InicioCULTURA'Compostela desparellada' propón novos roteiros para redescubrir a historia da cidade a...

‘Compostela desparellada’ propón novos roteiros para redescubrir a historia da cidade a través das relacións entre figuras clave

O programa Patrimonio C ofrecerá seis itinerarios gratuítos entre abril e xuño centrados en vínculos históricos, culturais e sociais

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago presentou unha nova proposta dentro do programa Patrimonio C, baixo o título ‘Compostela desparellada’, que se desenvolverá entre os meses de abril e xuño cun total de seis itinerarios guiados pola cidade. A iniciativa busca afondar na historia compostelá a través das relacións entre persoas e colectivos que contribuíron a configurar o seu relato histórico e simbólico.

A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, explicou que estes percorridos pretenden “entender a cidade como resultado dunha rede de vínculos”, máis alá da concepción tradicional de parella. Segundo indicou, as rutas abordarán alianzas, conflitos, amizades ou relacións intelectuais que deixaron pegada no tecido urbano e na memoria colectiva.

Entre as figuras que protagonizarán os itinerarios destacan Xelmírez e a raíña Urraca, cuxa relación estivo marcada por episodios de colaboración e confrontación, ou os irmáns Fandiño, como exemplo de resistencia cotiá. Tamén se incluirán referencias á memoria histórica, con nomes como Díaz Baliño e Ángel Casal, e á literatura, con vínculos como o de Rosalía de Castro e Federico García Lorca.

O proxecto incorpora ademais outras relacións vinculadas á transformación social e científica, como a de Elisa e Jimena de la Vega, ou ao ámbito cultural e intelectual. Segundo destacou Louzao, o obxectivo é “recuperar historias menos coñecidas e poboar os silencios da historia oficial”.

O deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, puxo o acento na importancia de visibilizar o papel das persoas na construción do patrimonio, máis alá dos elementos materiais. “Moitas veces esquecemos quen colocou as pedras e quen configurou a nosa historia”, sinalou, ao tempo que reivindicou o valor deste tipo de iniciativas para comprender o pasado.

Pola súa banda, desde a empresa Trivium, encargada da organización, Leo González explicou que a proposta parte da idea de contar Compostela a través de relacións humanas, tanto de acordo como de conflito. Indicou que os itinerarios estarán guiados por Emma Gutiérrez, á que definiu como unha das principais narradoras da cidade.

As visitas celebraranse os mércores ás 19:30 os días 22 de abril; 6 e 20 de maio; e 3, 10 e 17 de xuño. A participación será gratuíta, aínda que será necesario realizar inscrición previa a través da web de Compostela Cultura.

ÚLTIMAS

O Concello defende que baixa o número de animais en Bando e xustifica a suspensión da selección da dirección por unha dúbida legal

O Concello de Santiago respondeu ás críticas do Partido Popular sobre a situación do...

Patricia Iglesias evita aclarar se será candidata en Santiago: “Non son das que me anticipo”

A deputada socialista Patricia Iglesias volveu descartar este luns confirmar se optará a ser...

A Xunta de Goberno aproba obras no rural, subvencións de igualdade e a nova licitación das escolas infantís municipais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns, 8 de xuño, diferentes...

O comercio local de Santiago celebra o ‘Prima 2026’ con actividades familiares, música e unha ruleta de agasallos

O Concello de Santiago celebrará do xoves 11 ao sábado 13 de xuño unha...

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

O artista de Santa Comba Lg1do lanza por sorpresa o seu primeiro álbum, ‘Sobresaliente’, tras rematar a PAU

O artista Lg1do, con 18 anos e criado en Santa Comba, lanzou por sorpresa...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here