O Pleno ordinario do Concello de Santiago de Compostela debateu este xoves a proposta para informar favorablemente o cambio de denominación do CEIP Apóstolo Santiago polo de CEIP da Almáciga, unha iniciativa promovida pola propia comunidade educativa do centro. A proposta foi finalmente rexeitada tras contar cos votos en contra do grupo municipal do Partido Popular.
A concelleira de Turismo e representante municipal no Consello Escolar do centro, Míriam Louzao, explicou que a solicitude partiu da dirección do colexio e foi aprobada por unanimidade no Consello Escolar, logo dun proceso participativo impulsado pola ANPA. Segundo detallou, a petición cumpre cos requisitos establecidos na normativa autonómica e inclúe a certificación do acordo adoptado, así como un informe motivado no que se argumenta que o topónimo Almáciga é único en Galicia e identifica de maneira directa o barrio no que se sitúa o centro.
Louzao subliñou que o procedemento é “regrado” e que o papel do Pleno municipal é emitir un informe previo para que a proposta poida continuar a súa tramitación ante a Consellería de Educación, órgano competente para adoptar a decisión definitiva.
DEBATE SOBRE O ALCANCE SIMBÓLICO DO NOME
O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños expresou o respecto polo traballo desenvolvido pola ANPA e pola dirección do centro, aínda que cuestionou algúns dos argumentos empregados para xustificar o cambio. Na súa intervención apuntou que ambos nomes levan convivindo socialmente e que a identificación do centro coa Almáciga non require necesariamente unha modificación formal da súa denominación.
Muíños defendeu a posibilidade de buscar fórmulas de consenso que permitisen manter referencias a ambos nomes, ao tempo que advertiu de que o debate xerado nos últimos días evidencia a existencia de posturas diversas na cidade.
Pola súa banda, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, incidiu en que a proposta nace da comunidade educativa e recordou que nos últimos anos se produciron cambios de denominación noutros centros educativos galegos sen que se xerase polémica. Segundo indicou, o trámite que se sometía a votación limitábase a informar a proposta para que a Xunta decidise.
O concelleiro socialista Gumersindo Guinarte afirmou que a iniciativa non partía do Goberno municipal senón do Consello Escolar do centro e considerou que non corresponde ao Pleno substituír a decisión adoptada pola comunidade educativa cando esta se axusta á normativa vixente.
O PP VOTA EN CONTRA
O portavoz do Partido Popular, Borja Verea, defendeu que o nome dun centro público “pertence a toda a cidade” e non unicamente á comunidade educativa nun momento determinado. Na súa intervención sostivo que a supresión da referencia a “Apóstolo Santiago” ten unha “carga simbólica” que xustifica o debate plenario e asegurou que o seu grupo votaría a favor de manter a denominación actual.
Verea insistiu en que o Pleno non realiza unha mera “dación de conta”, senón que debe posicionarse politicamente sobre unha cuestión que, ao seu xuízo, afecta á identidade compartida da cidade.
Tras as quendas de réplica, a proposta foi sometida a votación. Os grupos do BNG, Compostela Aberta e PSdeG votaron a favor de informar favorablemente o cambio de nome, mentres que o Partido Popular votou en contra e os concelleiros e non adscritos optaron pola abstención. Ao non acadarse a maioría necesaria, a proposta quedou rexeitada, polo que non se emitirá informe favorable para continuar a tramitación ante a Consellería de Educación.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, pechou o debate sinalando que o procedemento seguido foi o establecido pola normativa e lamentou o ton da controversia xerada arredor da iniciativa.

