InicioMOV. SOCIAIS'Lingua Vital' convoca unha asemblea multitudinaria na Quintana para ratificar un protocolo...

‘Lingua Vital’ convoca unha asemblea multitudinaria na Quintana para ratificar un protocolo de medidas en defensa do galego

A iniciativa, apoiada por decenas de entidades sociais, presentará un documento baseado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega co obxectivo de reverter a situación que os promotores cualifican de “emerxencia lingüística”

Publicado o

Xornal de Compostela

A plataforma ‘Lingua Vital’ convocou para este sábado 14 de marzo, ás 12:00, unha asemblea multitudinaria na Praza da Quintana de Santiago de Compostela coa intención de presentar e ratificar un protocolo de medidas orientadas a reforzar o uso do galego en distintos ámbitos sociais e institucionais.

O anuncio realizouse nunha rolda de prensa na que participaron representantes de diversas entidades sociais e sindicais que forman parte do proceso impulsado nos últimos meses. Segundo explicou o portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, a convocatoria pretende culminar un traballo colectivo iniciado tras a asemblea celebrada tamén na Quintana o 17 de novembro de 2024.

Durante a comparecencia, Maceira agradeceu a presenza de representantes de organizacións como Comisións Obreiras de Galicia, a Asociación Veciñal Agra, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a Associaçom Galega da Língua, sindicatos e colectivos ecoloxistas, entre outros. Segundo indicou, 57 entidades de ámbito nacional participaron directamente no proceso de elaboración do protocolo, apoiadas por 396 organizacións doutros ámbitos territoriais e sectoriais.

O documento que se presentará no acto, denominado ‘Protocolo Lingua Vital’, recolle unha serie de propostas inspiradas nos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004. O texto incorpora tamén referencias a instrumentos internacionais como a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos.

Segundo explicou Maceira, o protocolo busca comprometer tanto aos poderes públicos como ás entidades sociaisnunha estratexia común para incrementar a presenza do galego e favorecer a incorporación de novos falantes. “O que procuramos é un compromiso de acción para traballarmos nunha dirección común que permita a presenza do galego en todos os espazos”, afirmou.

Entre as propostas incluídas no documento figura a avaliación de impacto lingüístico das normas e licitacións públicas, unha medida que pretende evitar que novas disposicións administrativas poidan afectar negativamente ao uso da lingua.

CRÍTICAS Á POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA XUNTA

Durante a rolda de prensa, os promotores da iniciativa tamén cuestionaron a política lingüística da Xunta de Galicia. Maceira sinalou que a actual lexislatura foi presentada como “a lexislatura da lingua”, pero afirmou que, segundo o seu criterio, non se produciron avances para reverter a situación do galego.

O portavoz de Queremos Galego citou como exemplos decisións lexislativas recentes, modificacións normativas ou o debate arredor da presenza do galego en ámbitos institucionais e internacionais. Neste contexto, afirmou que as entidades sociais consideran necesario incrementar a mobilización e promover iniciativas propias para defender a lingua.

A coordinadora da plataforma Queremos Galego, Celia Armas, explicou que o acto do sábado terá formato de asemblea aberta e contará con varias intervencións relacionadas cos grupos de traballo que elaboraron o protocolo. Entre elas, participarán Mónica Fernández Valencia, que presentará as propostas relativas aos servizos públicos; Xosé Henrique Costas, sobre acción exterior; e a propia Armas, en relación co ámbito do ensino.

Tamén está prevista a intervención de David Minoves, presidente do Centro Internacional Escarré para as Minorías Étnicas e Nacionais (CIEMEN), entidade impulsora da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos.

A xornada incluirá ademais unha actuación musical do grupo Camaño & Ameixeiras, así como a proxección dun vídeo que repasará o proceso participativo que deu lugar á elaboración do documento.

Segundo os organizadores, máis de 1.400 achegas individuais foron incorporadas durante as distintas fases do proceso de debate, que incluíu reunións sectoriais e encontros nas comarcas galegas. O resultado final será sometido á ratificación da asemblea convocada na Praza da Quintana.

ÚLTIMAS

O Pleno aborda a seguridade na cidade entre chamadas ao pacto, avisos contra o alarmismo e reclamacións de máis medios

O Pleno municipal de Santiago aprobou este xoves unha proposta dos concelleiros non adscritos...

A conexión aérea entre Santiago e Jerez reforza a promoción turística entre Galicia e Cádiz

A nova conexión aérea directa entre Santiago de Compostela e Jerez da Frontera centrou...

Compostela Accesible lanza unha campaña para denunciar barreiras arquitectónicas en Santiago

A Plataforma Compostela Accesible, detrás da que está o partido político UCIN, puxo en...

Monbus sitúase de novo á fronte do novo contrato de transporte urbano de Santiago

O novo contrato de transporte urbano de Santiago deu este luns, 22 de xuño,...

O colectivo feminista Materfem denuncia ante os xulgados de Santiago que se están “minimizando” casos de violencia de xénero

O colectivo Materfem, Maternidades Feministas Galegas, concentrouse na mañá deste martes diante do edificio...

As traballadoras da limpeza de Lacera volven á folga este martes nos colexios en Santiago

As traballadoras de limpeza e conserxería dos colexios públicos de Santiago de Compostela, servizo...

O persoal de Viaqua mobilízase en catro concellos galegos ante o “bloqueo” do convenio

O conflito laboral esténdese polos servizos de xestión de auga en Galicia. O cadro...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here