A piscina de Santa Isabel recuperará a súa actividade ordinaria o vindeiro luns 16 de marzo, despois da execución das obras de reforma realizadas no recinto. O anuncio fíxoo a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que precisou que xa este domingo 15 de marzo haberá unha liga máster de natación, que servirá como primeiro evento na instalación unha vez rematados os traballos.
Segundo informou a rexedora, a apertura ao público producirase co horario habitual: de 7:00 a 23:00 de luns a venres, de 9:00 a 20:00 os sábados e de 9:00 a 14:00 os domingos.
Sanmartín encadrou esta reapertura nunha actuación que contou cunha subvención dos fondos Next Generation, solicitada polo anterior equipo de goberno e executada durante o actual mandato. A alcaldesa sostivo que a intervención supón unha transformación importante dun dos equipamentos deportivos municipais.
Entre as actuacións realizadas citou a rehabilitación da fachada e da cuberta, a impermeabilización do edificio, a mellora do seu comportamento térmico, o cambio da carpintería exterior, a renovación das instalacións de climatización e a incorporación de enerxía fotovoltaica. Tamén se substituíu a iluminación para implantar tecnoloxía LED.
A reforma incluíu ademais a creación dunha nova entrada e a reorganización do vestíbulo para mellorar a accesibilidade, cun ascensor e novos percorridos interiores. A alcaldesa destacou tamén a recuperación dunha praza vinculada ao edificio e a mellora do acceso ao recinto.
No interior da piscina realizáronse traballos de impermeabilización e substitución do revestimento, así como a restauración de elementos de madeira e de estruturas metálicas. Segundo o goberno local, o conxunto da actuación permitiu modernizar unha infraestrutura moi utilizada pola cidadanía.
Durante a comparecencia, Sanmartín vinculou esta reapertura á necesidade de reforzar a rede de infraestruturas deportivas da cidade, pero tamén de conservar e actualizar as xa existentes. Nese marco, citou outras intervencións recentes como a rehabilitación do pavillón de Vite, do estadio Verónica Boquete e dos pavillóns de centros escolares, ademais doutras actuacións en proxecto como a prevista en Salgueiriños.
A alcaldesa aproveitou tamén para reclamar unha maior implicación da Xunta de Galicia no financiamento das infraestruturas deportivas de Santiago. Segundo sinalou, o Concello está a conseguir apoio da Deputación, do Estado e da Unión Europea, e considera que a capital galega debería recibir un tratamento máis relevante tamén por parte da administración autonómica neste ámbito.

