InicioPOLÍTICAO Concello de Santiago anuncia a cesión de parcelas para vivenda pública...

O Concello de Santiago anuncia a cesión de parcelas para vivenda pública en Castro de Abaixo

O Goberno local tramitará a entrega de dous solares a Vipugal para a construción de vivendas protexidas en aluguer e avanza a súa folla de ruta sobre a xestión da auga

Publicado o

Xornal de Compostela

O Goberno local de Santiago de Compostela anunciou a cesión de dúas parcelas municipais á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) para a construción de vivendas en réxime de protección pública. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, detallou en rolda de prensa que os solares están situados en Castro de Abaixo, na Avenida de Sira Alonso, e contan cunha superficie de 560 metros cadrados cada un, cunha capacidade mínima para 18 vivendas por parcela.

Segundo explicou a mandataria local, esa capacidade poderá incrementarse en función da lexislación autonómica vixente, polo que o número final de vivendas podería ser superior ao mínimo estimado. O expediente administrativo deberá someterse a exposición pública durante 15 días hábiles, contados desde o día seguinte á súa publicación no BOP. De non presentarse reclamacións, o acordo considerarase definitivo sen necesidade dunha nova aprobación plenaria.

Sanmartín puxo o foco nos incentivos fiscais asociados a esta promoción. Grazas á modificación das ordenanzas fiscais aprobada en setembro de 2025, as vivendas de promoción pública poderán acollerse, se así o solicitan, a unha bonificación do 50% do IBI durante os tres primeiros anos e do 45% nos dez anos seguintes, sempre que manteñan a titularidade pública e se destinen ao aluguer. Ademais, tamén poderán beneficiarse dunha bonificación do 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).

A alcaldesa lembrou que esta modificación fiscal, que cualificou de relevante, contou no seu momento co voto en contra do Partido Popular. Ao respecto, sinalou que “é bo saber que ás veces se vota en contra de cuestións como estas que favorecen á xente”.

No plano político-institucional, Sanmartín enmarcou a cesión destas parcelas na “colaboración lóxica entre administracións”, que considerou necesaria para abordar o problema da vivenda. Nesa mesma liña, lembrou que no pasado mes de outubro o Concello ofreceu á Xunta a posibilidade de ceder outras parcelas nas que se poderían construír arredor de 80 vivendas públicas en aluguer, proposta que, segundo indicou, foi rexeitada polo Executivo autonómico.

MODELO DE XESTIÓN DA AUGA

Por outra banda, a alcaldesa avanzou que o obxectivo do Goberno local é levar ao Pleno municipal no mes de febreiro a proposta de modelo de xestión da auga que resultou seleccionada na última reunión da Comisión da auga. Nesa sesión, PSOE e Partido Popular votaron a favor do modelo de concesión, unha iniciativa impulsada polos socialistas, mentres que BNG e Compostela Aberta amosaron o seu rexeitamento.

Neste contexto, Sanmartín reiterou que o Goberno local considera esta decisión unha “oportunidade perdida”, ao entender que a súa proposta de sociedade mixta era “moi sólida” e resultaba “máis lóxica, razoable e equilibrada”. Con todo, confirmou que o Executivo municipal levará a Pleno a proposta que obtivo máis apoios, co compromiso de escoitar as distintas posicións, mantendo “unha liña clara do que entendemos como a mellor opción para Santiago e para a sociedade empresarial”.

ÚLTIMAS

As candidatas á reitoría da USC debaten co estudantado sobre participación, docencia, lingua e vivenda

A Facultade de Ciencias Políticas da USC acolleu na tarde deste xoves un debate...

O Goberno de Santiago activa os contactos coa segunda empresa tras a renuncia de Eulen ao contrato dos centros socioculturais

O Goberno local de Santiago de Compostela iniciou os primeiros contactos coa segunda empresa...

O CGAC inaugura a súa programación de 2026 coa exposición ‘Internalities’, chegada da Bienal de Arquitectura de Venecia

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) abriu a súa programación expositiva de 2026...

Compostela celebrará o legado de Rosalía de Castro cunha vintena de actividades na oitava edición do seu festival

Compostela acollerá os días 21 e 22 de febreiro a oitava edición do festival...

O Goberno de Santiago activa os contactos coa segunda empresa tras a renuncia de Eulen ao contrato dos centros socioculturais

O Goberno local de Santiago de Compostela iniciou os primeiros contactos coa segunda empresa...

PSOE e PP critican a xestión municipal tras a renuncia de Eulen ao contrato dos centros socioculturais

O Grupo Municipal Socialista de Santiago expresou a súa preocupación pola situación xerada despois...

A alcaldesa inicia os encontros individuais coa veciñanza para escoitar propostas e dúbidas

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, deu comezo este xoves á primeira...