O colectivo de estudantes trans Atréve-T desenvolverá ao longo desta semana en Santiago de Compostela un programa de actividades centrado na visibilización da diversidade de xénero e na creación de espazos de información e reflexión dentro da comunidade universitaria.
A programación comezará o mércores cun cinefórum arredor do filme ‘I saw the TV glow’, que terá lugar ás 18:00 no salón de actos da Facultade de Filoloxía. A proxección servirá como punto de partida para o debate, a partir dunha historia na que un adolescente ve alterada a súa percepción da realidade tras descubrir un misterioso programa televisivo vinculado a un mundo sobrenatural.
Durante esa mesma xornada instalaranse tamén mesas informativas en dous puntos do campus. Por unha banda, na Facultade de Ciencias da Educación, no Campus Sur, no módulo central, entre as 12:00 e as 14:30; e por outra, na entrada da Facultade de Filoloxía, no Campus Norte, entre as 12:30 e as 15:00. Nestes espazos ofreceranse materiais divulgativos, recursos de interese e dinámicas participativas, co obxectivo de facilitar información e fomentar o diálogo arredor das identidades trans.
As actividades continuarán o xoves 9 cunha mesa redonda titulada ‘relatos en primeira persoa’, que se celebrará no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas. No encontro participarán Ellis Cuesta, Leo Parra, Alicia Arruti e Max Suárez, quen compartirán as súas experiencias vitais, educativas e laborais.
A través destes testemuños abordarase a diversidade de traxectorias dentro das identidades trans, prestando atención a aspectos como o percorrido educativo, a relación co entorno familiar e social, os procesos de autoidentificación ou a presenza —ou ausencia— de referentes. Ademais, analizaranse os desafíos e fortalezas que as persoas participantes atoparon ao longo das súas vidas.

