InicioMOV. SOCIAISCompostela acollerá o 29 de marzo unha manifestación nacional pola visibilidade trans

Compostela acollerá o 29 de marzo unha manifestación nacional pola visibilidade trans

O acto, convocado por Arelas e apoiado por máis de setenta entidades sociais, partirá da praza 8 de Marzo e rematará no Obradoiro

Publicado o

Xornal de Compostela

A cidade de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro domingo 29 de marzo unha manifestación nacional pola visibilidade trans, convocada pola asociación ‘Arelas. Familias de Infancia e Mocidade Trans de Galicia‘. A mobilización está prevista para as 12:00, con saída dende a praza 8 de Marzo e percorrido ata a praza do Obradoiro, onde se dará lectura a un manifesto colectivo.

Segundo explican dende a organización nas súas redes sociais, a convocatoria busca reivindicar a defensa dos dereitos das persoas trans e chamar á mobilización social fronte aos discursos e políticas que consideran regresivas. No chamamento á participación sinalan que, tras anos de mobilización, existe o risco de que a sociedade dea por consolidados determinados avances. Por iso sosteñen que “os dereitos se defenden tamén nas rúas, e que non imos deixar que nos fagan desaparecer”.

A manifestación conta co apoio dun manifesto asinado ata o momento por máis de setenta organizacións, colectivos sociais, sindicais, políticos e culturais, entre os que figuran entidades como Chrysallis, SOS Racismo Galicia, Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galicia, a Confederación Intersindical Galega, Compostela Aberta, o Bloque Nacionalista Galego, Esquerda Unida ou Federación Galega de Ecoloxistas en Acción, entre outras.

No texto, as entidades promotoras sinalan que a mobilización pretende visibilizar as realidades diversas das persoas trans e denunciar diferentes formas de discriminación. Entre outras cuestións, o manifesto fai referencia á situación das persoas trans migrantes e racializadas, que segundo os asinantes sofren “unha dobre discriminación”, tanto pola transfobia como polo racismo e polas dificultades burocráticas para ver recoñecida legalmente a súa identidade.

Tamén se reclama o recoñecemento das persoas non binarias, denunciando que continúan sen ter encaixe nas normativas actuais, así como unha maior protección para as infancias trans, xa que consideran que a lexislación estatal de 2023 deixa “nunha lagoa legal” ás persoas menores de doce anos.

O documento aborda igualmente outras cuestións vinculadas ás condicións de vida das persoas trans, como o acceso á sanidade, á educación ou ao emprego, e reivindica máis recursos públicos e medidas específicas para combater a discriminación e o acoso, especialmente nos ámbitos educativo e sanitario.

Entre as demandas recollidas no manifesto inclúense protección legal efectiva para as persoas trans, acceso digno á saúde, á educación e ao emprego, programas de refuxio para persoas perseguidas nos seus países ou campañas educativas contra a desinformación, ademais do recoñecemento legal das persoas non binarias e das menores de doce anos.

Os colectivos impulsores sosteñen que a mobilización busca tamén denunciar o aumento de discursos de odio e determinadas posicións políticas contrarias aos dereitos trans, e reivindican que “os dereitos trans son dereitos humanos”.

A convocatoria permanece aberta á adhesión de novas entidades a través dun formulario público difundido pola organización, mentres que a mobilización do día 29 pretende reunir en Santiago colectivos e persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia para visibilizar estas reivindicacións no espazo público.

ÚLTIMAS

Santiago gardará un minuto de silencio no Obradoiro polas vítimas do accidente ferroviario de Toledo

O Concello de Santiago de Compostela convocou para este mércores, 28 de outubro, ás...

As vítimas de Angrois vinculan o sinistro de Toledo coa falta dunha investigación independente do accidente de 2013

O portavoz da Plataforma Vítimas Alvia 04155, Jesús Domínguez, considera que a falta dunha...

O Concello destinará 1,2 millóns de euros á rehabilitación do Palacete do Espiño para usos públicos

O Concello de Santiago de Compostela investirá preto de 1,2 millóns de euros na...

Santiago acollerá por primeira vez a Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas o 22 de novembro

Santiago de Compostela incorporarase este ano á Carreira das Cidades contra o Cancro de...

A CIG concéntrase en Santiago contra o “acoso laboral” en Monbus e reclama a readmisión de seis traballadores

A Confederación Intersindical Galega (CIG) mobilizouse este martes, 27 de outubro, diante da estación...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Centos de persoas protestan en Santiago contra a participación de médicos israelís nun congreso internacional

Máis de 200 persoas concentráronse este xoves en Santiago de Compostela para rexeitar a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here