InicioSOCIEDADEA ANPA do CEIP Santiago Apóstol denuncia o "bloqueo" ao cambio de...

A ANPA do CEIP Santiago Apóstol denuncia o “bloqueo” ao cambio de nome do centro: “Ignoraron dous anos de diálogo”

Critica que PP e edís non adscritos ignoren a "vontade unánime" da comunidade escolar e convoca unha asemblea para o 18 de marzo

Publicado o

Xornal de Compostela

A ANPA do CEIP Santiago Apóstol denunciou o “bloqueo” por parte do pleno do Concello de Santiago ao cambio de denominación do centro por CEIP da Almáciga, unha decisión que considera que “ignora dous anos de participación, diálogo e consenso”. Tras o rexeitamento da proposta na sesión plenaria do pasado venres, marcada pola tensión, a asociación convocou unha asemblea xeral para o 18 de marzo co fin de valorar os pasos a seguir. Nun comunicado, a ANPA lamentou que os 11 concelleiros do PP e os catro edís non adscritos se opuxesen á “vontade unánime” do Consello Escolar.

UN PROCESO “EXEMPLAR”, SEGUNDO A COMUNIDADE EDUCATIVA

Segundo defenden, o nome de ‘Almáciga’ é o resultado dun “proceso exemplar” que conta co apoio do profesorado e do barrio. Critican que se desautorizase o órgano democrático do centro ao intervir nunha decisión adoptada, segundo aseguran, conforme á lei. O pleno compostelán rexeitou informar favorablemente a nova denominación. A pesar do apoio de BNG, Compostela Aberta e PSdeG, a maioría formada polo voto en contra do PP e a abstención dos non adscritos impediu que a iniciativa prosperase. Durante o debate, o director do centro, Luís Martínez Sánchez, defendeu a “lexitimidade” do cambio, subliñando o consenso interno e a vontade de presentar o colexio como un “centro educativo público, aconfesional e plural”.

DEBATE POLÍTICO E TENSIÓN NO PLENO

A concelleira nacionalista Míriam Louzao e representantes de Compostela Aberta e do PSdeG apelaron á “autonomía educativa”. Pola súa banda, o portavoz popular Borja Verea xustificou o seu rexeitamento ao considerar que a denominación actual é “patrimonio común” da cidade e non só da comunidade educativa, afirmando que o seu grupo está “a favor do nome de Santiago de Compostela”. O edil non adscrito Gonzalo Muíños cuestionou se o termo “apóstolo” implica realmente unha connotación ideolóxica negativa.

Tras a votación, produciuse un incidente cando, segundo denunciou Verea, un membro da ANPA chamou “puto lercho” a Muíños desde o público. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, lembrou que as sesións son abertas e que o Concello non conta con convidados oficiais. Consultada posteriormente, a ANPA asegurou sentirse “utilizada como instrumento” e “atafegada pola exposición mediática” xerada arredor da polémica.

ÚLTIMAS

A USC contará cunha Cátedra de Memoria Democrática da man do Ministerio de Política Territorial e Memoria

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e a reitora da Universidade...

A USC abre o curso 2026/2027 coa defensa da universidade pública, dos dereitos humanos e da memoria emigrante

A Universidade de Santiago de Compostela inaugurou este venres o curso académico 2026/2027 cun acto...

O Consorcio abre as primeiras axudas para reformar os locais comerciais da Cidade Histórica

O Consorcio de Santiago abrirá este sábado a primeira convocatoria de axudas destinada especificamente...

Verea reclama explicacións ao Goberno local ante a posible existencia de quendas con só seis policías

O Partido Popular de Santiago reclamou ao Goberno municipal que aclare se durante os...

A USC contará cunha Cátedra de Memoria Democrática da man do Ministerio de Política Territorial e Memoria

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e a reitora da Universidade...

Traballadores de conserxería e limpeza dos colexios de Santiago volverán á folga

Traballadores de Lacera, a empresa concesionaria de conserxería e limpeza nos colexios de Santiago,...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...