InicioCULTURASantiago levará aos centros educativos novas actividades sobre memoria histórica, igualdade e...

Santiago levará aos centros educativos novas actividades sobre memoria histórica, igualdade e prevención do acoso escolar

O Consello Municipal de Educación coñeceu a programación prevista para os vindeiros meses, que inclúe propostas para Secundaria, iniciativas no rural e a posta en marcha do servizo de madrugadores e almorzos nas escolas unitarias no curso 2026-2027

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago presentou no Consello Municipal de Educación novas propostas dirixidas aos centros educativos do municipio para os próximos meses, con especial atención a ámbitos como a memoria histórica, a igualdade, a prevención do acoso escolar e a convivencia. A reunión estivo presidida pola concelleira de Educación, Míriam Louzao, que trasladou tanto o balance da actividade recente como os programas que se ofrecerán á comunidade escolar no que resta de curso e no seguinte.

Entre as novidades figura a incorporación do programa ‘Compostela é Memoria’ aos institutos de educación secundaria. A iniciativa xirará arredor da proxección de ‘Antes de maio’, un audiovisual interactivo que recupera as protestas estudantís de 1968 e que, no caso compostelán, sitúa o foco nas mobilizacións que se produciron sobre todo no mes de marzo, antes do chamado maio francés. A proposta está formulada como unha experiencia inmersiva que combina compoñentes documentais e de ficción baixo unha estrutura semellante á dunha novela visual, na que o público segue a historia dunha estudante e debe tomar decisións ao longo do relato.

No ámbito da convivencia escolar, o departamento de Educación avanzou tamén o proxecto ‘Erguerse’, unha iniciativa educativa e artística centrada na loita contra o acoso escolar. O programa contará con sesións de mediación e con representacións a cargo de Et Suseia Danza, nun formato que emprega a creación escénica como ferramenta de sensibilización e reflexión. Xunto a isto, o Concello indicou que está a preparar outro proxecto orientado a reforzar o coñecemento e a valorización do rural compostelán entre o alumnado.

As actuacións expostas no Consello non se limitan á área de Educación, senón que se completan con outras iniciativas promovidas desde distintos departamentos municipais. No eido da igualdade, o Concello desenvolverá unha proposta destinada ao alumnado de Secundaria para traballar a educación en diversidade e a prevención da violencia. Un dos elementos previstos será un consultorio dixital anónimo por WhatsApp, pensado para que mozos e mozas poidan formular dúbidas sobre relacións afectivas dun xeito confidencial.

A esta liña sumaranse tamén actividades impulsadas desde Mocidade, entre elas formacións sobre prevención de adiccións en contornas dixitais durante a adolescencia e accións dirixidas a abordar a violencia interpersoal e a convivencia nos centros educativos. A intención do goberno local é ampliar así a oferta municipal vinculada ao ámbito escolar con propostas de carácter formativo, preventivo e participativo.

Na reunión tamén se repasou a programación cultural e educativa xa consolidada no calendario escolar compostelán. Louzao lembrou que no próximo trimestre se celebrará a XXX edición do Certame de Teatro Intercentros, que terá como escenario o Teatro Principal os días 27, 28 e 30 de abril e 1, 4, 5 e 6 de maio. Máis adiante, o 14 de xuño, desenvolverase unha nova edición de ‘Compostela en Danza’, que neste 2026 chegará á súa décimo novena convocatoria.

Estes dous certames forman parte das citas habituais promovidas polo Concello en colaboración coa comunidade educativa e manteñen a súa presenza dentro da programación anual destinada ao alumnado dos centros de Santiago.

BALANCE DAS ACTUACIÓNS DOS ÚLTIMOS MESES

Durante o encontro, o Concello fixo tamén balance das principais accións levadas a cabo nos últimos meses. Entre elas, salientou a presentación do Premio Compostela de Álbum Ilustrado e das propostas gañadoras do programa Educacompostela, en actos abertos á participación da comunidade educativa. Tamén se lembrou a celebración do Día da Infancia cun pleno municipal no que participou alumnado do CEIP Arquitecto Casas Novoa.

No repaso ás actuacións recentes incluíuse ademais a colaboración municipal na presentación do libro ‘A profesora Celia ten esclerose múltiple’, celebrada na ludoteca María Miramontes, así como distintas actividades organizadas desde a Escola Municipal de Música. O Consello foi informado tamén da tramitación da solicitude do CEIP Apóstolo Santiagopara pasar a denominarse CEIP da Almáciga, unha proposta que finalmente non obtivo informe favorable do pleno.

NOVOS SERVIZOS NAS ESCOLAS UNITARIAS DO RURAL

Outro dos anuncios realizados na reunión foi a futura implantación do servizo de madrugadores e almorzos nas escolas unitarias do rural de Gaioso no Eixo, Rial en Laraño e Bispo Teodomiro en Marrozos a partir do curso 2026-2027. Con esta medida, o Concello ampliará os apoios que xa comezou a prestar neste curso nas escolas do rural, onde puxo en marcha o servizo de xantares a través dun convenio de colaboración coa Fanpa Compostela.

ÚLTIMAS

‘La península de las casas vacías’ e ‘A noite das cebolas’ gañan ex aequo o Premio de Novela Europea do Casino de Santiago

A novela La península de las casas vacías, publicada por Editorial Siruela e asinada...

O Concello defende que baixa o número de animais en Bando e xustifica a suspensión da selección da dirección por unha dúbida legal

O Concello de Santiago respondeu ás críticas do Partido Popular sobre a situación do...

Patricia Iglesias evita aclarar se será candidata en Santiago: “Non son das que me anticipo”

A deputada socialista Patricia Iglesias volveu descartar este luns confirmar se optará a ser...

A Xunta de Goberno aproba obras no rural, subvencións de igualdade e a nova licitación das escolas infantís municipais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns, 8 de xuño, diferentes...

‘La península de las casas vacías’ e ‘A noite das cebolas’ gañan ex aequo o Premio de Novela Europea do Casino de Santiago

A novela La península de las casas vacías, publicada por Editorial Siruela e asinada...

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here