InicioPOLÍTICAO Goberno local retoma a licitación do transporte tras o aval do...

O Goberno local retoma a licitación do transporte tras o aval do Tacgal e amplía o prazo ata o 18 de marzo

Sanmartín e Duro anuncian o levantamento da suspensión do contrato e cargan contra o papel do PP no pleno sobre a xestión da auga e os centros socioculturais

Publicado o

Xornal de Compostela

O Goberno municipal de Santiago de Compostela anunciou este venres que retomará o procedemento de licitación do novo contrato de transporte urbano despois de que o Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia (TACGAL) resolvese os cinco recursos presentados contra os pregos. Segundo explicou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, as resolucións dan a razón ao Concello en todos os casos e permiten continuar coa tramitación “con moitísima maior seguridade”.

Acompañada polo concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, Sanmartín detallou que o vindeiro luns a Xunta de Goberno aprobará o levantamento da suspensión do prazo de presentación de ofertas, que fora acordada por prudencia cando o TACGAL decidiu suspender cautelarmente a adxudicación.

O Concello non só recuperará os oito días que restaban cando se paralizou o procedemento, senón que ampliará outros oito adicionais. O novo prazo para presentar ofertas rematará o 18 de marzo, co obxectivo de “garantir a máxima concorrencia posible” nun contrato que o executivo cualifica como un dos máis relevantes da administración local.

Pola súa banda, Duro explicou que dos cinco recursos presentados, tres foron inadmitidos por falta de lexitimación das unións temporais de empresas recorrentes e dous foron desestimados no fondo. Entre as cuestións impugnadas figuraban requisitos como a experiencia previa en ámbitos de máis de 75.000 habitantes, a obriga de dispoñer de 67 vehículos provisionais durante o primeiro ano ou a configuración da futura frota con vehículos eléctricos e de gas natural.

O concelleiro subliñou que o tribunal non apreciou irregularidades nin nos criterios de valoración nin nos estudos económicos, e destacou que, a diferenza do proceso anterior, nesta ocasión non se estimou parcialmente ningún recurso. “Estas resolucións avalan o traballo técnico realizado”, indicou.

ABONO DAS DÉBEDAS AOS TRABALLADORES DOS CENTROS SOCIOCULTURAIS

Durante a comparecencia, a alcaldesa tamén se referiu á situación dun dos lotes do servizo dos centros socioculturais, actualmente afectado pola renuncia da empresa adxudicataria inicial. Segundo explicou, o Concello está á espera de que a segunda empresa clasificada confirme a aceptación do contrato.

En relación coas débedas salariais pendentes da anterior concesionaria, Duro detallou que o Concello reteu facturas e artellou un procedemento para aboar directamente aos 56 traballadores as cantidades debidas, previa cesión do dereito de cobro por parte da empresa saínte e aceptación individual das persoas afectadas. O edil sinalou que xa se están recibindo as primeiras autorizacións e que se tramitarán expedientes individualizados para efectuar os pagamentos “no menor prazo posible”, aínda que recoñeceu a complexidade administrativa do proceso.

Sanmartín pediu desculpas polas actividades paralizadas e lembrou que existen alternativas provisionais, como prazas dispoñibles na ludoteca María Miramontes das Fontiñas para facilitar a conciliación.

CRÍTICAS AO PP POLO DEBATE DA AUGA

A rolda de prensa tamén abordou o debate plenario sobre o modelo de xestión do servizo da auga. A alcaldesa criticou a postura do Partido Popular, ao que acusou de manter posicións distintas na comisión específica e no pleno. Segundo indicou, o Goberno cumpriu co compromiso de someter a análise o modelo de xestión, tras a elaboración dun informe externo encargado pola comisión.

Sanmartín sinalou que o executivo municipal tomará “uns días para pensar” sobre os seguintes pasos, sen descartar ningunha opción, e reiterou que o mandato continúa e que o Goberno seguirá adoptando iniciativas. “Non imos quedar de brazos cruzados”, afirmou.

En relación co cambio de denominación do CEIP Apóstolo Santiago, rexeitado no pleno, a alcaldesa indicou que a decisión de volver presentar a proposta corresponde á comunidade educativa e lembrou que a competencia final sería da Consellería de Educación.

O Goberno local insistiu en que continuará informando dos avances tanto no contrato do transporte como nas restantes cuestións tratadas no pleno, nun contexto no que considera prioritario desbloquear servizos esenciais para a cidade.

ÚLTIMAS

Temperaturas de máis de 30 graos e goteiras: o comité de empresa denuncia tres anos sen solucións na residencia DomusVi de Pontepedriña

O comité de empresa da residencia de maiores Fundación José Otero-Carmela Martínez, xestionada por...

O arquitecto Fernando Cobos defende o “rigor” da intervención no Hostal dos Reis Católicos

O arquitecto Fernando Cobos, responsable da execución da obra de intervención no Hostal dos...

A protesta do téxtil trasládase a Santiago e acampan fronte á Confederación de Empresarios

A acampada de representantes de traballadoras e traballadores do sector téxtil contra o convenio...

Compostela reabre Santa Isabel tras unha reforma integral de 2,6 millóns de euros

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, encabezou este martes pola tarde a visita...

Borja Verea propón crear unha ‘Casa das Familias’ municipal para ofrecer apoio emocional e orientación en Santiago

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, anunciou este martes a proposta da...

O PSOE acusa ao Goberno de Santiago de modificar a RPT “sen planificación” e cun informe negativo de Intervención

O Grupo Municipal Socialista denunciou este martes que a última modificación da relación de...

Pedro Blanco afirma que calquera nome que manexe o PSdeG para Santiago debe sentirse “orgulloso”

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, referiuse este martes ao proceso interno...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here