InicioCULTURAA Mostra Internacional de Cinema Etnográfico abre en Santiago a súa XXI...

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico abre en Santiago a súa XXI edición con cinema, creación e reflexión arredor do real

O festival do Museo do Pobo Galego desenvolverase até o 15 de marzo con proxeccións, obradoiros e actividades que exploran as relacións entre cinema, memoria e territorio

Publicado o

Xornal de Compostela

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE) inaugura este martes 10 de marzo en Santiago de Compostela a súa XXI edición, que se prolongará ata o 15 de marzo cun programa que combina proxeccións, investigación, creación audiovisual e reflexión arredor da antropoloxía visual.

A sesión inaugural celebrarase ás 20:30 no Teatro Principal e incluirá a presentación da peza Redeiras de A Guarda, unha creación realizada especificamente para esta edición do festival pola artista sonora Acacia Ojea, coa colaboración da artista visual Arancha Brandón. A obra constrúe unha proposta audiovisual a partir dos sons asociados ao oficio das redeiras —o traballo coas redes, as conversas ou o ambiente do porto— ofrecendo unha aproximación ao universo dun labor tradicional vinculado historicamente ás comunidades mariñeiras galegas e desempeñado maioritariamente por mulleres.

A apertura do festival completarase coa proxección de Psicoxeografía de Santiago de Compostela, unha peza experimental realizada no marco dun obradoiro de iniciación ao cinema en formato 16 mm impartido por Pablo Useros e financiado pola ECAM. Durante os días previos á mostra, as persoas participantes filmaron diferentes espazos da cidade utilizando soporte fotoquímico, nun proceso colectivo que deu lugar a unha película sobre Santiago que tamén será proxectada en 16 mm na sesión inaugural.

Segundo a organización, ambas propostas conectan cunha das liñas centrais desta edición da MICE: a atención aos procesos de creación cinematográfica e á dimensión experimental e colectiva das prácticas audiovisuais.

Entre as actividades programadas destaca tamén a iniciativa Home Movie, un proxecto de investigación e creación centrado no cinema doméstico, que ofrecerá durante o festival un servizo de dixitalización gratuíta de películas familiares en formato Super 8.

A actividade desenvolverase o 12 de marzo no Museo do Pobo Galego, entre as 10:00 e as 14:00 e de 16:00 a 19:00, e permitirá ás persoas participantes realizar unha primeira dixitalización das súas filmacións familiares. Ademais do proceso técnico, o equipo responsable ofrecerá recomendacións para a conservación e almacenamento destes materiais, co obxectivo de favorecer a preservación destes arquivos audiovisuais domésticos.

Cada participante poderá dixitalizar ata 15 metros de película, obtendo unha copia dixital dunha das súas gravacións.

Ao longo da semana, o festival desenvolverá tamén as súas seccións competitivas, nas que participarán once películas vinculadas á antropoloxía visual e ás diferentes formas contemporáneas de representación do real.

Entre elas destaca a Sección Galicia, que terá lugar o 11 de marzo ás 20:30 no Teatro Principal e que ofrece unha mostra das tendencias actuais do cinema galego. A sesión incluirá títulos como El cuerpo de cristo, de Bea Lema; Alboroque, de Sabrina Fernández Casas; Furada Negra, de Berio Molina; A voz de todas as cousas, de Daniel Pérez Silva; e La historia todavía no conoce mi nombre, de Diana Toucedo.

Pola súa parte, a Sección Internacional celebrarase os días 12 e 14 de marzo, tamén ás 20:30 no Teatro Principal, e reunirá obras procedentes de diferentes contextos xeográficos que exploran cuestións relacionadas coa memoria, a paisaxe ou a identidade colectiva.

A programación desta edición conta cunha presenza destacada de cineastas mulleres, entre elas Bea Lema, Sabrina Fernández Casas, Diana Toucedo, Maureen Fazendeiro, Laura Gonçalves, Alexandra Ramires ou Emilia Auhagen-Kuoppamäki, que participan nunha selección que reflicte as diversas formas de aproximación ao cinema etnográfico contemporáneo.

Dende a súa creación, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego consolidouse como un espazo de referencia para o cinema etnográfico e a antropoloxía visual no ámbito estatal, articulando cada ano un programa que combina creación cinematográfica, investigación e debate arredor das formas de representar as comunidades e os territorios.

A edición número vinte e unha da mostra está organizada polo Museo do Pobo Galego e conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia e Acción Cultural Española (AC/E).

ÚLTIMAS

Pacientes do CHUS denuncian un “colapso” permanente nos accesos ao Clínico

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou o “colapso” permanente dos accesos...

A CIG anuncia mobilizacións contra Monbus e reclama a readmisión dun traballador despedido tras a folga en Santiago

A CIG anunciou novas mobilizacións e accións penais contra o grupo Monbus para reclamar...

“Traballaba as 24 horas”: unha muller relata como foi traída desde Colombia e obrigada a prostituírse

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, acolleu este...

A néboa e o vento obrigan a desviar sete voos con destino a Santiago

As condicións meteorolóxicas complicaron este martes pola tarde a operativa do aeroporto de Santiago-Rosalía...

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O Festival Maré reunirá en Santiago artistas de máis de 16 países na súa sétima edición

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición...

Aberto26 abrirá a tempada da arte contemporánea con exposicións simultáneas en nove galerías galegas

A cuarta edición de 'Aberto' celebrarase do 17 ao 19 de setembro cun programa...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here