A Universidade de Santiago de Compostela xa ten nova reitora. A catedrática de Estatística e Investigación Operativa Rosa Crujeiras resultou vencedora na segunda volta das eleccións á reitoría, celebradas este mércores mediante voto electrónico, ao acadar o 61,65% dos votos ponderados.
Crujeiras impúxose á tamén catedrática Maite Flores, profesora de Óptica, que obtivo o 31,82% do apoio no reconto final.
A votación desenvolveuse ao longo da xornada a través da plataforma habilitada pola universidade, con urnas abertas entre as 9:00 e as 18:00 horas, e coa participación dos distintos sectores que compoñen a comunidade universitaria.
DISTRIBUCIÓN DO VOTO POR SECTORES
Os resultados do escrutinio amosan unha vantaxe clara de Rosa Crujeiras en todos os sectores da comunidade universitaria.
No Sector I, correspondente ao profesorado doutor con vinculación permanente, Crujeiras obtivo 666 votos ponderados (29,39%), fronte aos 414 conseguidos por Maite Flores (18,27%).
No Sector II, que agrupa o resto do persoal docente e investigador (PDI), a candidata gañadora acadou 150 votos (6,62%), mentres que Flores sumou 83 (3,66%).
No Sector III, correspondente ao estudantado, Crujeiras reuniu 414 votos (18,71%), fronte aos 169 de Maite Flores (7,46%).
Pola súa banda, no Sector IV, integrado polo persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS), contabilizáronse 157 votos á candidatura de Rosa Crujeiras (6,93%) e 55 á de Maite Flores (2,43%).
Unha vez aplicado o sistema de ponderación establecido no regulamento electoral da universidade, o resultado final sitúa a Rosa Crujeiras con 1.397 votos ponderados, fronte aos 721 obtidos por Maite Flores.
AGRADECEMENTOS Á COMUNIDADE UNIVERSITARIA
Rosa Crujeiras agradeceu á comunidade universitaria a súa participación nunha xornada que cualificou de significativa para a institución. Segundo sinalou, o proceso electoral “demostra que a universidade exerce a súa autonomía e decide o camiño que quere tomar nos vindeiros anos”. A reitora electa trasladou o seu recoñecemento “ao estudantado, ao persoal docente e investigador e ao persoal técnico de xestión, administración e servizos”, e tamén ao equipo que a acompañou durante a campaña, e “unha mención especial ás profesoras López-Couso, Nogueira e Flores”.
Crujeiras destacou que coa súa elección “ábrese unha nova etapa na universidade, en Lugo e en Compostela”, e subliñou o reto de dirixir “unha institución plural e diversa”. Neste sentido, insistiu na necesidade de “defender o noso papel como universidade pública de Galicia” e reforzar o servizo á sociedade. A nova reitora definiu o seu mandato como “unha etapa de unidade onde o diálogo, a escoita, a confianza e a corresponsabilidade guiarán a nosa acción de goberno”, e comprometeuse a exercer o liderado “desde a escoita activa, con traballo, rigor, bo goberno e transparencia”. Na súa primeira intervención tras coñecerse o resultado, concluíu cunha chamada á implicación colectiva: “Temos que devolver a universidade á súa comunidade para que dentro de seis anos nos sintamos máis orgullosas e orgullosos de formar parte desta institución”.
PRIMEIRA MULLER Á FRONTE DA UNIVERSIDADE
Coa súa elección, Rosa Crujeiras convértese na primeira muller que ocupa a reitoría nos máis de cinco séculos de historia da Universidade de Santiago de Compostela, unha circunstancia que xa estaba asegurada nesta segunda volta, na que as dúas candidatas finalistas eran mulleres.
A nova reitora dirixirá a institución académica durante os vindeiros seis anos, segundo o establecido no actual modelo de gobernanza das universidades.
O calendario electoral fixa para o 12 de marzo a proclamación provisional da reitora electa, abrindo posteriormente un prazo para presentar recursos ante a Comisión Electoral Central entre o 13 e o 20 de marzo. A proclamación definitiva da nova reitora da USC está prevista para o 23 de marzo.
MAITE FLORES FELICITA A CRUJEIRAS POLO RESULTADO
A candidata Maite Flores compareceu tamén tras coñecerse o resultado do escrutinio e cualificou a xornada como “histórica para a USC”, ao converterse Rosa Crujeiras na primeira muller reitora nos 531 anos de historia da universidade. Flores explicou que tentou contactar coa gañadora por teléfono para trasladarlle os parabéns e que finalmente lle enviou unha mensaxe para “felicitala polo resultado acadado”. Na súa intervención, destacou que durante toda a campaña tratou de mostrarse “como son: unha persoa sensata, correcta, directa e coherente”, e asegurou que o resultado electoral “non vai cambiar o meu estilo”.
A catedrática de Óptica recoñeceu con claridade o desenlace da votación e afirmou que “a comunidade universitaria quixo que a gañadora fose Rosa Crujeiras”, polo que indicou que “non hai que xogar ás adiviñanzas para saber quen perdeu”. Aínda que explicou que durante a campaña percibiron un incremento dos apoios á súa candidatura e confiaban nunha remontada, admitiu que “non chegamos a ter o respaldo suficiente para gañar”. Flores sinalou que, a partir deste momento, “Maite Flores volve ser unha profesora e investigadora máis desta universidade”, e expresou a súa disposición a colaborar coa nova reitora “con toda a humildade do mundo para axudar a construír unha USC mellor”. Tamén agradeceu o traballo do seu equipo, o apoio da súa familia e a cobertura dos medios de comunicación durante o proceso electoral.

