InicioCULTURAA Real Academia Galega presenta en Santiago o documental sobre Begoña Caamaño...

A Real Academia Galega presenta en Santiago o documental sobre Begoña Caamaño co gallo das Letras Galegas 2026

A proxección terá lugar o 27 de abril no Salón Teatro e incluirá un coloquio cos directores e o académico Víctor F. Freixanes

Publicado o

Xornal de Compostela

A Real Academia Galega presentará o vindeiro luns 27 de abril en Santiago de Compostela o documental ‘Begoña Caamaño Caamaño: navegar no pracer do azul’, unha produción realizada con motivo das Letras Galegas 2026. O acto terá lugar no Salón Teatro ás 19:00, con entrada libre ata completar a capacidade, e incluirá un coloquio posterior cos seus directores, Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez, así como co académico Víctor F. Freixanes.

O filme, producido pola empresa compostelá Miramemira, constitúe unha primeira homenaxe pública en Santiago á escritora e xornalista Begoña Caamaño, figura protagonista do Día das Letras Galegas 2026. A capital galega acollerá tamén o pleno extraordinario da institución o 17 de maio, reforzando o seu papel na conmemoración.

A obra audiovisual percorre a traxectoria vital e profesional de Caamaño, con especial atención á súa etapa en Compostela, cidade á que chegou en 1992 para traballar na Radio Galega. Foi aquí onde iniciou a súa carreira literaria, xa con 45 anos, cunha proposta que reinterpretou mitos clásicos desde perspectivas femininas. O documental recolle tamén o seu labor xornalístico e o seu compromiso coa lingua galega e co activismo cultural.

O relato constrúese a través dunha pluralidade de voces, entre elas a súa irmá Beatriz Caamaño, amizades e figuras do ámbito cultural como Ana Romaní, Goretti Sanmartín ou María Xesús Nogueira. Ademais, inclúe unha homenaxe radiofónica realizada por alumnado do CEIP Monte dos Postes, así como intervencións de estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.

A produción incorpora tamén elementos de ficción audiovisual, con escenas dramatizadas rodadas en distintos espazos de Galicia e coa colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e do Centro Dramático Galego. Estas secuencias recrean personaxes e universos literarios presentes na obra da autora, combinando interpretación, danza e material de arquivo.

Segundo explicaron os seus directores, “todos estes elementos conflúen nunha obra que reafirma o noso compromiso cunha forma de crear e comunicar honesta, crítica e conectada co presente”. Engadiron que o documental busca “activar unha reflexión sobre os modos de narrármonos como sociedade” e contribuír á creación de memoria colectiva a través do audiovisual.

O proxecto contou co apoio da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e está dispoñible na páxina web da RAG e en YouTube. Con esta iniciativa, a Academia continúa a súa aposta polos formatos audiovisuais iniciada en 2021, coa intención de achegar as figuras homenaxeadas a públicos amplos, especialmente ao máis novo.

Ademais, no marco das Letras Galegas 2026, a institución ten en marcha outras propostas como o videopódcast ‘Colchas de voces’ ou a serie de contidos dixitais ‘É o tempo de Begoña Caamaño’, así como o proxecto didáctico ‘Primavera das Letras’, dirixido ao público infantil.

ÚLTIMAS

Saleta Chao toma posesión como concelleira de Facenda de Santiago

Saleta Chao Rivas (BNG) incorpórase dende hoxe á Corporación municipal de Santiago de Compostela...

O pleno aproba unha moción do PP para reforzar o control do servizo de axuda no fogar e mellorar as condicións das traballadoras

O Pleno do Concello aprobou este luns unha proposición presentada polo Partido Popular para...

O PSdeG denuncia que dous alumnos do CEE A Barcia non poden asistir ás clases por falta de transporte adaptado

O secretario xeral do PSdeG en Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, denunciou este...

As non adscritas apoian a ILP Lingua Vital e levarán ao Pleno de Santiago unha moción para defender o galego

As concelleiras non adscritas do Concello de Santiago formalizaron o seu apoio á Iniciativa Lexislativa...

Cineuropa celebra os seus 40 anos en Santiago con máis de 150 películas, retrospectivas e homenaxes ao cinema internacional e galego

O festival Cineuropa cumprirá 40 edicións cunha programación de máis de 150 películas repartidas...

O loito polo accidente de Urda obriga a aprazar o concerto de Kid Mount en Santiago: que pasará coas entradas?

O Concello de Santiago decidiu aprazar o concerto de Kid Mount previsto para este...

Clara Cantore presenta en Santiago ‘Regreso’, un disco que une as raíces musicais arxentinas e galegas

A cantante e compositora Clara Cantore presentará este venres, 30 de outubro, en Santiago...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here