InicioPOLÍTICAO PP de Santiago reclama ao goberno local un local axeitado para...

O PP de Santiago reclama ao goberno local un local axeitado para a Asociación Compostelá de Diabetes

A concelleira Yolanda Otero reuniuse coa entidade e denuncia que o espazo actual no centro sociocultural de Vite é insuficiente para desenvolver a súa actividade

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira do Partido Popular de Santiago Yolanda Otero mantivo recentemente unha reunión con integrantes da Asociación Compostelá de Diabetes para coñecer a situación da entidade e as necesidades coas que se atopa no desenvolvemento do seu traballo. Tras o encontro, a edil popular reclamou ao goberno municipal de BNG e Compostela Aberta que facilite un local axeitado para a actividade da asociación.

Segundo explicou Otero, a entidade carece actualmente dun espazo suficiente para realizar as súas actividades. A concelleira sinalou que “o actual espazo cedido é notablemente insuficiente e non responde ás necesidades reais da asociación”, polo que considera necesario habilitar un local que permita desenvolver o seu labor “en condicións dignas e con horarios amplos e flexibles”.

Na actualidade, a asociación desenvolve a súa actividade nun espazo compartido no Centro Sociocultural José Saramago, no barrio de Vite. A súa presenza neste lugar limítase a dous días á semana, os luns e xoves entre as 18:00 e as 20:00, un horario que, segundo indicou Otero, restrinxe a capacidade da entidade para prestar servizo ás persoas usuarias.

A concelleira popular destacou o papel social da asociación, que presta apoio e orientación a persoas con diabetes e ás súas familias tanto do municipio como da súa contorna. Tamén atende a visitantes que, durante a súa estancia en Santiago, precisan asesoramento sobre o manexo da enfermidade. Ademais, funciona como punto de encontro e referencia para integrantes doutras asociacións relacionadas coa diabetes.

Neste contexto, Otero subliñou que “se trata dunha entidade que desenvolve unha destacada labor social e que precisa un local axeitado para seguir prestando os seus servizos á veciñanza”. Engadiu tamén que o apoio institucional non debería limitarse a datas sinaladas, como o Día Mundial da Diabetes, que se celebra o 14 de novembro, senón manterse ao longo de todo o ano.

A edil lembrou que o grupo municipal popular xa presentara no pleno unha proposta para que o Concello cedese á entidade un espazo adecuado para a súa actividade. Segundo afirmou, esta iniciativa non contou co respaldo do goberno municipal, polo que reiterou a necesidade de atender as demandas do tecido asociativo da cidade.

A Asociación Compostelá de Diabetes, creada en 1986, é a entidade máis antiga deste ámbito en Galicia. Na actualidade ostenta a presidencia e a secretaría da Federación Galega de Pacientes de Diabetes. Mentres asociacións similares doutras cidades galegas, como A Coruña, Ourense ou Ferrol, contan con sede propia, a de Santiago continúa desenvolvendo a súa actividade nun espazo compartido.

Entre as accións que promove a entidade atópanse programas formativos, atención personalizada —especialmente dirixida a persoas maiores—, obradoiros de nutrición, asesoramento sobre o uso de sensores e bombas de insulina, revisión de pés ou acompañamento no tratamento farmacolóxico.

Segundo os datos máis recentes do Instituto Nacional de Estatística, en 2024 rexistráronse 10.288 falecementos por diabetes en España. En Galicia hai máis de 250.000 persoas diagnosticadas con esta enfermidade crónica, unha realidade que tamén afecta á área de Santiago e que, segundo sinalan desde o PP, evidencia a importancia de reforzar o apoio ás entidades que traballan neste ámbito.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here