O secretario xeral do PSOE de Santiago compareceu este venres para trasladar a posición do grupo socialista respecto á senda do Banquete de Conxo, unha actuación promovida pola Xunta de Galicia que, segundo indicou, leva meses xerando inquietude entre a veciñanza da zona.
Durante a rolda de prensa, o representante socialista asegurou que o partido se suma ás demandas trasladadas polos colectivos veciñais e cuestionou a tramitación do proxecto por parte do Goberno autonómico. Segundo explicou, a Xunta tería presentado como novo un trazado que, ao seu xuízo, non introduce modificacións substanciais respecto ao anterior. “Non hai novo trazado, o que hai é unha eliminación interesada dunha parte do proxecto”, afirmou.
CRÍTICAS Á TRAMITACIÓN E AOS INFORMES TÉCNICOS
O PSOE sinala que a actuación non tivo en conta informes considerados relevantes, entre eles os emitidos por organismos como ICOMOS, que advertirían do alto valor ambiental e patrimonial do ámbito do Banquete de Conxo. Neste sentido, o secretario xeral incidiu en que este espazo debe ser entendido como un conxunto unitario e non fragmentado.
Ademais, criticou a xestión administrativa do proceso, asegurando que se produciron cambios tras a emisión dun informe desfavorable inicial. “César á persoa que emite un informe desfavorable para obter outro favorable non responde a un procedemento rigoroso”, indicou.
PETICIÓN DE EXPLICACIÓNS E INICIATIVA PARLAMENTARIA
Os socialistas anunciaron que trasladarán esta cuestión ao Parlamento de Galicia para solicitar aclaracións á Xunta. Entre outras cuestións, pedirán explicacións pola ausencia dun informe de Augas de Galicia, ao considerar relevante avaliar o posible impacto da senda sobre o río da contorna.
“Queremos saber por que non existe un informe sobre unha cuestión que pode ter afección ambiental”, sinalou, subliñando a necesidade de que todos os procedementos se axusten á normativa vixente.
CHAMAMENTO Á PROTECCIÓN DO PATRIMONIO E DIÁLOGO COA VECIÑANZA
Na súa intervención, o PSOE de Santiago reclamou que calquera actuación na zona se realice en diálogo cos colectivos locais e respectando tanto os informes técnicos como o valor patrimonial recoñecido do espazo.
Finalmente, o secretario xeral vinculou esta cuestión coa recente actualidade xudicial relacionada con casos ambientais en Galicia, advertindo da necesidade de evitar situacións que deriven en resolucións xudiciais. “O medio ambiente ten que ver coa saúde e coa calidade de vida da veciñanza”, concluíu, reiterando a intención do partido de esixir responsabilidades e promover medidas que garantan a protección do entorno en Conxo.

