InicioMOV. SOCIAISA Confederación Española de Policía denuncia a situación dos policías nacionais de...

A Confederación Española de Policía denuncia a situación dos policías nacionais de Santiago tras o incendio da comisaría e reclama unha nova sede

O sindicato asegura que os axentes levan máis dun mes traballando en dependencias provisionais sen espazo suficiente, sen calabozos e con carencias de medios, e pide ao Goberno central unha solución estrutural para a capital galega

Publicado o

Xornal de Compostela

A Confederación Española de Policía denunciou a situación na que, segundo sinala, está a desenvolver o seu traballo o persoal da Policía Nacional en Santiago de Compostela desde o incendio rexistrado na comisaría o pasado 12 de febreiro. A organización sindical sostén que os axentes levan “máis dun mes mendigando un sitio digno para traballar” despois do sinistro, ao tempo que critica a falta de respostas por parte do Ministerio do Interior.

Nun comunicado, a CEP cualifica de “surrealista” o escenario actual e afirma que os policías están a desempeñar as súas funcións en oficinas provisionais e en condicións de masificación, nun contexto que, ao seu xuízo, non ofrece unha solución inmediata nin tampouco garantías de continuidade a curto prazo. O sindicato censura que, mentres esta situación se prolonga, desde Interior “énchenselles os petos a outras policías e esquécense de nós”.

A organización entende que o problema non pode abordarse unicamente como unha resposta temporal ao incendio, senón como unha oportunidade para afrontar unha solución de maior alcance. Nese sentido, considera que o actual edificio da comisaría está nun estado que fai inviable a súa recuperación sen unha intervención profunda, polo que defende a construción dunha nova comisaría en Santiago nun emprazamento máis adecuado para a actividade policial.

Segundo expón o sindicato, esa nova infraestrutura debería servir para corrixir as carencias e limitacións que, ao seu entender, xa arrastraba a sede actual e que quedaron agravadas tras o lume. A CEP presenta esta demanda como unha medida necesaria para dotar á cidade dunhas instalacións acordes ás necesidades do servizo e interpreta tamén esa hipotética actuación como un “sinal de respecto” do Goberno central cara a Galicia e á súa capital.

No comunicado, os representantes sindicais sosteñen ademais que os axentes traballan agora “nunha situación que non reúne os requisitos mínimos para facelo”, ao carecer, segundo indican, de calabozos para persoas detidas, de parte dos medios perdidos tras o incendio e do espazo necesario para prestar unha atención adecuada á cidadanía.

A CEP advirte de que a resposta actual está a recaer, sobre todo, no esforzo do persoal destinado en Compostela. “Só quédanos a profesionalidade dos axentes, e iso non basta”, conclúe o sindicato, que insiste en reclamar unha resposta estable e de fondo para resolver a situación das dependencias policiais da cidade.

ÚLTIMAS

Falece o exconcelleiro socialista Carlos Neves mentres se bañaba nunha praia do Grove

Carlos Nieves, concelleiro socialista do Concello de Santiago desde 1987 ata 2011, con algunhas...

A USC contará cunha Cátedra de Memoria Democrática da man do Ministerio de Política Territorial e Memoria

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e a reitora da Universidade...

A USC abre o curso 2026/2027 coa defensa da universidade pública, dos dereitos humanos e da memoria emigrante

A Universidade de Santiago de Compostela inaugurou este venres o curso académico 2026/2027 cun acto...

O Consorcio abre as primeiras axudas para reformar os locais comerciais da Cidade Histórica

O Consorcio de Santiago abrirá este sábado a primeira convocatoria de axudas destinada especificamente...

A USC contará cunha Cátedra de Memoria Democrática da man do Ministerio de Política Territorial e Memoria

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e a reitora da Universidade...

Traballadores de conserxería e limpeza dos colexios de Santiago volverán á folga

Traballadores de Lacera, a empresa concesionaria de conserxería e limpeza nos colexios de Santiago,...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...