InicioCULTURATanxugueiras, Mondra e a homenaxe a Begoña Caamaño protagonizan unhas Festas da...

Tanxugueiras, Mondra e a homenaxe a Begoña Caamaño protagonizan unhas Festas da Ascensión 2026 con seis días de programación en Santiago

A cidade celebrará do 12 ao 17 de maio unha edición que reforza o peso da música, a tradición popular, o lecer inclusivo e as Letras Galegas, con atraccións na Alameda desde o día 8 ata o 25

Publicado o

Xornal de Compostela

Santiago de Compostela xa quenta motores para unha nova edición das súas festas máis emblemáticas. A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, presentou este martes no Pazo de Raxoi o programa completo das Festas da Ascensión 2026, que se desenvolverán oficialmente entre o 12 e o 17 de maio cunha oferta que combina grandes concertos, tradición popular, actividades culturais, propostas deportivas e eventos pensados para públicos de todas as idades.

A programación festiva ampliarase máis alá das datas centrais coa instalación das tradicionais atraccións na Alameda desde este venres 8 de maio e ata o luns 25. Ademais, manteranse os horarios inclusivos sen ruído os días 8, 16 e 17 entre as 17:00 e as 19:00, unha medida orientada a favorecer un acceso máis diverso ao recinto feiral. Tamén volverá funcionar o Punto Lila na Alameda entre o 13 e o 16 de maio, en horario de 20:00 a 01:00.

Durante a presentación, Lueiro definiu a Ascensión como “as festas máis picheleiras” e subliñou o seu carácter tradicional e aberto a toda a veciñanza. A responsable municipal tamén deu a coñecer o cartel desta edición, obra da artista compostelá Sara Romero, graduada en Belas Artes. A proposta visual céntrase na idea de movemento colectivo cara á festa e incorpora elementos recoñecibles como os cabezudos, o pichel, o polbo á feira, a música tradicional ou a nora da Alameda como símbolos da identidade festiva compostelá.

TANXUGUEIRAS ABRIRÁ AS FESTAS NO OBRADOIRO

O inicio oficial chegará o martes 12 coa actuación de Tanxugueiras na praza do Obradoiro, nun espectáculo de conta atrás para a presentación do seu novo disco e que servirá como gran apertura musical da semana.

O mércores 13 combinará teatro e música pop cunha representación de Espiñas Rosas no Teatro Principal e o concerto Santiago 40 Pop na Quintana, presentado por Tony Aguilar e con artistas como Chiara Oliver, Ruslana ou Marlon. A xornada rematará coa Orquestra América de Vigo na Alameda.

O xoves 14, xornada central da Ascensión, manterá algúns dos sinais de identidade máis recoñecibles da celebración, desde as alboradas matinais ata a comparsa de cabezudos, pasando pola tradicional Feira Cabalar da Ascensión no mercado de Amio.

A música tradicional ocupará durante toda a tarde rúas e prazas do casco histórico co programa Folk na rúa, mentres que o apartado escénico incluirá a representación de Esencia, con Juan Echanove e Joaquín Climent. Pola noite, o protagonismo musical trasladarase á Quintana con Mondra, nun concerto que o Concello prevé como un dos momentos destacados desta edición.

COMPOSFEST, FESTA DOS MAIORES E ROMARÍA DAS FLORES

O venres 15 volverá o Composfest á Quintana, acompañado do XLIX Torneo da Chave, actuacións corais e programación musical na Alameda.

Xa o sábado 16, a programación diversificarase coa Festa das persoas maiores, o Campionato Galego de Espada, a exposición FastLife ExpoMotor, escolas de baile tradicional, cantos de taberna e a Romaría das Flores en Belvís. A noite estará marcada polo concerto de Alba Reche dentro do ciclo SON Estrella Galicia.

ASCENSIÓN, LETRAS GALEGAS E BEGOÑA CAAMAÑO NO PECHE

O domingo 17 unirá tres dimensións simbólicas: o remate da Ascensión, a celebración das Letras Galegas e unha homenaxe específica a Begoña Caamaño. A xornada incluirá a XXV Carreira da Ascensión, o concerto A voz das Letras Galegas da Banda Municipal e un pasarrúas de Latexo Percusión.

O peche institucional e cultural chegará ás 20:00 na Quintana co espectáculo Circes e Morganas. Celebrando a Begoña Caamaño, presentado pola alcaldesa Goretti Sanmartín. Segundo destacou Pilar Lueiro, será “un día de moitas emocións” no que Compostela aspira a converterse nun epicentro festivo e cultural de Galicia.

ÚLTIMAS

Monbus sitúase de novo á fronte do novo contrato de transporte urbano de Santiago

O novo contrato de transporte urbano de Santiago deu este luns, 22 de xuño,...

Mercedes Rosón encabezará unha candidatura propia ás municipais de 2027

As concelleiras non adscritas de Santiago anunciaron este martes a posta en marcha dunha...

O colectivo feminista Materfem denuncia ante os xulgados de Santiago que se están “minimizando” casos de violencia de xénero

O colectivo Materfem, Maternidades Feministas Galegas, concentrouse na mañá deste martes diante do edificio...

O Premio Literario San Clemente recibe o Premio Nacional ao Fomento da Lectura

O Premio Literario San Clemente, promovido polo IES Rosalía de Castro de Santiago de...

O Premio Literario San Clemente recibe o Premio Nacional ao Fomento da Lectura

O Premio Literario San Clemente, promovido polo IES Rosalía de Castro de Santiago de...

A Cidade da Cultura acada 120.000 participantes no primeiro semestre e marca o seu mellor arranque anual

A Cidade da Cultura de Galicia acadou no primeiro semestre de 2026 o mellor...

O Son do Camiño baixa o pano tras reunir 125.000 persoas nunha edición atravesada polo debate sobre os fondos de investimento

O Son do Camiño pechou na madrugada deste domingo unha nova edición no Monte...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here