda unha parte de erotismo claro e evidente, un erotismo sen idade, dende a xuventude ata a madurez de calquera muller.

O espectáculo bebe tamén directamente de Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle.

Si. Está a dualidade, que é a dualidade que temos todos. E están tamén os libros, aparecen os dous libros no espectáculo.

Participa moita xente próxima a ela. Como se constrúe esa comunidade artística?

Sendo o máis natural que podemos. Marina Oural e mais eu, que temos unha oficina para postas en escena, traballamos sempre dende o esqueleto máis orgánico e natural da persoa, para que non quede ficticio, para non entrar no teatro, senón na columna vertebral das persoas: que se lle dá mellor a unha, que se lle dá mellor a outra, e darlle valor a iso. Traballamos moitas veces con coreografías sociais, cunha visión máis comunitaria e colectiva, onde o tecido social e a política musical son importantes. A partir de toda esa teoría e filosofía fomos creando o relato.

Que achega a Praza da Quintana como escenario?

Cando o espazo é elixido, e neste caso é emblemático e marabilloso, nós ideamos todo o tempo que o palco tivese máis horizontalidade. Realmente facer da Quintana o palco. Imos utilizar as escaleiras, o centro, facer que o público e o artista estean xuntos, porque todos somos artistas e público ao mesmo tempo.

Falades tamén dun espectáculo participativo. Como se articula esa participación?

É moi interesante, porque nós non traballamos intentando poñer unha orde externa, senón que damos proposicións. A min escenicamente non me gusta nada cando estou de público que me ordenen o que teño que facer. Eu, como público, fago o que quero, igual que como artista. Entón damos proposicións; se as colles, ben, e se non, tamén. Imos bastante lonxe do flashmob ou de cousas pautadas de “hai que mover os brazos á esquerda ou á dereita”. Parécenme imperativos. E penso que temos que ir á liberdade da persoa homenaxeada. O tempo que eu a coñecín, era unha persoa que se movía como quería. Entón, móvete como queiras.

Esa filosofía de liberdade é central?

Si, fundamental. Eu penso que é moi lindo danzar libre, moverse libre. A cuestión é dende onde o propós.

Definides Circes e Morganas como un espectáculo único e irrepetible. Por que?

Porque hai unha parte fóra de control. Mesmo nós, dende arriba, cando unimos as cancións escenicamente, tamén hai cousas que o artista non ten pactado. Se o temos todo pactado, é todo perfecto. E non entras na imperfección da arte. Hai cousas non pactadas enriba do escenario. Iso non quere dicir que non estean os bimbios ben postos, pero hai espazo para o vivo.

Tamén pola dificultade de xuntar tantas voces?

Exactamente. Foi moi complicado xuntar estas 16 voces. Podería repetirse máis pequeno, pero así, con esta dimensión, é complexo.

Hai tamén unha dimensión emocional especial?

Claro. Hai moita xente arredor deste espectáculo que a coñecemos. Hai xente diante e detrás que coñeceu a Begoña. Begoña aínda está aquí. Son moi poucos da súa morte. Entón aquí hai un caldo de cultivo emocional tremendo.

Paréceme interesante enfatizar tamén que é un espectáculo grande para as Letras Galegas. Normalmente fanse mil cousas en moitos sitios, pero non un espectáculo grande nunha praza emblemática que represente o día. Cando recibimos esta proposta dixen: claro, é que as Letras Galegas merecen un espectáculo grande. Evidentemente.

ÚLTIMAS

Milleiros de persoas toman Santiago no Día das Letras para reclamar medidas urxentes en defensa do galego

Varios millerios de persoas mobilizáronse este 17 de maio en Compostela convocadas pola plataforma...

A Real Academia Galega reivindica en Santiago o legado literario, feminista e xornalístico de Begoña Caamaño nas Letras Galegas 2026

A Real Academia Galega dedicou este 17 de maio en Santiago de Compostela unha...

Unha persoa ferida en Santiago tras saírse da vía e bater contra varios vehículos aparcados

Unha persoa resultou ferida nun accidente ocorrido na noite deste sábado en Santiago de...

A Real Academia Galega reivindica en Santiago o legado literario, feminista e xornalístico de Begoña Caamaño nas Letras Galegas 2026

A Real Academia Galega dedicou este 17 de maio en Santiago de Compostela unha...

A RAG celebra en Santiago o pleno das Letras Galegas dedicado a Begoña Caamaño

A Real Academia Galega celebrará este domingo, no Teatro Principal de Santiago de Compostela,...

A Real Academia Galega celebra este domingo en Santiago o pleno das Letras Galegas dedicado a Begoña Caamaño

A Real Academia Galega celebrará este domingo 17 de maio ás 12:00 no Teatro Principal...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here