InicioPOLÍTICASantiago aproba a restauración do Arco de Mazarelos e da segunda fase...

Santiago aproba a restauración do Arco de Mazarelos e da segunda fase das cubertas da Catedral

Publicado o

Xornal de Compostela

A portavoz do Goberno local e concelleira de Turismo, Míriam Louzao, informou este luns dos principais acordos adoptados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, marcada por actuacións de relevancia no ámbito patrimonial, urbanístico e administrativo, entre as que destacan a aprobación de proxectos de restauración para dous elementos singulares do patrimonio compostelán: o Arco de Mazarelos e a segunda fase da rehabilitación das cubertas das absidiolas da Catedral.

No apartado urbanístico, o executivo municipal outorgou licenzas para diversas actuacións, entre elas a construción dunha nave industrial na rúa Extremadura, reformas en inmobles da rúa da Rosa, Monte dos Postes e Monte dos Chaos, así como a segregación dunha parcela no lugar da Fena. Tamén se aprobou a reforma dunha vivenda municipal destinada a residencia e atención para mulleres vítimas de violencia de xénero.

SETE MESES PARA COMPLETAR A NOVA FASE NAS CUBERTAS DA CATEDRAL

Un dos asuntos centrais foi a concesión da licenza para a segunda fase da restauración das cubertas das capelas da cabeceira catedralicia, dentro do Plan Director aprobado en 2009. Esta intervención permitirá actuar nas zonas pendentes tras os traballos desenvolvidos entre 2010 e 2021, especialmente en espazos como a Capela da Concepción, a do Espírito Santo ou a de Santo André.

Segundo explicou Louzao, o proxecto pretende corrixir filtracións e problemas derivados de solucións construtivas heteroxéneas incorporadas ao longo do século XX, substituíndoas por materiais máis coherentes coa configuración histórica do conxunto. A actuación conta con autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico, cun prazo previsto de sete meses e un orzamento de 281.393,96 euros.

LUZ VERDE Á LIMPEZA E CONSERVACIÓN DO ARCO DE MAZARELOS

A Xunta de Goberno tamén aprobou o proxecto de limpeza, restauración e conservación do Arco de Mazarelos, elaborado pola Oficina Técnica do Consorcio de Santiago. A intervención inclúe a limpeza de paramentos, consolidación estrutural, corrección de filtracións e retirada de elementos alleos ao conxunto monumental.

Louzao lembrou o valor histórico deste vestixio, última porta conservada da antiga muralla compostelá no seu emprazamento orixinal, vinculada historicamente á entrada de viño do Ribeiro e cereal de Castela. O proxecto terá un prazo de execución de catro meses e un orzamento base de 74.062,71 euros, financiado polo Consorcio.

FESTA DOS MAIORES E CONTRATACIÓNS

No ámbito festivo, o Concello adxudicou á empresa Casa Taguada Restaurante Catering o contrato para o xantar da Festa dos Maiores das festas da Ascensión, cun prezo por comensal de 34,21 euros. O gasto municipal ascenderá a 64.608,50 euros, mentres que o prezo público para asistentes queda fixado en 10 euros por persoa.

Pola contra, quedou deserta a licitación do servizo de estabilización de ratas en colonias urbanas ao non cumprir a única empresa presentada cos requisitos administrativos esixidos.

FONDOS EUROPEOS PARA O PLAN HORIZONTE COMPOSTELA

Outro dos puntos destacados foi a aceptación formal das condicións asociadas aos fondos FEDER concedidos ao Plan de Acción Integrado Horizonte Compostela, centrado na zona norte da cidade. Santiago recibirá 8,73 millóns de euros, que permitirán mobilizar un investimento público superior aos 14,5 millóns.

Louzao explicou que o Concello xa foi designado como Organismo Intermedio Lixeiro, condición necesaria para xestionar e seleccionar operacións cofinanciadas, tras superar os procedementos técnicos e administrativos esixidos polo Ministerio.

SUBVECIÓNS, COOPERACION E DEFENSA XURÍDICA

A Xunta de Goberno aprobou tamén ampliar nun mes o prazo de execución dun proxecto de cooperación en Honduras financiado con 40.000 euros a través da Fundación Humanitaria dos Rotarios Españois.

Ademais, rexeitou o recurso presentado pola Asociación Veciñal Mestra Victoria Míguez contra a redución da súa subvención municipal por gastos non xustificables segundo as bases da convocatoria.

Por último, acordouse o pagamento ao exalcalde Ángel Currás de 41.944,65 euros máis IVE por gastos de defensa xurídica.

TURISMO, TAXA TUSÍRISTICA E AEROPORTO

Na quenda de preguntas da rolda, Louzao valorou tamén a situación da conectividade aérea compostelá, asegurando que Santiago contará coa “mellor conectividade global da súa historia”, con 24 rutas —sete internacionais— e conexión directa con tres continentes, aínda que insistiu en reclamar unha maior implicación da Xunta tanto en financiamento como en coordinación do sistema aeroportuario galego.

Sobre a taxa turística, indicou que continúa en fase de exposición pública e confiou en que o foro de turismo sustentable poida quedar aprobado este mesmo mes. Tamén expresou satisfacción polo desenvolvemento inicial do programa formativo para experiencias turísticas orientadas á descentralización e desestacionalización da oferta compostelá.

ÚLTIMAS

O mercado inmobiliario compostelán visou só 18 vivendas novas nos tres primeiros meses de 2026, un 33% menos que o ano anterior

O sector da construción en Santiago de Compostela atravesa un dos períodos de menor...

Alfonso Rueda recibe ao Monbus Obradoiro tras o ascenso á ACB e reivindica que “en básquet tamén somos Galicia Calidade”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu na mañá deste luns aos xogadores e...

O PP reclama un plan integral para recuperar a Igrexa de Santa Susana ante o seu deterioro

O concelleiro do Partido Popular José Antonio Constenla, esixiu ao goberno municipal de BNG...

O PP reclama un plan integral para recuperar a Igrexa de Santa Susana ante o seu deterioro

O concelleiro do Partido Popular José Antonio Constenla, esixiu ao goberno municipal de BNG...

O PP esixe ao goberno local que actúe con urxencia ante as deficiencias de mobilidade e seguridade na parroquia de Berdía

A concelleira do Partido Popular no Concello de Santiago, Nerea Barcia, reclamou este luns...

Os socialistas denuncian que os traballadores dos Centros Socioculturais de Santiago levan meses sen cobrar

O Grupo Municipal Socialista do Concello de Santiago de Compostela denunciou publicamente a situación...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here