InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOSantiago constitúe o Consello do EcoBosque para reforzar a protección do río...

Santiago constitúe o Consello do EcoBosque para reforzar a protección do río Sar

O novo órgano participativo impulsará a restauración ecolóxica, a educación ambiental e a coordinación institucional no ámbito do Banquete de Conxo

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago anunciou a creación do Consello do EcoBosque, un novo órgano de participación destinado a reforzar a protección e restauración do río Sar e o seu ecosistema. A súa constitución celebrarase nos vindeiros días, segundo explicou a concelleira María Rozas, acompañada polo técnico de Emprego Xabier Ferreiro, nunha rolda de prensa na que se fixo balance do proxecto desenvolvido na zona do Banquete de Conxo.

A iniciativa enmárcase no proxecto ‘EcoBosque’, financiado con fondos europeos a través da Fundación Biodiversidade, co que se levaron a cabo diversas actuacións ambientais e de recuperación do espazo fluvial. Entre elas, destacan a elaboración de estudos hidrolóxicos, informes sobre fauna e flora, campañas de eliminación de especies invasoras ou a plantación de especies autóctonas, así como a mellora de infraestruturas como pontellas e miradoiros.

Rozas subliñou a importancia da implicación cidadá neste proceso, ao considerar que “é a mellor maneira de garantir a conservación a longo prazo do ámbito do Banquete de Conxo”. Neste sentido, lembrou o papel da veciñanza na defensa deste espazo fronte a proxectos considerados invasivos, como a senda ciclable promovida pola Xunta, que xerou rexeitamento social.

O Consello do EcoBosque contará cunha composición aberta e diversa, na que participarán representantes dos grupos municipais, persoal técnico, entidades ecoloxistas, asociacións veciñais, centros educativos e tamén axentes do ámbito empresarial. Segundo indicou a concelleira, este órgano terá como funcións principais a elaboración dun informe anual sobre o estado do río Sar, o deseño dun plan de actividades e a definición de prioridades para a súa conservación.

As liñas estratéxicas xa definidas inclúen a restauración ecolóxica do río, con medidas como o control de verteduras ou a monitorización da calidade da auga; a mellora do uso público do espazo, con actuacións en accesibilidade e sinalización; e o impulso da educación ambiental, mediante programas estables e iniciativas comunitarias.

Outro dos eixos destacados é o da gobernanza colaborativa, co obxectivo de mellorar a coordinación entre administracións. Sobre este punto, Rozas advertiu da preocupación existente respecto a posibles actuacións futuras da Xunta no ámbito do bosque de Conxo, ao considerar que poderían afectar aos traballos xa realizados.

Durante a comparecencia tamén se presentaron novas ferramentas dixitais vinculadas ao proxecto, como unha páxina web e unha aplicación móbil denominada EcoBosque-Río Sar, que permitirá facer seguimento das actuacións e facilitar a participación cidadá. A app inclúe información detallada sobre máis de 30 especies vexetais e 25 especies animais, así como un mapa interactivo coas intervencións realizadas.

Pola súa banda, Xabier Ferreiro explicou que esta ferramenta está pensada como un espazo colaborativo no que a cidadanía poderá achegar información sobre o estado do río ou incidencias detectadas. “A pretensión é facilitar instrumentos para o seguimento e achegar transparencia a todo o proceso”, sinalou.

O Concello enmarca esta iniciativa nunha estratexia máis ampla de recuperación ambiental e posta en valor do río Sar, coa intención de consolidar un modelo de xestión participativa e sostida no tempo.

ÚLTIMAS

A USC reconstrúe dixitalmente a ‘Raíña Orante’ do mestre Mateo

Un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigación...

Santiago vive un multitudinario Día de Galicia entre tradición, política e festa

Como cada 25 de xullo, Santiago de Compostela celebrou o Día Nacional de Galicia...

O arcebispo de Santiago chama a recoñecer a dignidade de toda persoa na Ofrenda ao Apóstolo

O arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, fixo un chamamento este 25 de xullo...

Liño, artesanía galega e memoria feminina no traxe da alcaldesa de Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, escolleu para os actos institucionais do 25 de...

‘Compostella Expeditio’ recrea o Santiago medieval nunha experiencia de realidade virtual

A sede de Afundación en Santiago de Compostela acolle desde este martes 'Compostella Expeditio',...

Controlado o incendio de Brión tras queimar 4 hectáreas

O incendio forestal declarado na tarde do pasado martes no municipio coruñés de Brión...

Santiago converterá as galerías entre Rosalía de Castro e a Rúa Nova de Abaixo nunha galería de arte urbana

As galerías que comunican Rosalía de Castro coa Rúa Nova de Abaixo deixarán de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here