InicioPOLÍTICAO goberno de Santiago impulsará por licitación a revisión dos estudos da...

O goberno de Santiago impulsará por licitación a revisión dos estudos da auga e unha auditoría do servizo

O executivo local descarta volver levar ao pleno a fórmula de xestión e inicia unha nova fase para regularizar o abastecemento e o saneamento

Publicado o

Xornal de Compostela

O goberno municipal de Santiago iniciará unha nova fase para avanzar na regularización do servizo do ciclo integral da auga, cunha folla de ruta que inclúe a revisión e actualización dos estudos económicos e de viabilidade xa existentes e a contratación dunha auditoría dos custos da prestación actual. Así o anunciou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, que confirmou ademais que o executivo non volverá levar ao pleno a definición da fórmula de xestión.

A rexedora situou esta decisión no contexto do debate aberto nas últimas semanas sobre o modelo futuro do servizo, que permanece nunha situación que cualificou de precaria e en continuidade desde 2019. Segundo lembrou, o Concello levou ao pleno a discusión das distintas opcións de xestión logo de que se constituíse unha comisión especial para estudar as alternativas posibles.

De acordo co relatado por Sanmartín, a comisión encargara un informe á cátedra da USC, que concluía que a opción “máis equilibrada” era a dunha empresa mixta, ao entender que combinaba control público e participación privada con capacidade de investimento. Esa fórmula contou co respaldo do goberno municipal na comisión, mentres que o PSOE defendeu a concesión a unha empresa privada. Porén, no pleno non saíu adiante ningunha proposta.

A alcaldesa explicou que, ao non prosperar esa decisión política, o executivo opta agora por seguir adiante cos pasos previos que considera imprescindibles en calquera dos dous modelos de xestión indirecta que estaban sobre a mesa, tanto a concesión privada como a empresa mixta. Entre eses pasos mencionou a necesidade de dispoñer dunha análise obxectiva dos custos do servizo, do programa de investimentos e das tarifas que deberán asumir as persoas abonadas.

Sanmartín insistiu en que esa documentación é común ás dúas opcións e que, por tanto, o traballo pode continuar sen necesidade dun novo pronunciamento plenario. “Non é preciso un acordo plenario para impulsar o expediente”, afirmou, ao entender que non hai cambio no modelo xeral de xestión, que seguiría a ser indirecta. A alcaldesa engadiu que existen informes xurídicos municipais que avalan esa interpretación.

A folla de ruta anunciada pasa por aproveitar o traballo xa realizado no mandato anterior, orientado daquela a unha concesión privada, e sometelo agora a un proceso de revisión e actualización. Xunto a iso, o goberno prevé encargar unha auditoría que permita coñecer con máis precisión os números actuais do servizo, tanto de cara á futura configuración do sistema como á liquidación do contrato anterior.

Segundo expuxo a rexedora, o Concello quere tramitar este traballo mediante un proceso de licitación, e non a través dun encargo directo. Xustificou esa opción pola relevancia do servizo e pola complexidade técnica das tarefas a realizar, que inclúen a revisión económica, a análise de viabilidade, a definición das tarifas e a ordenanza correspondente. Tamén sinalou que os servizos municipais “non teñen capacidade” para asumir internamente este labor.

Sanmartín evitou concretar prazos pechados para a conclusión destes estudos, aínda que asegurou que o executivo espera ter avanzado no proceso antes das próximas eleccións municipais. A alcaldesa indicou que o goberno irá informando da evolución dun expediente que considera clave para saír dunha situación prolongada de provisionalidade.

Nas respostas ás preguntas dos xornalistas, a rexedora reiterou que será o goberno quen decida finalmente entre as fórmulas de concesión privada ou empresa mixta, aínda que abriu a porta a que, unha vez coñecidos todos os datos, outros grupos da corporación poidan reconsiderar a súa posición. En todo caso, deixou claro que o executivo considera prioritario “seguir dando pasos” para a regularización do abastecemento e do saneamento na cidade.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here