InicioMOV. SOCIAISO Concello de Santiago impulsará nos institutos o programa educativo ‘Compostela en...

O Concello de Santiago impulsará nos institutos o programa educativo ‘Compostela en Igualdade’ para promover relacións respectuosas entre a mocidade

O proxecto inclúe seis sesións formativas ao longo de 2026 e un consultorio anónimo por WhatsApp para resolver dúbidas do alumnado

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago porá en marcha a partir deste mes o proxecto educativo ‘Compostela en Igualdade’, unha iniciativa dirixida ao alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO coa que se pretende fomentar relacións baseadas na igualdade, o respecto e a prevención das violencias machistas. O programa foi presentado este xoves pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, acompañada pola directora da área municipal de Igualdade, Clara Ortega, e pola nova directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rita Barreiro.

Segundo explicou o goberno municipal, a proposta desenvolverase nos institutos composteláns que se inscriban unha vez aberto o prazo de participación. Nesta primeira edición poderán participar tres centros, nos que a formación se impartirá a un único curso por instituto, con contidos adaptados á idade do alumnado.

Durante a presentación, Sanmartín subliñou que o obxectivo da iniciativa é traballar co alumnado na construción de relacións afectivas baseadas na igualdade e no respecto á diversidade. “A idea é, neste caso, promover esas relacións igualitarias e libres buscando fomentar a igualdade de xénero, o respecto á diversidade e, sobre todo, desenvolver habilidades de comunicación emocional e de resolución de conflitos”, explicou.

A alcaldesa sinalou tamén que a elección do alumnado destas idades responde a un momento clave no proceso educativo e social. Segundo indicou, é unha etapa na que “se está xustamente forxando a personalidade” e na que comezan a consolidarse determinadas crenzas relacionadas co amor, os roles de xénero, os celos ou o consentimento.

SESIÓNS REPARTIDAS AO LONGO DE TODO O ANO

O programa estrutúrase nun itinerario formativo de seis sesións, impartidas por especialistas e distribuídas ao longo de todo o ano 2026. As tres primeiras terán lugar entre marzo e xuño, mentres que as restantes desenvolveranse entre setembro e decembro, co propósito de ofrecer continuidade ao proceso formativo e avaliar a evolución das aprendizaxes.

As actividades combinarán explicacións teóricas con dinámicas de grupo, análise de casos e exercicios participativos, co fin de facilitar a reflexión do alumnado sobre cuestións como os estereotipos de xénero, as dinámicas de control nas relacións de parella, a violencia de xénero ou o papel das redes sociais.

Ademais, o programa incluirá un consultorio dixital anónimo a través de WhatsApp, pensado para que o alumnado poida formular preguntas ou expresar preocupacións relacionadas cos contidos tratados nas sesións. “Non todas as cuestións poden tratarse en grupo, así que é lóxico deixar un espazo de consultoría dixital”, indicou Sanmartín.

O Concello prevé enviar ao longo deste mesmo día as invitacións aos institutos da cidade, tanto públicos como concertados, para que poidan sumarse a esta primeira edición do proxecto educativo. O goberno local enmarca esta iniciativa nas políticas municipais orientadas á promoción da igualdade e á prevención das violencias machistas entre a mocidade.

ÚLTIMAS

A USC abre o curso 2026/2027 coa defensa da universidade pública, dos dereitos humanos e da memoria emigrante

A Universidade de Santiago de Compostela inaugurou este venres o curso académico 2026/2027 cun acto...

O Consorcio abre as primeiras axudas para reformar os locais comerciais da Cidade Histórica

O Consorcio de Santiago abrirá este sábado a primeira convocatoria de axudas destinada especificamente...

Verea reclama explicacións ao Goberno local ante a posible existencia de quendas con só seis policías

O Partido Popular de Santiago reclamou ao Goberno municipal que aclare se durante os...

O XV Encontro Artes pola Integración arranca en Santiago con danza contemporánea no Teatro Principal

O Teatro Principal de Santiago abrirá o vindeiro martes, 15 de setembro, a programación...

Traballadores de conserxería e limpeza dos colexios de Santiago volverán á folga

Traballadores de Lacera, a empresa concesionaria de conserxería e limpeza nos colexios de Santiago,...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Sanidade Galega con Palestina convoca unha concentración no Obradoiro pola liberación do doutor Hussam Abu Safiya

Sanidade Galega con Palestina (SGCP) convocou para este domingo, 6 de setembro, unha concentración...