InicioSOCIEDADEO reto que se autoimpón a nova reitora da USC: determinar áreas...

O reto que se autoimpón a nova reitora da USC: determinar áreas para incorporar e formar persoal “de forma urxente”

A catedrática aposta por reforzar persoal de forma urxente, ampliar a atención á saúde mental e afrontar a crise da vivenda do estudantado

Publicado o

Xornal de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela terá por primeira vez nos seus 531 anos de historia unha muller á fronte. Trátase da catedrática de Estatística e Investigación Operativa Rosa Crujeiras, que asumirá a reitoría cun mandato de seis anos no que se marca como prioridade reforzar persoal en áreas clave da institución de forma urxente. Crujeiras acadou o 61,65 % do voto ponderado na segunda volta das eleccións, nas que se impuxo á catedrática de Óptica Maite Flores.

Nunha entrevista tras coñecerse a súa vitoria, a nova reitora cualifica o momento como “un fito histórico” e tamén unha “débeda pendente” da USC coas mulleres que forman parte da comunidade universitaria. Con todo, subliña que non é un logro individual e recoñece o papel das outras candidatas que concorreron nestas eleccións: Maite Flores, María José López Couso e Alba Nogueira. “Creo que todas formamos parte deste momento”, asegura Crujeiras, quen tamén lembra ás profesoras que abriron camiño en procesos electorais anteriores, como Mercedes Brea, Laura Sánchez e Pilar Bermejo.

AS PERSOAS, NO CENTRO DA UNIVERSIDADE

Un dos eixos do seu mandato será situar ás persoas no centro das políticas universitarias, ao considerar que son “o maior activo” da institución. Neste sentido, aposta por reforzar as políticas sociais para apoiar ao estudantado en situación de vulnerabilidade. “Non se pode falar de excelencia nin de rendemento académico se non coñecemos o que ocorre nas súas vidas”, sinala. Crujeiras lembra que na actualidade hai máis de 200 estudantes con necesidades educativas de adaptación especial, polo que considera necesario un seguimento máis personalizado.

A CRISE DA VIVENDA ESTUDANTIL

Outro dos problemas que identifica como prioritarios é a crise da vivenda en Santiago e Lugo, onde os prezos do alugueiro experimentaron unha forte subida. Segundo explica, a USC buscará unha mediación activa cos concellos e coa Xunta para tratar de aliviar esta situación. Entre as propostas destacan programas de convivencia interxeracional, vivendas de autonomía e proxectos de convivencia comunitaria, destinados tamén a combater a soidade non desexada.

MÁIS RECURSOS PARA SAÚDE MENTAL

No ámbito da saúde mental, Crujeiras considera que o servizo de atención psicolóxica da universidade está “infradotado”. Por iso, comprométese a incrementar os recursos e ampliar o servizo ao campus de Lugo, ademais de impulsar programas de prevención e acompañamento para toda a comunidade universitaria.

SUBSTITUCIÓN XERACIONAL E RETENCIÓN DE TALENTO

A nova reitora tamén identifica como reto prioritario a substitución xeracional no persoal docente, investigador e técnico. Para iso, propón unha planificación detallada para detectar as áreas nas que é máis urxente incorporar profesorado ou persoal especializado, especialmente naquelas disciplinas nas que o mercado laboral externo resulta máis atractivo que a carreira académica. “Temos que abordalo desde xa, con planificación e transparencia”, subliña.

INTELIXENCIA ARTIFICIAL CON CRITERIOS ÉTICOS

Crujeiras tamén aposta por impulsar un uso responsable da intelixencia artificial na universidade. Segundo explica, a USC aspira a ser unha das primeiras institucións en implantar unha IA “responsable, ética e robusta”, que sirva para simplificar procesos administrativos e mellorar a xestión, pero sen substituír o criterio humano. Neste punto, critica que a dixitalización actual da universidade sexa en ocasións “unha capa dixital sobre procesos analóxicos”, o que provoca que investigadores e profesorado perdan tempo en trámites burocráticos.

COMPROMISO CO GALEGO E COLABORACIÓN UNIVERSITARIA

A nova reitora tamén reafirma o seu compromiso coa promoción do galego na universidade, apoiándose na nova Vicerreitoría de Cultura, Lingua e Patrimonio. “Pode facerse ciencia e docencia en galego e temos ese compromiso”, afirma. Finalmente, Crujeiras aposta por reforzar a colaboración institucional coas universidades de Vigo e da Coruña, co obxectivo de fortalecer o sistema universitario galego como motor de desenvolvemento. Tras a súa vitoria, agradeceu o apoio da comunidade universitaria e comprometeuse a liderar un proxecto baseado “na unidade, no diálogo e no consenso”.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...