InicioSOCIEDADEMédicos galegos volven manifestarse en Santiago e esixen negociar para parar a...

Médicos galegos volven manifestarse en Santiago e esixen negociar para parar a folga

Os facultativos denuncian unha sanidade “en situación crítica”, con centros de saúde saturados e hospitais ao límite, e reclaman á Xunta que retome as negociacións

Publicado o

Xornal de Compostela

Médicos de atención primaria e hospitalaria volveron mobilizarse este sábado en Santiago de Compostela para reclamar á Consellería de Sanidade que retome as negociacións e así poder desconvocar a folga indefinida convocada polo sindicato O’Mega, en marcha desde o pasado 2 de marzo. Ao redor dun centenar de facultativos, acompañados de familiares e persoas achegadas, concentráronse na Alameda de Santiago, desde onde iniciaron unha marcha polas rúas do centro da cidade. A mobilización fixo unha parada diante do Parlamento de Galicia e finalizou na praza de Pratarías.

Antes de comezar a protesta, os médicos explicaron aos medios que desde o xoves da semana pasada non volveron reunirse coa Consellería de Sanidade e que tampouco teñen convocadas novas reunións para tentar desbloquear o conflito. Segundo denunciaron, as negociacións están “rotas”, aínda que aseguran que o colectivo médico segue disposto a sentar a dialogar. “Acúsannos de non querer negociar cando precisamente o que pedimos en cada concentración é negociar”, sinalaron.

DENUNCIAN UNHA SANIDADE “EN SITUACIÓN CRÍTICA”

No manifesto lido durante a marcha, os facultativos advertiron de que a sanidade pública galega vive unha situación “crítica” e acusaron á Xunta de “maquillar a realidade con cifras baleiras”. “A Atención Primaria está na UCI, con centros de saúde desbordados e médicos que atenden 40 ou 50 pacientes ao día, algo incompatible cunha atención de calidade”, denunciaron. Tamén alertaron da situación na Atención Hospitalaria, onde aseguran que as urxencias e os hospitais traballan ao límite, con listas de espera moi elevadas, demoras prolongadas e sobrecarga laboral constante. Segundo o colectivo, esta situación pon en risco tanto aos profesionais sanitarios como aos pacientes.

AS REIVINDICACIÓNS DO COLECTIVO MÉDICO

Entre as principais demandas, os médicos reclaman ao Goberno central un estatuto marco propio para médicos e facultativos. No ámbito autonómico, piden á Xunta negociar medidas como: a implantación dunha xornada laboral de 35 horas semanais; a recuperación dos sábados e festivos como días libres, como ocorre noutros sectores da administración; a devolución dos días de libre disposición eliminados en 2012; e a actualización da normativa que permite deixar de facer gardas a partir dos 55 anos.

Tamén reclaman un novo acordo para regular a xornada, as retribucións e as condicións laborais dos médicos de urxencias, xa que o actual non se revisa desde 2007. Outras peticións inclúen actualizar o complemento de produtividade variable, recoñecer a carreira profesional mediante un procedemento extraordinario, reforzar protocolos contra agresións e acoso laboral e equiparar dereitos entre médicos residentes (MIR) e facultativos adxuntos. Ademais, demandan un plan de choque para reducir as listas de espera en Atención Primaria.

MÉDICOS DE OURENSE DEIXAN TAMÉN AS PEONADAS

Por outra banda, os facultativos informaron de que cirurxiáns xerais, anestesistas, cirurxiáns pediátricos, neurocirurxiáns e xinecólogos do Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU) acordaron este venres deixar de realizar peonadas, é dicir, intervencións cirúrxicas pola tarde para reducir listas de espera. Con esta decisión súmanse aos profesionais doutros hospitais galegos como Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago, Lugo, Ferrol, Burela e O Salnés, que xa adoptaran a mesma medida. Os médicos explican que se trata dunha acción de solidariedade coas reivindicacións do colectivo e unha forma de presionar á Consellería de Sanidade para que retome as negociacións.

ÚLTIMAS

Falece o exconcelleiro socialista Carlos Neves mentres se bañaba nunha praia do Grove

Carlos Nieves, concelleiro socialista do Concello de Santiago desde 1987 ata 2011, con algunhas...

A USC contará cunha Cátedra de Memoria Democrática da man do Ministerio de Política Territorial e Memoria

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e a reitora da Universidade...

A USC abre o curso 2026/2027 coa defensa da universidade pública, dos dereitos humanos e da memoria emigrante

A Universidade de Santiago de Compostela inaugurou este venres o curso académico 2026/2027 cun acto...

O Consorcio abre as primeiras axudas para reformar os locais comerciais da Cidade Histórica

O Consorcio de Santiago abrirá este sábado a primeira convocatoria de axudas destinada especificamente...

A USC contará cunha Cátedra de Memoria Democrática da man do Ministerio de Política Territorial e Memoria

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e a reitora da Universidade...

Traballadores de conserxería e limpeza dos colexios de Santiago volverán á folga

Traballadores de Lacera, a empresa concesionaria de conserxería e limpeza nos colexios de Santiago,...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...