O Concello de Santiago de Compostela deu a coñecer o catálogo ‘Muralismo en Compostela’, unha publicación dixital que recompila 46 murais distribuídos por distintos puntos da cidade e que pretende facilitar o seu coñecemento tanto á veciñanza como ás persoas visitantes.
A presentación correu a cargo da concelleira de Xuventude, María Rozas, e da concelleira de Capital Cultural e Turismo, Míriam Louzao, quen destacaron o traballo conxunto entre departamentos para desenvolver esta iniciativa. Segundo explicou Rozas, o proxecto concíbese como “unha guía polo museo de arte urbana no que se ten convertido Santiago nos últimos anos”.
A edil de Xuventude puxo o foco no papel do muralismo como ferramenta de transformación urbana, sinalando que permite intervir en espazos degradados como medianeiras, fachadas ou muros e contribuír á súa mellora estética. Ademais, destacou outras dimensións desta disciplina, ao afirmar que tamén serve para “fortalecer a identidade local” e como vía de expresión e reivindicación, así como para democratizar o acceso á cultura.
Rozas lembrou que Santiago leva anos impulsando esta forma de creación a través de distintas iniciativas e eventos, entre eles Delas Fest, Elas Tamén Pintan ou Compostela Contemporánea, o que derivou nunha presenza crecente de obras na cidade. Neste sentido, subliñou que o catálogo pretende dar visibilidade a un conxunto de murais que moitas veces pasan desapercibidos, a pesar do seu número e relevancia.
O documento inclúe información detallada de cada obra, como a súa autoría, unha descrición e a súa localización. Ademais, incorpora códigos QR que permiten acceder directamente á súa ubicación en Google Maps, así como un mapa global que facilita a planificación de percorridos pola cidade.
Pola súa banda, Míriam Louzao incidiu na importancia de artellar unha “marca paraugas” que reúna toda a creatividade muralística de Compostela, que ata o momento se atopaba dispersa entre distintas iniciativas públicas e privadas. A concelleira explicou que o catálogo responde tamén á necesidade de crear ferramentas que permitan coñecer mellor este patrimonio contemporáneo, tanto para a cidadanía como para o turismo.
Desde a perspectiva turística, Louzao destacou que o proxecto contribúe a diversificar a oferta da cidade máis alá do casco histórico, xa que os murais se sitúan fóra da denominada Améndoa. Segundo indicou, isto permite “abrir un novo recurso” que fomenta a visita a outros barrios e favorece a desconcentración dos fluxos turísticos.
O catálogo está dispoñible en galego, castelán e inglés a través da páxina web de Turismo de Santiago, onde tamén se poden consultar os murais xeolocalizados. Ademais, esta ferramenta foi incorporada á programación de Semana Santa mediante un código QR, co obxectivo de facilitar o seu acceso ás persoas visitantes.
As responsables municipais avanzaron tamén que o número de murais seguirá medrando nos vindeiros meses, reforzando así unha liña de traballo que busca consolidar o muralismo como parte da identidade cultural contemporánea de Santiago.

