InicioSOCIEDADEA USC elixe este xoves a primeira reitora da súa historia nunha...

A USC elixe este xoves a primeira reitora da súa historia nunha votación decisiva con máis de 28.000 electores

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) decidirá este xoves quen se converte na primeira reitora da súa historia, será nunha votación na que 28.326 membros da comunidade universitaria inclinarán a balanza a favor de María José López Couso, Maite Flores, Alba Nogueira ou Rosa Crujeiras

Publicado o

Xornal de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) decidirá este xoves quen se converte na primeira reitora da súa historia, nunha votación na que 28.326 membros da comunidade universitaria inclinarán a balanza a favor de María José López Couso, Maite Flores, Alba Nogueira ou Rosa Crujeiras.

Segundo a normativa, a comunidade universitaria poderá emitir o seu voto electrónico entre as 09.00 e as 18.00 horas, pero se ningunha candidata acada o 50 % dos votos ponderados, os comicios repetiríanse nunha segunda volta. Neste caso, a comunidade universitaria volvería votar o 11 de marzo, elixindo entre as dúas aspirantes máis votadas. O sistema electoral é ponderado, polo que non todos os votos teñen o mesmo peso.

Así, o Sector I (profesorado doutor con vinculación permanente) concentra o 51 % do voto, seguido do alumnado (28 %), do resto do persoal docente e investigador (11 %) e do persoal de administración e servizos (10 %), segundo recolle o artigo 48 do Regulamento Electoral Xeral da USC.

COMO FUNCIONA A VOTACIÓN ELECTRÓNICA?

A votación realizarase de forma telemática desde calquera dispositivo conectado a Internet. Os electores deberán acceder á Secretaría Virtual ou á web electoral, identificarse coas súas claves corporativas e emitir o voto. Ao finalizar, poderán gardar un recibo cun código de control para verificar que foi contabilizado. O 13 de febreiro producirase a proclamación provisional e o prazo de recursos estenderase do 18 ao 24 de febreiro, mentres que a proclamación definitiva está prevista para o 26 de febreiro.

CATRO PROXECTOS PARA REDEFINIR O FUTURO DA USC

As candidatas defenden modelos diferentes para a universidade. Alba Nogueira aposta por unha “renovación” fronte ao continuísmo, con cambios administrativos e unha reestruturación do posgrao. Pola súa banda, María José López Couso centra o seu proxecto nas fortalezas actuais da USC, coa negociación do novo plan de financiamento para 2026 e a procura de fondos alternativos.

A candidatura de Maite Flores nace do descontento dunha parte da comunidade universitaria co actual modelo de gobernación, mentres que Rosa Crujeiras presenta un proxecto que define como “sólido e madurado”, orientado a un plan estratéxico a longo prazo para unha universidade “inclusiva e feminista”.

UN PROCESO MARCADO POLA POLÉMICA

A campaña non estivo exenta de controversias. En decembro, a Comisión Electoral Central excluíu inicialmente a candidatura de Alba Nogueira por cuestións formais, aínda que finalmente foi aceptada. Tamén xerou debate o cesamento de Maite Flores na CIUG por parte do actual reitor, Antonio López, unha decisión que ela vinculou á súa candidatura, mentres o reitorado a cualificou de “hixiene democrática”.

Pola súa banda, Rosa Crujeiras tivo que prescindir dun membro do seu equipo tras a polémica xerada polo contido dun blogue persoal, e María José López Couso foi sinalada polas súas rivais como o perfil máis próximo ao “continuísmo” do actual equipo reitoral. Este xoves, tras semanas de campaña e debate interno, a comunidade universitaria decidirá quen liderará a USC nun momento clave de transformación institucional.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...