O Teatro Principal de Santiago acolleu este luns 9 de marzo o acto de entrega dos premios ‘Mulleres de Compostela 2026’, unha iniciativa coa que o Concello continúa a programación municipal vinculada á conmemoración do Día Internacional das Mulleres, o 8M.
Nesta edición foron distinguidas dez mulleres correspondentes a oito candidaturas, entre elas unha colectiva: o proxecto escénico As Fillas Bravas de Momán, integrado polas actrices Patricia de Lorenzo González, Mónica García Pérez e Arantza González Villar, xunto coa foniatra Clotilde Rodríguez Martul, a divulgadora Merche Espiño, a economista María Loureiro, a comerciante Luísa Ríos, a inspectora principal da Policía Local Diana Parente, a avogada Isabel Castillo e a directora de Cáritas Diocesana de Santiago Pilar Farjas.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, abriu o acto subliñando a relevancia de facer visibles as traxectorias das mulleres e de recoñecer o seu papel na sociedade. Durante a súa intervención destacou “a importancia de nomear, de visibilizar, de coñecer, de afondar nas orixes das cousas”, ao tempo que evocou ás mulleres da súa propia familia como exemplo de experiencias compartidas coas premiadas.
Sanmartín referiuse tamén a elementos comúns presentes nas biografías das recoñecidas, como a emigración, o comercio ou o compromiso co territorio e coas persoas máis vulnerables, aínda que sinalou tamén os cambios experimentados pola sociedade nas últimas xeracións. A alcaldesa enumerou ás premiadas e afirmou que “petan nas nosas conciencias, serven de necesarios referentes e son campioas do saber facer”, definíndoas ademais como parte da identidade colectiva da cidade.
O evento contou coa presentación da actriz Iria Sobrado e incluíu unha actuación musical de Su Garrido, nunha gala que reuniu representantes institucionais, familiares e persoas vinculadas á vida social e cultural de Compostela.
Entre as premiadas figura o colectivo As Fillas Bravas de Momán, un proxecto teatral e musical que recupera a memoria das mulleres do rural a través da copla e da pandeireta, abordando temas como a independencia económica, a sexualidade ou o dereito a decidir desde unha perspectiva feminista vinculada á tradición popular.
Tamén foi recoñecida Clotilde Rodríguez Martul, primeira foniatra da sanidade pública galega e figura pioneira tanto no ámbito sanitario como na vida política local. Durante a súa carreira profesional desenvolveu un amplo labor de defensa da saúde vocal e foi a primeira muller en exercer como alcaldesa de Santiago de maneira accidental, ademais de impulsar iniciativas como a creación da Concellería da Muller en 1991.
A divulgadora Merche Espiño foi distinguida polo seu traballo de investigación e difusión cultural, especialmente pola súa obra Espazos de Rosalía en Compostela, na que reivindica a relación da cidade coa figura de Rosalía de Castro, así como polo seu compromiso coa lingua galega e coa Mesa pola Normalización Lingüística.
No ámbito académico, o Concello destacou a traxectoria da economista María Loureiro, catedrática da Universidade de Santiago e directora científica do centro interuniversitario ECOBAS. A súa investigación céntrase na economía ambiental, os recursos naturais ou os incendios forestais, e tivo un papel relevante no proceso xudicial do ‘Prestige’ ao realizar a pericial económica sobre os danos ambientais.
Entre as recoñecidas atópase tamén Luísa Ríos, propietaria dunha mercería no barrio de San Pedro, considerada unha figura representativa do comercio de proximidade e do tecido social da zona. O seu establecemento converteuse nun espazo de encontro veciñal e nun símbolo da continuidade do comercio tradicional.
No eido da seguridade pública foi premiada Diana Parente, que desde xaneiro ocupa o cargo de inspectora principal da Policía Local de Santiago, sendo a única muller con ese rango en Galicia. A súa carreira profesional inclúe diversos fitos pioneiros dentro do corpo policial, cunha traxectoria baseada na promoción interna e na formación.
O recoñecemento municipal alcanzou tamén á avogada Isabel Castillo, especializada en Dereito de Familia e coñecida polo seu asesoramento en casos relacionados con cláusulas abusivas ou estafas bancarias. O Concello destacou o seu enfoque social da avogacía e o seu compromiso coa defensa dos dereitos civís e co uso do galego no ámbito xurídico.
Finalmente, o galardón foi concedido á médica Pilar Farjas, actual directora de Cáritas Diocesana de Santiago, pola súa labor na atención a persoas en situación de pobreza e exclusión social. Farjas desenvolveu previamente responsabilidades institucionais como conselleira de Sanidade da Xunta e secretaria xeral de Sanidade no Goberno do Estado.
A lista de premiadas foi proposta polo Consello Asesor de Condecoracións a partir da escolla realizada polo conxunto da Corporación municipal e aprobada no Pleno de febreiro, xunto cunha declaración institucional con motivo do 8M.
Con esta iniciativa, o Concello de Santiago busca recoñecer o labor de mulleres naturais da cidade ou que desenvolven nela a súa actividade profesional, destacando a súa contribución en ámbitos como a cultura, a investigación, o comercio, a acción social ou os servizos públicos.

