InicioMOV. SOCIAISO estudantado da USC convoca folga o 28 de abril para reclamar...

O estudantado da USC convoca folga o 28 de abril para reclamar melloras no ensino público

As asembleas abertas das facultades súmanse á mobilización impulsada polo profesorado e denuncian problemas estruturais na universidade e no acceso á vivenda

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O movemento estudantil da Universidade de Santiago de Compostela anunciou a convocatoria dunha folga o vindeiro 28 de abril, en coordinación co paro promovido por organizacións do ensino como a CIG-Ensino e a STEG, para denunciar a situación que cualifican de “insostible” no sistema educativo galego.

A mobilización partirá ás 11:30 na praza de Mazarelos, no centro histórico compostelán, e conta co impulso das asembleas abertas do estudantado, espazos de organización que se veñen consolidando nos últimos meses en diferentes facultades da USC. Segundo explican, estes órganos buscan articular respostas colectivas tanto a problemáticas específicas de cada centro como a cuestións de carácter xeral que afectan ao conxunto do alumnado.

Entre os motivos da convocatoria, sinalan cuestións como as altas ratios nas aulas, a carga burocrática do profesorado ou a falta de persoal especializado, factores que, segundo denuncian, teñen un impacto directo na calidade do ensino. Neste contexto, consideran que a universidade “non é unha excepción” e que tamén presenta deficiencias estruturais e de servizos.

As asembleas abertas destacan que nos últimos meses abordaron situacións concretas en distintos centros, como o peche da cafetería da Facultade de Historia ou o estado das instalacións en Relacións Laborais. Porén, inciden en que os problemas van máis alá do ámbito académico e afectan tamén ás condicións de vida do estudantado, en particular polo incremento do custo do alugueiro, que dificulta o acceso á vivenda en Santiago.

No marco desta convocatoria, o estudantado formula unha serie de reivindicacións dirixidas á USC e ás administracións públicas. Entre elas, inclúen a reapertura da residencia universitaria San Clemente, o aumento de prazas en aloxamentos universitarios, a revisión do protocolo de acoso sexual, que consideran insuficiente, e a paralización das políticas de privatización do ensino, así como da redución de prazas e supresión de títulos.

Ademais, reclaman máis espazos propios para o alumnado dentro dos campus, co obxectivo de favorecer a organización estudantil e a socialización. As asembleas abertas subliñan que a folga pretende reforzar a coordinación entre facultades e consolidar unha estrutura organizativa que, segundo indican, “chegou para quedar”.

A convocatoria do 28 de abril busca, segundo os seus promotores, dar continuidade ás mobilizacións no ámbito educativo e visibilizar unha serie de demandas que consideran compartidas por distintos sectores da comunidade académica.

ÚLTIMAS

O novo transporte urbano de Santiago comezará a operar nun prazo máximo de tres meses

O novo servizo de transporte urbano de Santiago de Compostela deberá entrar en funcionamento...

Santiago pide a Augas de Galicia unha valoración técnica sobre a evolución da vertedura de Tordoia

O Concello de Santiago solicitou por escrito a Augas de Galicia información detallada sobre...

Pacientes do CHUS denuncian un “colapso” permanente nos accesos ao Clínico

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou o “colapso” permanente dos accesos...

A CIG anuncia mobilizacións contra Monbus e reclama a readmisión dun traballador despedido tras a folga en Santiago

A CIG anunciou novas mobilizacións e accións penais contra o grupo Monbus para reclamar...

Pacientes do CHUS denuncian un “colapso” permanente nos accesos ao Clínico

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou o “colapso” permanente dos accesos...

A CIG anuncia mobilizacións contra Monbus e reclama a readmisión dun traballador despedido tras a folga en Santiago

A CIG anunciou novas mobilizacións e accións penais contra o grupo Monbus para reclamar...

O persoal de limpeza e conserxaría de Santiago suspende a folga tras lograr avances con Lacera

A CIG informa de que o persoal de limpeza e conserxaría dos colexios e...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here