InicioSANTIAGOA participación nas eleccións á reitoría da USC achégase ao 79% no...

A participación nas eleccións á reitoría da USC achégase ao 79% no profesorado permanente a dúas horas do peche

Os datos das 16:00 sitúan tamén por riba do 70% o seguimento entre os PTXAS e elevan a participación do estudantado ata o 22,78%

Publicado o

Xornal de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) fixo público o segundo adianto de participación nas eleccións á reitoría, correspondente ás 16.00 horas, cando restan dúas horas para o peche das urnas electrónicas, previsto para as 18.00. Os datos amosan un incremento significativo da participación en todos os sectores da comunidade universitaria ao longo da xornada.

No Sector I, correspondente ao profesorado doutor con vinculación permanente, a participación alcanza o 78,95%, mentres que no Sector IV, integrado polo persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS), o seguimento sitúase no 72,09%.

Pola súa banda, no Sector II, que agrupa o resto do persoal docente e investigador (PDI), a participación elévase ata o 50,84%. No caso do Sector III, correspondente ao estudantado, a cifra chega ao 22,78%, máis de dez puntos por riba do primeiro adianto desta mañá.

No caso do Sector I, rexístrase unha participación elevada na maioría dos centros e facultades da USC. Destaca a Facultade de Relacións Laborais, que alcanza o 100% de participación, seguida pola Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, cun 95,24%.

Na parte baixa da táboa sitúase a Facultade de Filosofía, onde a participación do profesorado con vinculación permanente queda no 47,06%.

PARTICIPACIÓN DESTACADA DO ESTUDANTADO EN FACULTADES CHAVE

No Sector III, correspondente ao estudantado, tamén se rexistran niveis de participación elevados nalgúns centros. Sobresae a Facultade de Matemáticas, que acada o 54,51%, a máis alta entre as titulacións da USC. Este centro está vinculado á candidata Rosa Crujeiras, onde é catedrática de Estatística.

Tamén presentan porcentaxes superiores á media as facultades de Física (33,91%) e Óptica e Optometría (36,03%), centros nos que exerce como catedrática Maite Flores, a outra candidata que concorre nesta segunda volta.

Na primeira volta das eleccións, celebrada o pasado 12 de febreiro, o estudantado tivo un papel relevante no resultado final, ao contribuír a situar a Maite Flores en segundo lugar, o que lle permitiu pasar á segunda volta.

VOTACIÓN ABERTA ATA AS 18:00

As urnas electrónicas permanecerán abertas ata as 18.00 horas, momento no que se pechará o proceso de votación para escoller á nova reitora da Universidade de Santiago de Compostela.

Nesta segunda volta enfróntanse as catedráticas Rosa Crujeiras, de Estatística e Investigación Operativa, e Maite Flores, de Óptica, nun proceso que determinará a primeira reitora da historia da USC. Unha vez finalizado o escrutinio electrónico, a universidade publicará os resultados definitivos na súa páxina web institucional.

ÚLTIMAS

Os CEIP e escolas unitarias de Santiago abren o curso con 4.299 escolares

O curso escolar comezou este mércores en Santiago con 4.299 nenos e nenas matriculados...

Sanmartín evita entrar nas críticas de Pedro Blanco e pídelle que facilite a chegada directa de fondos de vivenda a Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, evitou este mércores entrar nun intercambio de declaracións...

O Concello reclama cambios no PIA de Lavacolla e cuestiona que permita estender o uso comercial por todo o parque empresarial

O Concello de Santiago presentou alegacións ao proxecto de interese autonómico (PIA) do parque...

A USC asegura o Colexio Maior San Clemente tras desprenderse parte da cornixa e da cuberta

A Universidade de Santiago de Compostela iniciou actuacións de urxencia no Colexio Maior San Clemente,...

Os CEIP e escolas unitarias de Santiago abren o curso con 4.299 escolares

O curso escolar comezou este mércores en Santiago con 4.299 nenos e nenas matriculados...

A USC crea o programa Fénix para recuperar investigadores Ramón y Cajal perdidos por un erro na convocatoria

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deu o visto...

A xuíza de Angrois apoia o indulto total da pena de prisión ao maquinista do Alvia

A maxistrada encargada da execución da sentenza polo accidente ferroviario de Angrois de xullo...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here