InicioSANTIAGOA USC e o Concello de Santiago reforzan a súa alianza institucional...

A USC e o Concello de Santiago reforzan a súa alianza institucional na primeira visita oficial de Rosa Crujeiras a Raxoi

A nova reitora asinou no Libro de Honra e aposta por ampliar a colaboración en vivenda, cultura, emprendemento, sustentabilidade e ordenación urbana

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a nova reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, escenificaron este martes no Pazo de Raxoi a vontade compartida de consolidar e ampliar a colaboración entre ambas institucións nunha primeira visita oficial marcada pola continuidade dos proxectos xa iniciados e pola apertura de novas vías de cooperación estratéxica para a cidade.

Crujeiras, primeira muller en asumir o reitorado da USC, asinou no Libro de Honra do Concello nun acto institucional no que ambas responsables puxeron o foco no papel da universidade como motor social, económico e cultural de Compostela. Sanmartín subliñou que a USC é “unha parte fundamental de Santiago de Compostela” e incidiu na necesidade de manter unha folla de ruta común que permita trasladar o coñecemento xerado pola institución académica ao conxunto da sociedade compostelá.

A rexedora destacou que o traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos xa deu lugar a colaboracións en ámbitos como o modelo turístico, o deseño de estratexias verdes, a loita contra o cambio climático, a igualdade ou a economía social, e avanzou que o obxectivo pasa agora por reforzar esas liñas co novo equipo reitoral. “O interese para nós é fundamental seguir adiante nesa colaboración”, sinalou, incidindo tamén na coordinación política e técnica entre Concello e universidade.

Pola súa banda, Crujeiras reivindicou o papel histórico da USC na construción da identidade compostelá e defendeu unha universidade máis conectada coa cidadanía. “Temos moito máis que ofrecer a esta cidade”, afirmou, apostando por fortalecer a transferencia de coñecemento cara ao tecido social, cultural e produtivo de Santiago. A reitora fixo fincapé en sectores como a creación de empresas de base tecnolóxica, o emprendemento e a innovación como posibles áreas prioritarias para contribuír á diversificación económica local.

CAMPUS SUR, VIVENDA E CULTURA ENTRE OS ASUNTOS PRIORITARIOS

Entre os temas concretos abordados na reunión figuraron cuestións históricas como a ordenación e mellora do Campo Sur, un espazo sobre o que Concello e USC levan anos traballando a nivel técnico. Sanmartín explicou que existen avances relacionados coa segregación de parcelas, a definición de titularidades e a cuantificación económica das actuacións, aínda que advertiu da complexidade administrativa do proceso.

Outro dos puntos centrais foi o acceso á vivenda, especialmente para o estudantado, nun contexto marcado pola futura declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado. A alcaldesa apuntou que esta ferramenta pode contribuír a facilitar a residencia estudantil na cidade e evitar desprazamentos cara a outros municipios.

No eido cultural, Crujeiras avanzou a intención do novo equipo de goberno da USC de abrir máis os espazos universitarios á cidadanía e entender a cultura como un dereito compartido. A reitora sinalou que, ademais das colaboracións xa consolidadas, existen novas posibilidades para fortalecer a relación entre campus e cidade a través de proxectos culturais e espazos de convivencia.

“A UNIVERSIDADE É UNHA VACINA CONTRA O NON-LUGAR”

Na súa mensaxe no Libro de Honra, Crujeiras definiu Santiago como unha cidade cuxa identidade está profundamente vinculada á universidade. A reitora advertiu sobre o risco dos “non-lugares”, espazos sen identidade recoñecible, e asegurou que Compostela conserva a súa singularidade precisamente grazas ao papel da USC. “A universidade é xustamente unha vacina contra o non-lugar”, afirmou.

Preguntada polo simbolismo de ser a primeira muller en ocupar o cargo, Crujeiras restou excepcionalidade ao feito, aínda que recoñeceu a súa relevancia simbólica. “Non será a última”, asegurou, expresando o desexo de que no futuro a presenza feminina en postos de máxima responsabilidade deixe de ser noticia.

A recepción en Raxoi serviu así para visualizar unha nova etapa nas relacións entre o Concello e a USC, marcada pola vontade de continuidade, a cooperación institucional e a aspiración compartida de converter o coñecemento universitario nunha ferramenta útil para o desenvolvemento de Santiago.

ÚLTIMAS

Monbus sitúase de novo á fronte do novo contrato de transporte urbano de Santiago

O novo contrato de transporte urbano de Santiago deu este luns, 22 de xuño,...

Mercedes Rosón encabezará unha candidatura propia ás municipais de 2027

As concelleiras non adscritas de Santiago anunciaron este martes a posta en marcha dunha...

O colectivo feminista Materfem denuncia ante os xulgados de Santiago que se están “minimizando” casos de violencia de xénero

O colectivo Materfem, Maternidades Feministas Galegas, concentrouse na mañá deste martes diante do edificio...

O Premio Literario San Clemente recibe o Premio Nacional ao Fomento da Lectura

O Premio Literario San Clemente, promovido polo IES Rosalía de Castro de Santiago de...

Lara Méndez respecta a candidatura independente das exconcelleiras socialistas e defende que o PSdeG presentará un proxecto de cidade en Santiago

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, afirmou que respecta a decisión das...

A USC aborda en Santiago o impacto das redes sociais no benestar da infancia e da adolescencia

A Universidade de Santiago de Compostela inaugurou este martes na Facultade de Psicoloxía as...

Aparece morto o home detido o venres por tres agresións sexuais en O Milladoiro

O home que fora detido o venres en relación con tres supostas agresións sexuais...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here