InicioSANTIAGOAMESAmes estrea o documental '8M A Voces' no acto central do Día...

Ames estrea o documental ‘8M A Voces’ no acto central do Día Internacional da Muller

A peza audiovisual recolle as reflexións de nove veciñas do municipio sobre igualdade, avances e retos pendentes

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames celebrou este sábado o acto central de conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cun evento desenvolvido no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns e organizado pola Concellaría de Igualdade. A cita estivo marcada pola estreita do documental 8M A Voces, unha peza audiovisual que reúne testemuños de nove mulleres do municipio que comparten as súas reflexións arredor da igualdade.

O acto, presentado por Fátima Pego, comezou coa proxección dun vídeo no que se deu lectura ao manifesto institucional do 8M. Nel subliñouse a diversidade das experiencias femininas e a necesidade de continuar avanzando na igualdade real entre mulleres e homes. O texto reivindicou que “cada muller é diferente, cada unha ten un sentir, cada unha vive distinto, non hai unha única maneira de ser muller”, e defendeu a presenza feminina en todos os ámbitos da sociedade.

A continuación proxectouse o documental 8M A Voces, protagonizado por Diana Parente, Laura Rozas, Cristina Álvarez, Concha Sabucedo, Mari Viaño, Cheli Marín, Cristina Sánchez, Tabita Rodríguez e Merlita Álvarez, todas elas veciñas de Ames. A obra reúne relatos persoais e reflexións sobre os cambios experimentados nas últimas décadas, así como sobre os desafíos que aínda persisten na vida cotiá.

A través dun formato baseado na conversa e na experiencia persoal, o documental aborda a diversidade de realidades das mulleres, poñendo en común vivencias que, malia seren distintas, comparten inquietudes e retos relacionados coa igualdade. O proxecto pretende, segundo a organización, dar visibilidade ás historias cotiás e reforzar o compromiso social coa igualdade efectiva.

Tras a proxección interveu o alcalde de Ames, Blas García, que destacou o papel das mulleres na sociedade galega e lembrou a experiencia da súa nai, á que definiu como exemplo dunha xeración que asumiu múltiples responsabilidades familiares e laborais. Segundo afirmou, “debemos ter presente todos os días a importancia da muller na sociedade galega, e na sociedade en xeral”.

A continuación celebrouse un coloquio coas protagonistas do documental, no que compartiron experiencias persoais e reflexións sobre igualdade. Durante o diálogo, unha das participantes, Laura Rozas, sinalou que “non creo que hoxe sexa un día para celebrar, senón que é para conmemorar os dereitos da muller e a igualdade entre todos”, e engadiu que a defensa destes dereitos “debería ser unha loita de todos os días”.

O encontro completouse cunha rolda de preguntas do público asistente, na que se abordaron diferentes cuestións relacionadas coa igualdade e coa realidade das mulleres no ámbito social.

O acto concluíu coas intervencións da concelleira de Igualdade, Uxía García, e das voceiras municipais do Partido Popular, Oliva Agra; do BNG, Escarlata Pampín; e de Espazo Común, Luísa Feijóo.

Uxía García destacou durante o peche que “o feminismo une e temos que traballar para que ningunha muller quede atrás, independentemente da súa idade, procedencia, realidade e identidade”. A concelleira afirmou que “este 8M o feminismo é unión, igualdade e futuro” e rematou o acto coa lectura duns versos da artista amesá Guadi Galego, que evocan o percorrido histórico das mulleres na conquista de dereitos.

Coa celebración deste acto e coa presentación do documental, o Concello de Ames quixo reivindicar a pluralidade de voces femininas do municipio e promover a reflexión colectiva arredor da igualdade.

ÚLTIMAS

Os CEIP e escolas unitarias de Santiago abren o curso con 4.299 escolares

O curso escolar comezou este mércores en Santiago con 4.299 nenos e nenas matriculados...

O Concello reclama cambios no PIA de Lavacolla e cuestiona que permita estender o uso comercial por todo o parque empresarial

O Concello de Santiago presentou alegacións ao proxecto de interese autonómico (PIA) do parque...

A USC asegura o Colexio Maior San Clemente tras desprenderse parte da cornixa e da cuberta

A Universidade de Santiago de Compostela iniciou actuacións de urxencia no Colexio Maior San Clemente,...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

Colectivos veciñais de Ames esixen explicacións ao Concello pola desaparición do can ‘Gordo’

Colectivos veciñais e particulares de Ames reclamaron explicacións ao Concello polo paradoiro de 'Gordo',...

O BNG de Ames reivindica a memoria das vítimas do franquismo e alerta contra o seu branqueamento

A reivindicación da memoria das vítimas da represión franquista centrou un acto no que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here