A concelleira non adscrita de Santiago, Mila Castro, manifestou a súa satisfacción pola sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que confirma a existencia dun delito contra o medio ambiente na canteira de Miramontes e ratifica o incumprimento das condicións autorizadas por parte da empresa Tecnosolos Galaicos. A edil puxo en valor o labor desenvolvido pola veciñanza e polos equipos municipais implicados ao longo do proceso xudicial.
Castro lembrou a súa etapa como responsable de Medio Ambiente no anterior mandato e destacou o traballo realizado: “son moi consciente do enorme esforzo que fixeron estes veciños e veciñas, así como tamén diferentes equipos municipais na elaboración de informes no proceso xudicial”. Neste contexto, considerou que a moción de urxencia presentada polo Goberno local debería contar cun apoio unánime e converterse nunha declaración institucional.
A concelleira asegurou que a canteira foi utilizada como un espazo de vertedura baixo a aparencia dun proceso de rexeneración ambiental. “Está claro que a Canteira de Miramontes foi usada como vertedoiro baixo a escusa dunha suposta rexeneración”, sinalou, ao tempo que advertiu de que a sentenza debe marcar un punto de inflexión para actuar con rapidez.
Neste sentido, reclamou á Xunta de Galicia a retirada inmediata dos residuos e a recuperación ambiental da zona, ao considerar que a situación require unha resposta urxente das administracións competentes. Tamén apelou ao Goberno municipal para que traballe na procura dun acordo amplo entre os grupos políticos.
CHAMAMENTO Á UNIDADE POLÍTICA
Mila Castro expresou a súa disposición a apoiar a iniciativa presentada polo executivo local, aínda que indicou que non participou inicialmente na súa elaboración. “Non imos poñer obstáculos á moción, ofrecémonos a asinala xa”, afirmou, incidindo en que o obxectivo debe ser garantir a solución do problema ambiental.
A edil tamén fixo referencia a iniciativas anteriores, lembrando que en marzo de 2022 xa se impulsaran accións con diferentes forzas políticas para rexeitar o uso da canteira como vertedoiro. Por iso, mostrou a súa sorpresa pola falta de integración dese consenso previo na nova proposta.
Finalmente, Castro apelou ao conxunto da corporación, incluído o Partido Popular, para que se sume á iniciativa. “A defensa do medio ambiente e o interese xeral da cidade non pode depender de cores políticas”, concluíu, insistindo na necesidade de actuar con unidade e responsabilidade institucional ante o caso de Miramontes.

